36.000 toneladas de vidro reciclado, 14.000 toneladas menos de CO2

Durante todo o ano pasado, en Galicia recolléronse 36.543 toneladas de envases de vidro para a súa reciclaxe. Segundo os datos de Ecovidrio, asociación que xestiona a reciclase os residuos de envases de vidro en todo o Estado, isto evitou a emisión dunhas 14.700 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera.

No conxunto de España, reducíronse as emisións de CO2 en 338.000 toneladas menos, polas 840.000 toneladas de envases que remataron no iglú verde.

Así, Galicia foi en 2006 a terceira comunidade que máis aumentou a reciclaxe de vidro, só superada polo incremento de Estremadura e Cantabria. Segundo os datos de Ecovidrio, na comunidade reciclouse un 14% máis que o ano anterior.

Aforro enerxético
O vidro é un material totalmente reciclable, e non hai límite na cantidade de veces que se pode procesar. No proceso de reciclaxe non se perden as súas propiedades e afórrase unha cantidade de enerxía de entre o 30% e o 40% respecto á fabricación de vidro novo.

Hai que contabilizar ademais o aforro de materiais que supón a reciclaxe, xa que por cada tonelada de vidro recuperada evítase a extracción de 1.200 quilos de materias primas naturais. Segundo os datos de Ecovidrio, esta cifra ascendería en Galicia ás 43.851,6 toneladas.

Comentarios