Zara lanza unha liña de roupa cos poemas visuais de Novoneyra

A marca interesouse pola súa obra caligráfica e quixo levala a gorros camisetas e camisas para "ver nevar no Courel" nas rúas de medio mundo

A poesía de Novoneyra sempre rebordou a noción de libro. O trazo da man, veloz e irado coma quen sinala os eidos da súa serra natal, levouno polos camiños da poesía caligráfica, camiños que agora se abren ás rúas do mundo grazas á liña de roupa que Zara vén de lanzar cous seus caligramas. Será posible estar en Indonesia "vendo nevar no Courel", ou en Finlandia, ou en Canadá, pois a colección venderase nos países nos que está asentada a marca.

colección novoneyra

A Fundación Uxío Novoneyra, que coida do legado do poeta, recibiu en febreiro un correo da multinacional galega, interesada pola súa obra gráfica. "Ficamos moi sorprendidos e ledos, honrounos moito", indica Uxío Novo, fillo de Novoneyra e xerente da entidade. O entusiasmo mantívose ao longo dos varios meses de traballo, logo de comprobar "a sensibilidade artística e o coidado co que asumiron a palabra de Novoneyra", conta, que ademais da súa versión en galego, contará na etiqueta coa inglesa, un traballo facilitado polo esforzo que a Fundación puxo na tradución dende que no 2010 Novoneyra foi recoñecido co Día das Letras Galegas, coa poeta canadiense Erin Moure como responsable dos textos en inglés.

Dicía Novoneyra que da poesía oriental influenciouno a capacidade de síntese, pero que no aspecto caligráfico tiña máis do expresionismo abstracto de Jackson Pollock ou do lugués Reimundo Patiño, integrante do grupo Brais Pinto, compañeiro nos anos do Madrid das Elexías e autor do prólogo dos seus Poemas Caligráficos, aparecidos no 1979 no primeiro número de Cadernos da Gadaña.

A colección e acción coa que Zara sitúa os seus poemas no espazo ten desa síntese e libre xesto. Camisas, gorros e camisetas acollen dous dos míticos poemas mínimos do autor, como o dun só verso Bailas e faisme libre, unha homenaxe a Antonio Gades. e Din os soños i os paxaros:/ a morte non é certo. Tamén o primeiro verso -Andas as rúas coma se fora a praia- dun dos poemas adicado á sua muller, Elba Rey, en Muller para Lonxe, libro editado pola Deputación en colaboración co pintor Carlos Pardo.

Sempre aberta e en contacto coa terra e coa vangarda, a poesía de Novoneyra tamén foi un diálogo con outras artes, especialmente coa pintura, e Galicia ten nel, como indicou o pintor Antón Patiño -sobriño de Reimundo- non só un dos meirandes poetas do século XX, senón un dos máis interesantes artistas visuais, xa universal, sempre universal.

Comentarios