"A xente flipa cando ve que falo galego"

Andy Chichester é un mestre neoyorquino galegofalante. A través das súas redes sociais comparte cada día un monólogo en galego sobre un tema determinado
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Andy Chichester, no brinde dixital do último venres que comparte en Twitter. EP

Todas as mañás, nos dez minutos que lle leva chegar en coche á escola, en Postdam (Nova York), o mestre Andy Chichester cumpre coa súa autoobriga de gravar un monólogo sobre un tema determinado en galego, a lingua que coñeceu hai catro anos e que agora domina á perfección, como demostra na súa canle de Youtube, Mira quen fala galego.

Que fai un neoyorquino como vostede falando galego?
A xente flipa cando ve que falo galego e que teño interés por esta lingua cando non teño ascendencia galega! Pero son un friki das linguas e, como xa sabía español, fíxoseme fácil aprender o galego. De feito, agora cando falo en castelán, sáenme palabras en galego. Levo case toda a vida estudando español no instituto, na carreira (fixen Filoloxía Española) pero hai catro anos que empecei a aprender galego e agora mesturo unha lingua coa outra.

Cóntenos como descubriu esta lingua desde Estados Unidos.
Desde o móbil, teño acceso a ver todas as canles de televisión españois, o que adoitaba a facer a diario como profesor de Español que son. Desde aí, podo ver a TVG, a de Euskadi, a catalana... E un día vin o programa A Revista, na TVG, e decateime de que podía entender o galego, co que quedei encantado. A verdade é que non me resultou difícil porque está entre o castelán e o portugués.

Si, pero diso a poñerse a aprender a lingua aínda hai un paso. Como tomou esa decisión?
O meu fillo maior decidiu ir vivir á Coruña como auxiliar de conversa da Escola Oficial de Idiomas. Funo visitar unha vez e, ao volver a Estados Unidos, decidín que quería estudar galego.

O que pasa é que non terá moitas oportunidades de falar galego por esas terras...
Comezo o día vendo o informativo da TVG desde hai catro anos e intento ter conversas cos amigos que fago a través de internet, pero hai moita diferenza de horarios. Todas as mañás, mentres vou á escola, gravo clips para a miña canle de youtube. Pero oportunidades de falalo aquí, ningunha.

Coñeceu moita xente a través da canle de youtube?
Si, contactei cunha profesora do IES Leiras Pulpeiro, Belén, que lle poñía os meus vídeos aos seus alumnos para que vise que eu aprendín a falar galego e, a raíx diso, algúns rapaces mandáronme preguntas que lles contestei por medio doutro vídeo.

Sabe que moitos galegos prefiren que os seus fillos estuden inglés e non galego porque é unha lingua, din, "con máis futuro"...
Podo entender esa mentalidade pero non estou de acordo. A lingua é algo máis que para gañar cartos, é parte da cultura, da esencia dun país. É triste que a rapazada rechace esa herdanza cultural, unha perda enorme... Aquí, en Estados Unidos, os inmigrantes manteñen a súa cultura e linguas orixinais aínda que falen inglés.

A lingua é algo máis que para gañar cartos, é parte da cultura, da esencia dun país"

A lingua é unha porta hacia a cultura dun país. Que é o que máis lle gusta da cultura galega?
Todo: a comida, a música, a historia... Quizais o que máis me chamou a atención foron os castros. Descoñecía esa parte da historia de España.

Por certo, cal é a expresión que máis lle gusta en galego?
Madia leva! Aprendéronma os rapaces do IES Leiras Pulpeiro e gústame moito!

Comentarios