Activista polos dereitos LGTBI+

Xácia Ceive: "Fuxín do meu país para ser eu mesma"

Xácia Ceive. EP
photo_camera Xácia Ceive. EP

DE OKLAHOMA, en Estados Unidos, a unha aldea pequeniña de Monforte, na Ribeira Sacra. Xácia Ceive descubriu as bondades do rural galego tras unha vida de loita pola súa identidade de xénero. Aquí transicionou, como se di na linguaxe LGTBIQ+, fíxose activista e decidiu converter a súa casa en Sete Outeiros, un lugar de acollida para todas aquelas persoas queer, que non se recoñecen como heterosexuais e buscan atoparse a si mesmas no medio da natureza. 

Xácia Ceive, en portugués, non parece un nome que lle puxesen, precisamente, en Oklahoma. Bautizouse a si mesma?

Si, este é o meu nome agora. 

Por que escolleu este nome? 

Púxenme Xácia porque é un ser mitolóxico con arraigo na Ribeira Sacra, entre os ríos Sil e Miño. E Ceive polo proceso libertador da miña situación persoal e tamén porque, tanto eu como o resto da xente que forma parte do colectivo Sete Outeiros, loitamos cada día pola nosa liberdade. 

Séntese ceibe na Ribeira Sacra? 

Si, sinto que este é o meu lar. 

Por que se lle ocurriu facer un refuxio para persoas trans e queer?

Sete Outeiros é un espazo na natureza —non un albergue— que está aberto gratuitamente no verán á xente queer e trans de Galicia e de toda Europa. Levo once anos nesta aldea de Monforte —da que non direi o nome para respectar a nosa intimidade— e este é o quinto verán de acollida. E ten como propósito facilitar o acceso á natureza das persoas do noso colectivo e defender a volta ao rural desde a diversidade. 

Atopou en Lugo esa liberdade que non lle deu Estados Unidos? 

Nacín en Estados Unidos pero, antes de vir a Monforte, estaba en Londres. Non sabía que existía Galicia e descubrina nunha viaxe. Eu veño dunha familia moi conservadora, o que me obrigou a fuxir do meu país para ser eu mesma. E aquí, en Galicia, atopei unha cultura que me acolleu, que é conservadora pero xenerosa e hospitalaria á vez. 

Algún comentario da xente do rural que a sorprendese? 

Unha vez falei da miña transexualidade cun paisano que me traía a leña e a súa reacción foi superlinda. Díxome: "Se estás contenta agora, que máis dá todo o demais!". 

Hai algo que lle faga sentir nesta vida máis orgullo que a súa condición sexual? 

Non é unha condición. É a miña realidade. Eu valoro ser trans, é unha cousa linda pero creo que é a sociedade a que ten que transicionar tamén. A transición é un proceso libertador, que non só liberou a miña vida senón que tamén serviu para liberar a sociedade amosando realidades. 

Cantas loitas lle quedan? 

Hai que deconstruír a idea de que a xente trans somos algo diferente. Existe unha xerarquía cultural entre a xente normal e transque xera violencia, desemprego, falta de vivenda, discriminación. De aí a miña aposta polas vidas trans e queer desde o rural para transformar a sociedade. Na cidade practícase máis o activismo de burbulla. No rural, a transformación é máis completa. 

Algo de que avergoñarse? 

Si, de aínda non poder construír este proxecto para a xente do noso colectivo que está marxinada tamén a nivel racial, como os migrantes. É un reto constante, pero estes son procesos lentos.

Comentarios