Dous feridos graves ao saírse da vía un coche en Vigo e dar varias voltas de campá

O vehículo acabou colisionando contra un muro
Accidente en Vigo. TVG
photo_camera Accidente en Vigo. TVG

Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que se excarceradas a noite do pasado sábado despois de que se saísen da vía co seu turismo e desen varias voltas de campá até acabar empotrados contra un muro en Vigo. Os dous afectados atópanse feridos de consideración, segundo os datos facilitados polo 112 Galicia.

Para saír do vehículo tiveron que ser liberados polos bombeiros de Vigo e posteriormente recibiron asistencia médica no hospital de referencia. O coche acabou sinistrado despois de saírse da vía na VG-20, á altura do quilómetro 3, na saída de Coia dirección Puxeiros preto das 23,15 horas. Desde aí o automóbil precipitouse dando varias voltas de campá até chocar contra un muro. 

Foron varios particulares os que informaron ao 112 do que sucedera. Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os bombeiros, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local. 

Ademais, solicitouse a intervención dos servizos de mantemento das condicións da vía para garantir a seguridade do resto de viaxeiros que circulaban pola estrada. 

Comentarios