"Xa estamos a seleccionar os concursantes dos 'Recantos' e o 'Vai de gaita' da tempada que vén"

Xosé Ramón Gayoso: "Aínda que estean Los del Río 15 minutos, hai outras tres horas nas que non"

Está a piques de cumprir o seu programa número mil no 'Luar' da Televisión de Galicia, un auténtico prodixio de lonxevidade na pequena pantalla. Aos 59 anos de idade, descoñece se botará outros 23 no formato máis exitoso da canle pública galega, mais está tamén preparado para facer "calquera outra cousa" se así o decide o público
Xosé Ramón Gayoso
photo_camera Xosé Ramón Gayoso

Xosé ramón Gayoso é tan falangueiro como di na televisión e ri forte e con ganas. Mentres ten lugar esta conversa, está a preparar un novo ‘Luar’, "porque se non o tes estudiado, logo o día do exame ben que se nota". Mentres rematan a actual tempada, "será o derradeiro venres de xullo", ultiman tamén as novidades para a vindeira, que regresa en setembro, "coma os rapaces á escola".

Podería contar cal é a chave da incrible lonxevidade de ‘Luar’?

O único que sabemos é que lles gusta aos espectadores. Foi un espazo que se converteu nun fenómeno de audiencia xa ao principio, no segundo ano de emisión. Nós somos xente moi aberta, que ten a vista e os oídos preparados para aceptar novos plantexamentos. ‘Luar’ coincidiu tamén nun momento no que a música galega estaba a dar novas propostas e novas estéticas, con xente e grupos como Carlos Núñez, Berrogüetto, Budiño, Mercedes Peón, Son de Seu... Polo ‘Luar’ teñen pasado os máis vellos informantes e os máis novos intérpretes.

Non hai secreto, entón?

O traballo. Nós non entramos en se facemos un bo programa ou un mal programa. Estamos abertos ás críticas, ademais. Pero ao que non renunciamos e ao traballo e á ilusión. Á ilusión polos compañeiros. Dámoslle moita importancia ao elemento humano. Non se poden explicar 23 anos de convivencia se non nos levasemos ben.

Nestes 23 anos, o ‘Luar’ mudouse desde a discoteca Dona Dana de Touro ata o plató 1.000 de Montouto. Que gañaron e que perderon no troco?

Estivemos en Touro durante máis de trece anos e alí sentímonos moi queridos. Ata temos unha praza Luar!!! A TVG decidiu levar o programa ao plató 1.000 de Montouto, e Teo, que ten as condicións propias para facer televisión. Porque Dona Dana non deixa de ser unha discoteca. De todos xeitos, temos un cariño enorme a esa parte da nosa historia e...

"Ao principio, aos artistas que viñan de fóra sorprendíalles que nós lles elixísemos as cancións, porque TVE non o facía"

Conte, conte.

Non é a primeira vez que un artista se nos marcha a Touro. Resulta que temos fixada a hora de ensaio, non aparece... E recibimos a chamada de que está en Touro.

Hai uns anos, Karina, daba as grazas nunha entrevista pola existencia de ‘Luar’ para a xente da súa xeración que queren facer televisión sen ter que pagar a peaxe do corazón. Por outra banda, tamén a presenza destes artistas da vella garda -El Consorcio, Los del Río, María del Monte- en ‘Luar’ é moi criticada. Vostede como o ve?

Ou Manolo Escobar ou Rocío Jurado, que forman parte do que escoitou moita xente, do que lles gusta. Meus pais, por exemplo, teñen 94 e 92 anos. Pero é que a xente que tiña 30 ou 40 cando empezou ‘Luar’ hai 23 anos ten agora cincuenta e tantos ou sesenta e tantos anos. Coido que non son xustos de todo con esa crítica, porque se veñen Los del Río, cantan tres cancións e eu falo un cacho con eles, son 15 minutos de programa. E tes outras tres horas e cuarto cada semana nas que non están Los del Río!!! Hai agrupacións tradicionais, concursos, humor, folk... Nós nunca fomos de sacar peito. Estamos aí; son 23 anos e as audiencias non son opinión. As críticas son ben recibidas, pero moitas veces quedan na metade da verdade.

Ademais, dun tempo a esta parte, tócalles competir na mesma franxa co corazón e o lercheo.

Son novos formatos de televisión comercial que teñen por obxecto conseguir audiencia que se traduza en publicidade e cartos. O noso obxectivo prioritario non é obter cartos, senón rendibilidade social. Por iso Luar non existiría nunha privada. Non é un negocio.

"As broncas por teléfono son parte do ‘show’. A min tampouco me gustaría que me espertasen, a verdade"

É unha loita complicada?

Nós apelamos aos sentimentos máis elevados do ser humano: a música, a arte, o sorriso... e os que están en fronte apelan tamén a uns instintos moi primarios, pero diferentes.

En Galicia, polo de agora están a gañar a pelexa.

Ímonos adaptando aos tempos, pero hai un punto de conexión co primeiro ‘Luar’. Somos fieis á alma do programa e temos a premisa de que ‘Luar’ é Galicia. Aínda así, sabemos que en Galicia hai máis cousas que as que sacamos en ‘Luar’, que hai un mundo de rock, unha escena alternativa, á que deberemos abrirnos, porque a audiencia cambia en 23 anos.

A que cousas non renuncian para manter o espírito ‘'luareiro’'?

Coidamos o detalle ao máximo. Ao principio, aos artistas que viñan de fóra sorprendíalles que nós lles elixísemos as cancións, porque TVE non o facía, non controlaba o repertorio. E nós dicíamos: "Queremos a Rocío Jurado con estas cancións, porque nos interesa para este programa concreto". É algo que nunca se tiña feito.

Como leva as broncas por teléfono que lle caen de cando en vez?

Son parte do '‘show'’. Non hai preaviso e chamamos moi tarde. A min tampouco me gustaría que me espertasen, a verdade, sobre todo agora que os fixos só os usan os familiares e, a esas horas, para dar malas noticias. Aínda así, é unha gamberrada pequena en comparación coas gamberradas que se fan ao lado [en referencia as canles privadas].

Vese noutros 1.000 ‘'luares’' máis?

Cando levaba 15 anos fixéronme esta pregunta e pensaba que outros 15 anos máis serían moito. Agora xa calo a boca. Teño 59 anos... Eu que sei!!!

Comentarios