Vidas paralelas

Peter Caddick-Adams elabora un estudo comparado das vidas de Monty y Rommel, os xenerais británico e alemán que pasaron á historia polos seus enfrontamentos no norte de África. Publica Ático de los Libros

HAI POUCOS autores latinos tan mal tratados no mundo literario español coma Plutarco. Para atopar unha edición completa das súas Vidas paralelas nun só volume tiven que recorrer ao idioma francés. Resulta curioso porque poucos escritores sobreviviron tan ben ao paso do tempo, ningún dos grandes poetas agás Ovidio, por certo. Asumámolo: Horacio e Virxilio só nos interesan aos freaks.

Unha posíbel razón para que isto sucedese é que o xénero da biografía comparada non tivo precisamente moitos seguidores dende o século I. Matino que aos potentados, aqueles susceptíbeis de ser biografados durante vinte séculos, non lles gustaban as comparacións, non fosen saír perdendo nelas. Así houbo que agardar ata ben avanzado o século XX para que Alan Bullock resucitase o subxénero co seu Hitler e Stalin, imprescindíbel obra para entender como chegaron a ser o que foron ambos ditadores. Na mesma liña se move Peter Caddick-Adams, ex militar e profesor británico, para elaborar un estudo comparado das vidas de Monty y Rommel, ou o que é o mesmo, Bernard Montgomery e Erwin Rommel, os xenerais británico e alemán que pasaron á historia polos seus enfrontamentos no norte de África na Segunda Guerra Mundial. Publica Ático de los Libros, editorial cun traballo de selección de obras excepcional.

O primeiro que hai que louvar é a capacidade do autor para abrir o foco que ilumina hai décadas a ambos persoeiros. A campaña do Afrika Korps adquiriu tons míticos no seu momento, pero revisada á luz dunha análise menos tinguida de nacionalismo resulta moi cuestionábel. Alemaña foi pioneira no revisionismo da Guerra e Rommel pasou a ser un comandante cun innegábel talento para o enfrontamento directo pero con dificultades para non cruzar a fina raia que separa valor e temeridade. A obra de Caddick-Adams afonda neste punto de vista e explica os gravísimos problemas de loxística que causaron os seus ataques destemidos. Do mesmo xeito, as fazañas de Montgomery escureceron o seu carácter peculiar e a súa incapacidade para levar un mando estratéxico dunha maior complexidade, como o proposto por Eisenhower no teatro europeo.

Non só en canto á personalidade resulta revelador o libro. A campaña de África tende a eclipsar os demais encontros entre os dous xenerais e o autor detense neles con todo detalle para construír un contraste excepcional: a formación do seu carácter militar na Primeira Guerra Mundial, as súas particulares dotes de mando —proximidade ao soldado e fincapé na forma física—, a súa presenza na invasión de Francia en 1940 e o seu papel no desembarco de Normandía.

O final de Rommel é decote esquecido. O maior drama do relato chega cando os camiños de Monty e o xeneral alemán se separan. Caddick-Adams relata con viveza como Montgomery abandona o bocage do norte de Francia camiño da destrución da Alemaña nazi namentres Rommel asume a derrota que virá e participa no complot de Stauffenberg para acabar coa vida do Führer. Descuberto, ten que elixir entre un xuízo farsa ou unha cápsula de cianuro. A súa grandeza como militar fixo que o réxime de fantoches da cruz gamada lle dese, malia ser un traidor, un funeral de Estado. Ata morto podía levantar a moral do país.

Monty viviu ata 1976, preocupado polo seu legado e posto en cuestión polo seu carácter. Para entón Rommel xa era unha lenda, recoñecida mesmo polos británicos, que o idealizaron coma o único cabaleiro da guerra alemán en medio daquel conflito salvaxe. Unha segunda onda fíxoo caer do pedestal e descubriu nel trazos propios do criminal de guerra, pero esta visión nin se impuxo no seu momento nin domina o final do libro de Caddick-Adams. O epílogo vén a rematar o traballo do resto da obra: a desmitificación. Atopamos resumido todo o que vencella aos dous xenerais e pasamos a derradeira páxina —despois dun nutrido corpo de notas e unha bibliografía selecta e manexábel— seguros de telos visto na súa auténtica dimensión, cheos de luces e sombras.

Comentarios