Detido en Vigo un home que ameazou cun coitelo a outro nunha discusión de tráfico 

Os feitos ocurriron na rúa Lepanto durante un aparcamento

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un condutor de 70 anos de idade, C.G.C., natural de Padrón, como suposto autor dun delito de ameazas graves con arma branca, durante unha discusión con outro condutor por un problema de estacionamento.

Segundo informou o 092, os feitos producíronse na mañá do martes, cando un cidadán alertou á Policía porque fora ameazado cun coitelo por un home, a quen lle recriminou que golpease o seu coche repetidamente ao saír dun estacionamento.

Así, a persona requirente relatou que se atopaba no interior do seu vehículo, correctamente estacionado na rúa Lepanto, e que o condutor do coche que estaba aparcado diante, golpeou o seu en varias ocasións cando manobraba para saír.

Aínda que non deu importancia ao primeiro golpe, en vista de que o outro condutor continuou chocando, cada vez de forma máis forte, contra o seu coche, saíu do vehículo para recriminarlle a súa actitude. O home deu por resolta a cuestión pero, cando volvía ao seu coche, o outro condutor comezou a increpalo, á vez que se dirixía cara a el proferindo ameazas de morte e esgrimindo unha navalla de grandes dimensións.

O denunciante afastouse do lugar e chamou ao 092, momento en que o condutor septuaxenario aproveitou para marcharse tamén do lugar. Con todo, o primeiro dos homes logrou fotografar o coche na súa fuxida.

Coa imaxe do vehículo e da matrícula, e a descrición do sospeitoso, a Policía conseguiu localizalo momentos despois na rúa Santo Domingo.

O condutor septuaxenario negou inicialmente estar implicado en ningunha discusión ou altercado pero, ao inspeccionaren o seu vehículo, os axentes atoparon dous coitelos de grandes dimensións ocultos no fondo dunha mochila que levaba detrás do asento do condutor. Por estes feitos, procedeuse á súa detención.