Ferida de consideración unha persoa ao caer dun muro en Leiro

Unha colisión entre un coche e un camión na A-52 na Agudiña deixa dúas persoas feridas

Unha persoa resultou ferida de consideración esta tarde en Leiro ao caer dun muro duns sete metros de altura nas proximidades da igrexa de Berán.

O 112 Galicia tivo coñecemento do sucedido a través dunha persoa particular ás 18:10 horas e, axiña, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar dos feitos para atender á persoa ferida.

Ademais, o persoal do CIAE 112 Galicia requiriu a intervención dos efectivos do GES de Ribadavia, dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e dos axentes da Garda Civil para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave.

AGUDIÑA. Dúas persoas resultaron feridas esta tarde nunha colisión por alcance na que se viron implicados un turismo e un camión na A-52, ao seu paso por A Gudiña.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas persoas lesionadas foron trasladadas nunha ambulancia a un centro médico.

O 112 Galicia recibiu varias chamadas de particulares que alertaban de este sinistro ao fío das  13:30 horas. Indicaban no seu relato que os vehículos colidiran no punto quilométrico 131 da autovía, en sentido a Benavente.

Con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do GES da Agudiña e de Protección Civil.

PONTEDEUME. Por outra banda, en Pontedeume, unha colisión na que se viron implicados tres coches saldouse con dúas persoas feridas.

O sinistro produciuse na N-651, concretamente no punto quilométrico 19, preto das 17:30 horas. Nese momento, unha persoa implicada no accidente puxo os feitos en coñecemento do 112 Galicia.

A partir de aí, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e aos Bombeiros do Eume.