Europa: unha rede de rexións afectadas

A Xunta prioriza a revitalización demográfica

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica é un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social que se inclúe no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e ten entre os seus principais obxectivos acadar a dinamización efectiva e a revitalización demográfica da comunidade autónoma
Bebé
photo_camera Bebé

Os estudos sobre a evolución da poboación galega reflicten unha situación de cambio demográfico, caracterizada pola diminución das taxas de natalidade, por debaixo do nivel de reemprazo xeracional, o descenso da mortalidade e unha esperanza de vida crecente.

A xestión da situación obriga a adoptar unha visión sistémica e abordar os desafíos de modo transversal e interdisciplinar, aspectos que se presentan como un dos retos e tarefas fundamentais de cara ao futuro da Xunta, das Administracións públicas galegas —que deberán incorporar os factores poboacionais no deseño e desenvolvemento das políticas— e tamén dos axentes socioeconómicos que operan no territorio.

O Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, incluíu, entre outros, o obxectivo transversal da dinamización e revitalización demográfica de Galicia e estableceu un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear un ambiente social favorable para vivir, formar unha familia e poder ter os fillos e fillas que se desexe.

Para avanzar neste propósito é preciso un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade demográfica galega. Cómpre contar cun órgano especializado que leve a cabo este labor e que asesore ás Administracións públicas galegas na incorporación da perspectiva demográfica, ao tempo que actúe de canle de divulgación da información de interese desde o punto de vista demográfico.

Como resposta a esta necesidade, adóptouse a iniciativa institucional de crear o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, un centro de referencia a nivel rexional, e un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito galego.

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica adscríbese á Consellería de Política Social e componse de presidencia, vicepresidencia, secretaría, vogais —con rango mínimo de xefatura de servizo designado/a polos órganos dependentes da Presidencia e por cada unha das consellerías da Xunta—, e representantes do Consello Galego de Relacións Laborais, do Instituto Galego de Estatística (IGE), da Delegación do Goberno en Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), de cada unha das tres universidades galegas, de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), dunha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia (así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das administracións públicas que non teñan a condición de máis representativas), dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no campo da demografía, e unha persoa en representación do órgano superior da Xunta con competencias en materia de igualdade.

FUNCIÓNS. As funcións do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica consisten en recompilar, analizar e intercambiar información relevante desde o punto de vista demográfico, e definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia debidos, entre outros, á elevada dispersión da poboación.

Ademais realizará e divulgará os estudos e traballos que resulten de interese desde o punto de vista demográfico, e difundirá os informes, estudos e traballos realizados por persoas expertas e/ou entidades de especial relevancia no campo da demografía.

Tamén promoverá a produción de material documental de interese desde o punto de vista demográfico, e identificará iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dinamización demográfica, tanto no ámbito da comunidade, como no do Estado, da UE, e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

Entre as súas funcións está formular propostas e recomendacións para a configuración das liñas estratéxicas e prioridades de actuación transversais da acción pública de Galicia, para incidir positivamente nas dinámicas demográficas da comunidade e impulsar respostas adecuadas ás consecuencias do cambio demográfico desde o sector público, así como realizar un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados, nomeadamente dos instrumentos de planificación estratéxica das distintas administracións públicas galegas, propoñendo, de ser o caso, os axustes precisos para que acaden seus obxectivos.

Encargarase tamén de promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na problemática demográfica; de elaborar un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia, o cal será obxecto de trámite de audiencia así como de información pública a través dun sitio web específico dentro do portal institucional da Xunta, e de emitir cantos informes soliciten as administracións da comunidade galega sobre as materias da súa competencia, especialmente sobre a avaliación do impacto demográfico das medidas e políticas públicas.

Estes informes, facultativos e non vinculantes, serán emitidos no prazo máximo dun mes, agás que pola súa complexidade precisen dun prazo maior, que non poderá exceder de tres meses.

Tamén fomentará calquera outras actuacións que se consideren necesarias en relación coa dinamización demográfica, e realizará as que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins. No seo deste órgano plenario poderán crearse comisións de traballo, con carácter sectorial ou por áreas de xestión específicas, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

ANTECEDENTES. En abril de 2013 o Parlamento de Galicia aprobou o primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020. Coa súa posta en marcha o Goberno autonómico situou a cuestión demográfica entre as súas máximas prioridades e apostou polo desenvolvemento sustentable, cohesionado e inclusivo da comunidade. Ese ano tamén aprobou a Estratexia para a Prevención e Detección Precoz da Dependencia, horizonte 2020, orientada a xestionar dun xeito máis eficiente e sostible a atención ás necesidades derivadas do envellecemento da poboación.

En decembro de 2014 viu a luz a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que aborda as consecuencias do cambio demográfico como un factor a ter en conta na análise da pobreza e a exclusión social. O camiño iniciado para modificar a dinámica de declive demográfico de Galicia culminou na integración transversal da perspectiva demográfica no Plan Estratéxico Rexional Galicia 2015-2020, que institúe a recuperación demográfica como un principio transversal a todos os eixes de actuación do Goberno.

A finais de 2015, a Xunta creou unha dirección xeral con competencias específicas para a dinamización demográfica e puxo en marcha o Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa global pensado para dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos. O programa estrutúrase en tres áreas: axudas, conciliación e servizos, aspectos todos fundamentais para apoiar as familias dun xeito integral e continuo.

No primeiro eixo (PAN Axudas) enmárcase a Tarxeta Benvida, e inclúe medidas compatibles como a dedución fiscal por nacemento ou o pago único por neno ou nena menor de tres anos. Na liña do PAN Concilia inscríbense, por exemplo, o incremento de prazas sustentadas con fondos públicos en escolas infantís a través do Bono Concilia ou o Bono Coidado, a posta en marcha de Casas Niño no rural ou a creación de escolas infantís en polígonos industriais. No PAN Servizos enmárcanse recursos e servizos para as familias galegas co obxecto de crear contornos favorables e mellorar o seu benestar no momento de chegada dun fillo ou filla e acompañalas dun xeito integral.

Comentarios