martes. 24.05.2022 |
El tiempo
martes. 24.05.2022
El tiempo

Unha lei para organizar o tráfico nas artes escénicas

Coche antiguo
Coche antiguo
No mundo escénico a lexislatura vaise pechar abrindo unha porta para a lei das artes escénicas. A semana pasada presentouse unha proposta de texto para regulamentar o que ten que ver cos escenarios: desde a educación aos espazos

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'



NON ENTENDEMOS as leis. Non pola letra, que parece escrita como unha literatura médica con escasa vocación de ser popular. Non pola música, que soa como unha melodía mal composta imposible de asubiar de tanto como hai que ir acomodándose ao texto. Non entendemos as leis polo espírito. Porque as leis son como os acordos dos premios literarios: a suma dunhas vontades que non teñen por que ter denominador común. Son un consenso raro que non sempre é o mellor dos posibles. Só é o posible.

Meu pai tiña un Seat 1500. Azul celeste con teito branco. Non exactamente. Tiña un Seat coa mesma carrozaría que un 1500, pero en realidade era un Seat 1400B. Era un coche de bastante presumir, pero non un cochazo. Meu pai non tivo problemas para sacar o carné de conducir e nós eramos dunha familia na que ter carné de conducir era ter un título. Como coñecía os sinais de tráfico e os seus campos semánticos pensaba que unha sociedade é algo moi semellante ao tránsito rodado. Os sinais son a lei que guía os comportamentos dos condutores, aseguraba mentres conducía comigo no asento de atrás que, para dicilo todo, tiña unha tapicería algo ríspida para o verán. Por veces, cando a televisión daba titulares que non lle cadraban dicía: aquí fai falta un stop. Cando rifaba a xente comentaba: o máis difícil de todos os sinais é o ceda o paso. Cando apareceron os semáforos en Galicia, meu pai viu confirmada a súa interpretación universal polo que consideraba unha adaptación da toma de decisións as necesidades de cada cruce.


Mentres imos cara a apoteóse democrática das eleccións en convocatoria permanente o teatro pide unha declaración de principios


O mundo escénico galego fixo a semana pasada unha proposta no Parlamento de Galicia para unha lei das artes escénicas. Presentou un texto aos lexisladores. Ben mirado, é como se os pacientes presentasen aos cirurxiáns un xeito de operar. A vocación do texto presentado é que as artes escénicas teñan unha regulación propia e, por medio dela, poidan ser consideradas como unha ferramenta cultural e educativa, poidan ser entendidas como un argumento de transformación dunha sociedade sen deixar de ser unha profesión. Que o teatro ou a danza, o circo ou calquera outra actividade escénica sexan consideradas no que teñen de cultura e no que teñen de diversión. No fondo, que teñan a mesma regulamentación que calquera outro sector.

A proposta da lei é transversal e ten como intención principal garantir o acceso ao teatro da xente. Ben sexa aproveitando as artes escénicas como ferramenta educativa ou como se o teatro fose un espazo colectivo de ocio e participación. A proposta dos distintos sectores escénicos galegos pretende tamén que os espazos culturais construídos durante os últimos vinte anos poidan ser utilizados para o fin para o que foron construídos, de maneira que os escenarios e as butacas das casas de cultura, dos teatros ou auditorios teñan un uso cotián como cotián debería ser nunha sociedade o teatro.

Porque os sinais deben ter uso. Detrás do volante do 1500, meu pai miraba cada un deles e ía facendo comentarios coma quen está nunha clase de circulación. Exactamente facíao por iso. Para que foramos aprendendo que querían dicir todos aqueles triángulos vermellos e azuis sementados as beiras de estradas estreitas e sen pintar. E quedaban marcadas curvas perigosas, animais ceibos, limitacións de velocidade e itinerarios aconsellables. En máis dun sentido, era unha narración codificada do camiño a seguir.

Unha lei tamén é, en máis dun sentido, unha narración en código. É de agardar que unha lei das artes escénicas se converta nun sistema de sinais para guiar á xente cara aos escenarios: para quen quere traballar neles e para quen pide mirar cara a eles. Unha lei pode ser unha guía de uso e un manual de mínimos e, nun sentido máis simbólico, unha declaración de intencións.

Os ingleses, que para o teatro como para conducir son moi deles, non precisan andar regulamentado textualmente os sucedidos escénicos e por iso parecen tan liberais. Pero cando se observa o seu teatro está todo colocado no seu lugar, incluso as pobrezas. En Galicia, que linda mar por medio con Inglaterra, somos moito máis literarios. Somos máis de pórlle letra ás cousas, de que nos quede claro que é o queremos facer. E as leis son esa literatura con moitos máis críticos que autores.

Realmente non sei cal é o estatus que teñen as artes escénicas en Galicia. Cal é o verdadeiro lugar que ocupan na sociedade. Sairei á preguntar na rúa. Pero unha lei, como un ceda o paso calquera, non lle fai mal a ninguén. No peor dos casos, como sucede outras veces, queda como referente textual ou serve para lembrar obrigas incumpridas. Porque un sector que ten como modelo básico de desprezamento a furgoneta e un posto de traballo que, cando o hai, cambia cada día de lugar, un sector afeito a vivir nos corredores dos lugares públicos, a medio vestir entre os personaxes e a xente común convertida en espectadores ben merece uns cantos sinais que organicen para ben a potencia dese tráfico.

Unha lei para organizar o tráfico nas artes escénicas
Comentarios