Anorexia e bulimia: escravos dun reflexo

Paula Couto, psicóloga de Abagal
photo_camera Paula Couto, psicóloga de Abagal

Enfermidades do século XXI. Esta é a catalogación que anorexia e bulimia, os dous trastornos alimentarios de moda, reciben en foros e debates na rede. Detrás destas enfermidades está a procura dun modelo de beleza para o propio corpo, unha obsesión que se cebou primeiro coas mulleres pero que hoxe afecta tamén ós homes, ó tempo que estendeu a franxa de incidencia dende a infancia ata a idade adulta.

Pero detrás está tamén unha persoa desesperada, que se ve soa e que se infrinxe a si mesma un castigo que pensa merecido. Está a rabia dunha familia que se agarra a un sentimento de culpa que non lle deixa ver a saída. E está a frialdade dos números.
Nos últimos seis anos, os hospitais da rede pública galega contaron ata 395 ingresos por anorexia, e outros 85 por bulimia. Pero estes datos non describen a realidade.

Dende un punto de vista epidemiolóxico “a bulimia é ata catro veces máis frecuente cá anorexia”, explica Víctor Pedreira, subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependenza do Sergas. Sen embargo, a primeira desemboca con menos frecuenza na hospitalización “porque non conduce a unha perda de peso e a súa gravidade non é tan extrema, polo que se trata máis nos ambulatorios”.

Estas cifras inclúen os casos que se derivaron á Unidade de Atención Específica, onde ingresan os pacientes que teñen a enfermidade máis avanzada. No último ano foron 17, quizais porque non había camas para máis. As carenzas desta unidade coñécenas de preto en Abagal, a Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia. Tal e como denuncia a súa presidenta, María Flora Cajide, “só hai cinco camas para toda a comunidade, cando o lóxico e natural sería que houbese máis prazas porque o centro funciona moi ben, aínda que descoñecemos os criterios para decidir quen ingresa e quen queda fóra”.

Un mar de esperanzas
En Abagal, nove mulleres unen os seus esforzos nunha labor complexa: loitar contra os clichés, contra o glamour que rodea a dous transtornos que non fan senón poñer en perigo a vida de quen os padece. Pero non traballan con enfermos, senón coas familias.

En palabras de Paula Couto, a psicóloga da asociación, “o sufrimento do paciente é evidente, pero as persoas que o rodean precisan da mesma atención”. E do mesmo alento, porque cando un proxenitor busca axuda nunca vai só. O traballo de Paula comeza por borrar o sentimento de culpa e de fracaso que os acompaña e que nubra calquera esperanza.

A anorexia e a bulimia son algo máis ca un trastorno alimentario. Son enfermidades que afectan a persoas inseguras e moi esixentes consigo mesmas. Buscan a perfección a través do dominio do seu propio corpo. A meta é a mesma: perder quilos, cantos máis mellor, porque todo o que adelgacen nunca será dabondo. As metodoloxías son opostas.

Mentres o enfermo de anorexia come cada vez menos ata chegar á inanición, o paciente bulímico sinte a necesidade imperiosa de inxerir grandes doses de alimento, inxestas que van seguidas dun intento desesperado por redimirse.

Coa mirada posta no espello, o enfermo vaise illando, perde o contacto con familiares e amigos, e o seu estado de ánimo vai do máis doce ó máis arisco en cuestión de minutos. Se lle sumamos un medo intenso a gañar peso, estes son os riscos que mellor definen a unha persoa que padece un trastorno alimentario.

Carreira contra o tempo
A labor de Abagal comeza aí, cando un familiar ve uns comportamentos que non son normais e decide buscar axuda, cando asome que esa persoa cercana pode estar enferma. “Chegan cun sentimento de culpa horrible e coa idea de que non hai volta atrás. Hai que facerlles entender que agora xa non ten sentido mirar cara o pasado, que hai que mirar ó futuro e que sempre hai unha saída”, explica Paula.

A evolución dun enfermo de anorexia ou bulimia depende moito do papel que xogan os seus achegados. Superar un trastorno alimentario comeza coa reeducación, coa fixación duns parámetros para medir a valía que vaian máis aló do físico. Os familiares teñen que coidar ata o máis mínimo detalle, porque un mero comentario pode levar a unha recaída.

E, ó mesmo tempo, teñen que aprender a valorar cada paso do enfermo “e recompensalo por ese paso, porque comer media pataca quizais non signifique nada para nós, pero para unha persoa anoréxica é un esforzo titánico”, apunta a psicóloga. O tempo do tratamento varía con cada enfermo, pero hai que ter moi claro sempre que, tal e como asegura Paula, “ningunha recaída supón volver empezar dende cero”.

Aínda que o apoio diario da familia é fundamental no camiño de volta á normalidade, “dende a asociación animamos ó ingreso do paciente”, asegura María Flora. Recoñecen que o tratamento é moi difícil, pero cando os proxenitores deciden que o seu fillo precisa axuda o índice de masa corporal é moi baixo e hai que estabilizalo nun centro especializado. “Sería ideal que a enfermidade se abordase nunha unidade multidisciplinar”, di. Pero isto é moi difícil nun país coma Galicia, onde a única unidade de atención específica ten as prazas contadas.

Reconciliarse co espello
A recuperación física leva parella unha mellora en aspectos psicolóxicos coma a percepción da imaxe corporal ou a obsesión polo peso. Gañados os quilos que se perderan, o tratamento céntrase nos pensamentos e nas condutas que resultan pouco adaptativas. Trátase de mellorar a autoestima e de ensaiar novas formas de expresar sentimentos e novos patróns polos que medirse, de reconciliar á persoa co espello e de ensinarlle a aceptarse a si mesma.

Cando de cumpre unha semana dende que a Axencia de Calidade de Internet solicitou o peche de dez páxinas nas que se facía apoloxía da anorexia e da bulimia. Un curto paso nun longo camiño que queda aínda por percorrer e no que asociacións coma Abagal teñen moito que dicir. O vindeiro mes de novembro celébrase un festival-denuncia convocado polo colectivo galego, e no que artistas do talle de Mela Casal ou Luís Tosar estarán presentes. Xuntos queren vindicar a modificación dun mórbido canon de beleza que pón en xogo o máis importante que temos: a vida.

Comentarios