''A xente non nos bota os anos que temos''

Mª Dolores Martín: "Non teño ningún truco de beleza, uso Nivea porque non hai outra crema máis barata"
De casualidade, en chancletas e sen maquillaxe, esta simpática ourensá de 70 anos fíxose co título de avoa máis guapa de Galicia. Tras unha vida moi dura, a sorte sorriulle en Melide e fíxoa protagonista por un día.

PREGUNTA: ¿Como xurdiu participar no certame de beleza?
RESPOSTA: Pois o domingo eu ía de excursión cuns amigos e, ao pasar por Melide. vimos a festa e paramos. Anoteime animada polas amigas, ¡aos meus anos! ¿Non ves que non ía arranxada nin nada? (risas)

P: ¿E que tal o pasou?
R: Moi ben, moi ben. Tras asimilalo estou vivindo uns momentos moi felices. A min a vida non me foi fácil, senón moi dura –con 34 anos quedei viúva e tiven que sacar adiante dous nenos pequenos–, e agora isto púxome moi contenta. Ata o martes estiven moi nerviosa, pero agora empezo a disfrutalo.

P: ¿Pasou moitos nervios na pasarela?
R: Si. Nunca me vira noutra igual e cando me elixiron non mo cría. ¡Ata chorei da emoción e todo! (risas) Todo era unha broma e acabei gañando. Iso si, a xente portouse xenial comigo: bicos, abrazos, piropos... ¡E iso que non tiña nin unha barra de beizos para pintarme! Gañei indo natural de todo.

P: E que me di dos concursantes masculinos. ¿Había moitos ‘mozos’ guapos?
R: Ui, ¡o míster é guapísimo! É moi salado e alto, a ver como me poño ao seu lado, aínda vou ter que botar man dos tacóns de Dona Letizia (risas).

P: ¿Alégrase de que recuperaran este certame, suspendido durante anos?
R: Si, porque está moi divertido para a xente maior, que tamén temos ilusións e gañas de pasalo ben. 

P: ¿Recibiu moitas felicitacións?
R: ¡Moitas!. Os meus fillos quedaron moi sorprendidos e os netos xa presumen de ter a avoa máis guapa de toda Galicia.

P: ¿Que tal leva envellecer?
R: Lévoo ben porque trato de manterme activa, algo ao que axuda coidar dos netos de vez en cando. Logo teño amigas coas que xogo ás cartas e coas que tamén saio a tomar un café ou un viño, que me gusta moito.

P: ¿Cóidase moito no día a día?
R: Só vou a andar e algún día ao ximnasio no fogar da terceira idade, aquí en Ourense.

P: ¿Algún truco de beleza?
R: Ningún. Como de todo –iso si, non me gusta engordar– e son moi sinxela. Uso Nivea porque non hai outra crema máis barata.

P: ¿A engurra é bela?
R: Teño un neto que sempre me di: “Avoa, ti non es vella, só tes raias na cara”. Que tampouco teño moitas... Teño moita saúde e iso é o importante.

P: Tocoulle unha viaxe a Canarias. ¿Con quen irá?
R: Seguramente cunha irmá que vive en Valencia, que o domingo pola noite me chamou porque se enterou antes que os meus fillos. ¡Xa me vira alá pola televisión!

José Gómez: "Eu non me teño por vello e consérvome ben; a xente non me bota os anos que teño"
Coas súas mellores galas e confiado nas súas posibilidades tras ser elixido Míster Melide unha semana antes, este emigrante melidense de 66 anos arrasou tamén no certame galego, facéndose coa banda de guapo oficial da terceira idade.

P: ¿Como se decidiu a presentarse?
R: Un día díxomo un amigo de broma e meu dito, meu feito. Xa non o pensei dúas veces [risas].

P: Unha semana antes xa fora elixido Míster Melide. ¿Tiña expectativas de gañar o concurso galego?
R: Ao apuntarse un ten a intención de quedar o mellor posible, claro...

P: ¿E que tal o pasou?
R: Moi ben, aínda que facía moita calor. Pero foi moi divertido, e tiña familiares apoiándome e todo.

P: Ía vostede feito un ‘pincel’. ¿Preparouse moito para o desfile?
R: Gracias, todos me dixeron que ía moi elegante. Eu fun o mellor posible, ata gastei os cartos nun traxe novo, e iso que aínda tiña dous mercados hai pouco de dúas vodas.

P: ¿E pasou moitos nervios?
R: Uns poucos si, pero xa pasou [risas].

P: ¿Que lle pareceron as concursantes femininas? A Miss Galicia díxome que estaba vostede moi ben...
R: Pois había de todo, pero a María Dolores que gañou tiña un tipiño moi feito, mellor ca min porque está máis delgada. Debe facer moito sport [risas].

P: ¿Felicitouno moita xente?
R: Si moita, aínda hoxe me para a xente pola rúa dicíndome o ben que ía. E chamáronme desde Suíza, onde estiven 36 anos, e de Barcelona, Bilbao e Inglaterra, onde teño familia que me viu pola tele.

P: ¿Que lle dixeron os fillos?
R: Eles están en Suíza e non sabían nada. Dixéronme que agora de vello me vou facer famoso [risas].

P: ¿Alégrase de que volvesen recuperar este certame?
R: Si, porque a xente o pasou moi ben. Eu botei unhas bailas con varias señoras e logo tomei algo cos amigos.

P: ¿Que tal leva o paso dos anos?
R: Consérvome ben e ninguén me bota a idade que  teño. De feito, no certame había que ter un mínimo de 60 anos para participar e dicíanme que non chegaba a eles.

P: ¿E cóidase moito?
R: O único que fago é camiñar.

P: Pero mantense activo.
R: Si. Saio cos compañeiros, sobre todo cando xoga o Real Madrid, e gústame ir aos bailes.

P: ¿Vese máis guapo agora que de novo?
R: Os anos viñéronme enriba pero non me teño por vello.

P: ¿Con quen irá de fin de semana ao balneario? 
R: Son divorciado e por agora aínda non o sei. Teño que buscar [risas].

Comentarios