La Xunta pone fin a las aulas de inmersión en gallego en las ciudades

As aulas para potenciar o ensino do galego no segundo ciclo de Educación Infantil nas cidades deixarán de impartirse. A iniciativa que puxera en marcha o Goberno bipartito no crso 2006-2007 consistía en que, contanto coa aprobación dos pais, os pequenos asistirían ás aulas en galego durante a etapa de infantil nas contornas de fala castelá. A Xunta vén de decidir a súa supresión, e a decidión xa levantou as primeiras bochas na comunidade educativa.

"A actuación da consellaría provoca a desorientación e o caos administrativo nos centros educativos que xa cumpriran coas súas responsabilidades", dixo a Coordinadora Galega de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), desde onde censuraron que a decisión das familias que optaron polo ensino en galego ao abeiro dun programa de innovación educativa "de óptimos resultados" non sexa respectada.

O pasado curso eran 47 centros os que tomaran parte na convocatoria, que ficaron reducidos aos trinta neste ano académico. O departamento que na etapa bipartita rexentaba a socialista Laura Sánchez Piñón concedía daquela axudas aos colexios, que oscilaban entre os 1.500 e os 2.500 euros. A actual consellería, rexida por Jesús Vázquez, mantivo o sistema no primeiro ano de Goberno popular, pero suspendeu as axudas. De cara ao novo curso, xa lle foi remitida unha circular ás escolas que aínda participaban da iniciativa para advertirlles de que xa non poderán ofertar ese modelo de ensinanza.

Ao fío, as ENDL lembran que os citados proxectos veñen de ser eliminados despois de permitir que se realizase a preinscrición, se tramitase a documentación e se conformasen os agrupamentos do alumnado. “Días antes de formalizar a matrícula, as familias e os centros non saben cal vai ser o criterio de agrupamento, polo que temen que os nenos galegofalantes queden diluídos en grupos maioritariamente castelanfalantes. Isto, unido á presenza social do castelán na sociedade, supón a castelanización total dun alumnado cuxas familias querían que aprendesen o galego desde as idades temperás”, denunciou o colectivo que agrupa os equipos de normalización.

Desde o eido do profesorado tamén lle choveron as críticas á consellería. Coa ollada posta no decreto do bipartito, aprobado no ano 2007 e que permitía a inmersión lingüística en galego nas contornas de maioría castelanfalante como medida compensatoria para nenos de 3 a 5 anos cuxo contacto co galego era practicamente o que tiñan na escola, o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) criticou a nova norma coa que a Xunta regulará a presencia da lingua galega na educación, e lembráronlle unha vez máis ao equipo de Núñez Feijóo que a inmersión era o modelo proposto pola normativa de 1995 que vira a luz con Manuel Fraga en San Caetano, e que posteriormente foi recollida no controvertido decreto do bipartito.

Para o STEG, a Xunta segue así coa aplicación "da súa antidemocrática interpretación do principio de igualdade: tratar por igual non só ao castelán e o galego, senón tamén en todas as situacións, independentemente das desigualdades que se dan de partida". O sindicato lamentou, asi mesmo, que esta decisión non teña en conta "a demanda constante de numerosas familias que constatan diariamente a imposibilidade de garantir o bilingüismo para uns nenos que, a partir dos 6 anos, terán que coñecer ben o galego para comezar o ensino obrigatorio".

Na mesma liña pronuncióuse a coordinadora de ENDL, ao sinalar que "queda demostrado que a opinión das familias que queren ensino en galego non é respectada", e enmarcaron a maneira de proceder da Xunta nunha "falta total de responsabilidade e unha falta de respecto cara os profesionais do ensino e cara as propias familias que irá sen dúbida en menoscabo da calidade educativa, ademais de supoñer unha acción gravísima de desprotección do galego".

Comentarios