"Galaxia é un patrimonio nacional"

Estivo á fronte dos dous selos editoriais máis importantes de Galicia: Xerais e Galaxia. "Adiqueilles 30 anos da miña vida profesional", di. Os últimos 15 estivo no segundo, empresa na que substituíu como director a Carlos Casares e que agora deixa, ao cumprir 65 anos, nas mans de Francisco Castro
Víctor Fernández Freixanes
photo_camera Víctor Fernández Freixanes

"NON BOTAREI nada en falta porque sigo vinculado á editorial. Mañá mesmo teño que ir por alí", di Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951). O escritor e xornalista pecha a súa etapa como director do selo deixándoo en mans de Francisco Castro. "É tempo: teño 65 anos e vou para 66. E el ten precisamente a idade que eu tiña cando cheguei a esta casa". Di que está orgulloso do traballo feito, menciona como fitos destacados da súa etapa a tradución do ‘Ulises’ ou a incursión no audiovisual con proxectos como ‘A esmorga’ e defende que a cultura no se pode xestionar simplemente seguindo os ditados do mercado.

Que balance fai do seu paso por Galaxia?
Pois foi un período moi intenso. Pensa que eu adiquei 30 anos da miña vida profesional a dirixir empresas editoriais, primeiro Xerais, onde entrei en 1987, e despois Galaxia, dende 2002. Foi unha etapa importante e chea de felicidade, que só me deixa alegrías. É certo que me tocou atravesar unha crise dura, dende 2009, pero afortunadamente Galaxia é unha editorial con reservas abondo, cunha política económica moi austera e cunha enorme xenerosidade, tanto por parte dos traballadores como polos membros do consello de administración. A editorial Galaxia, que se creou en 1950, nunca repartiu beneficios entre o seu accionariado. Sempre se entendeu que traballabamos para un proxecto de país. Con ese espírito me incorporei e con ese espírito marcho.

"Nesta inmensidade de oferta e ruído, nesta uniformización globalizadora, facer que se escoite a voz dun autor galego é un desafío brutal"


Aínda que seguirá vencellado á editorial.
Sigo como conselleiro, como director da revista ‘Grial’, que é algo do que me sinto especialmente orgulloso, da renovación desa publicación, e como presidente dunha das tres fundacións que están na órbita de Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo. Que xa lle chega. O que deixo definitivamente é o relevo do que é a xestión do día a día.

E cólleo Francisco Castro.
Cólleo Francisco Castro, que é unha persoa que se incorporou comigo, hai nove anos. Cando lle propuxen unirse a nós, a min interesábame moito a renovación xeracional e as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo do libro. Dende os dous puntos de vista, Francisco era a persoa indicada. E agora, de novo, todos coincidimos en que debía ser o novo director. De feito, o seu nomeamento foi por unanimidade.

Hai algún fito no selo do que se sinta especialmente orgulloso?
Moitos. A renovación da revista Grial, que fixemos Henrique Monteagudo e máis eu. Toda a liña de traducións que se levou a cabo da man de Carlos Lema. Incorporamos ao galego a Paul Auster ou a Orahn Pamuk, por exemplo. Está tamén toda a renovación de deseños de cubertas que fixo Hayat Hussein. Houbo feitos moi concretos como a tradución do Ulises, na que se traballou doce anos con catro tradutores. Hai que pensar que Galaxia é un patrimonio nacional. Aí está Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole... Aquí está toda a memoria histórica dos nosos autores. Nós temos a obriga de mantela viva, aínda que non teñan a acollida de lectores que teñan outros. E iso hai que alternalo cunha renovación constante e un diálogo permanente con autores novos. Máis fitos, a incorporación do audiovisual: o mundo do libro-disco, tanto para cativos, con María Fumaça, como para adultos, con proxectos como o de Najla Shami; e, por suposto, a produción da película A esmorga, de Ignacio Vilar, que supuxo un traballo inmenso, unha aposta moi arriscada e moi ambiciosa. Finalmente, vou mencionar Mar Maior, que supón a proxección de Galaxia cara América e Europa. Eu realmente síntome moi orgulloso desta etapa, de ter mantido unha navegación constante no mercado do libro galego, no que desapareceu o mercado institucional e apoios tan importantes no civil como os das caixas. Sostémonos co espírito dos lectores.

"Entre a impotencia duns e o desinterese doutros, as cousas rematan sempre en loitas partidarias. Pérdenos o de querer quedar ben coa propia parroquia"


Cal é o reto máis grande ao que se vai ter que enfrontar Francisco Castro?
Vai ter varios. O primeiro ten que ver co cambio de hábitos que se están a producir no consumo cultural en Occidente. Hai un debate moi importante sobre a diferenciación entre cultura-entretemento e a cultura-patrimonio. Porque hoxe manda claramente a primeira, mentres algúns defendemos que, fronte á edición do mercado, está a edición da cultura, como dicía un dos meus mestres neste mundiño, o italiano Julio Einaudi. Pero o mercado acabou por impoñerse. Despois vai ter outro desafío moi importante, o das novas tecnoloxías e o mundo das redes. Isto lévanos a outra cuestións: a xente le? Si, claro, a xente le cada vez máis, pero doutra maneira e hai que chegar aí. Así que nos vai tocar defender a palabra galega nun espazo marcado pola uniformación globalizadora. Iso non vai ser fácil. Mira, eu sempre digo que na edición hai un 30% de produto e un 70% de comunicación. Polo tanto, aí temos un reto fundamental: comunicar. Porque as cousas poden ser moi boas, pero se non conseguimos sacalas do caixón, non existen. Na inmensidade de ofertas e ruído que existe hoxe no mundo, facer que se escoite a voz dun escritor galego é un desafío brutal.

Deixa a editorial con boa saúde? E o libro galego?
Todo depende de con quen nos comparemos. Os problemas de saúde que poden ter Galaxia e o libro galego son os que ten a cultura en todo o mundo e, concretamente, os da lingua galega. Que non son poucos. O idioma ten un problema grave de renovación xeracional. Agora, se comparas a industria do libro galego hoxe co que había cando eu tiña 20 anos, ves que demos pasos xigantescos. No 1975 publicáronse 68 libros en galego, hoxe editamos catro ao día. Pero o problema está no horizonte. Como pasa con todo na vida. O libro e a cultura en Galicia o que necesitan é unha política seria que as atenda. Pola contra, a min paréceme que estamos un pouco abandonados a unha cultura do que diga o mercado. E iso non pode ser. Coa cultura non se pode aplicar ese criterio. Hai cousas que son un patrimonio de todos, que hai que coidar e protexer máis alá de que exista unha demanda masiva de consumo. É unha responsabilidade que temos.

Precisamente, unha cuestión que se critica dende diversos sectores da cultura é a ausencia dunha política estratéxica. Tamén a falta de entendemento interinstitucional. Cales diría que son os grandes problemas do sector en Galicia?
Estou totalmente de acordo con esas dúas que mencionas. Na cultura e noutros ámbitos, como poderían ser o da educación ou a da ordenación do territorio, hai que recuperar os espazos de encontro e de diálogo. Porque son moitas máis as cousas que nos unen das que nos separan. Un exemplo: hai dez anos que se aprobou a Lei do Libro. Por unanimidade. Igual que o Plan de Normalización Lingüística. Por u-na-ni-mi-da-de tamén. Ningún dos dous se executou. Non hai vontade política de poñer iso en marcha. Todo remata nunhas loitas partidarias absurdas a medio camiño entre a impotencia duns e o desinterese dos outros. Perdémonos na retórica e non avanzamos. A Lei do Libro ten todo o necesario para asentar unhas bases de políticas estratéxicas para o sector. E aí quedou, como tantas outras cousas. O caso do Plan de Normalización é aínda peor, porque o Partido Popular acabou empregándoo de xeito electoralista na primeira campaña de Núñez Feijóo, con toda aquela historia de Galicia Bilingüe. É imprescindible corrixir todo iso e volver aos espazos que eu chamo de denominador común. A xente ten que sentar a falar con limpeza de espírito e con xenerosidade, que ao final non é outra cousa que intelixencia política. Porque, ás veces, o que nos perde aquí é o espectáculo de quedar ben coa propia parroquia, o postureo, que se di agora.

Comentarios