"Un terzo da audiencia oe a radio por internet. O online é o presente, non o futuro"

A xornalista chairega Tania Lombao acaba de facerse cargo da xefatura de programas da Radio Galega na reestruturación da CRTVG
Tania Lombao, no parque Rosalía de Lugo
photo_camera Tania Lombao, no parque Rosalía de Lugo

A xornalista Tania Fernández Lombao (Castro de Ribeiras de Lea, 1989) acaba de aterrar na redacción central da Radio Galega en San Marcos. Os últimos anos deu as noticias máis temperás en Radio Lugo e, desde hai uns días, asume a xefatura de programas da radio autonómica tras a recente reestruturación da CRTVG.

Lombao incide en que a principal fortaleza da Radio Galega (RG) está "no localismo". Aínda máis, "no hiperlocalismo". Un dos obxectivos dos medios públicos, "non só da RG", reside en "espallar a identidade" e a emisora pública autonómica "resulta paradigmática" neste aspecto. "Isto conséguese cun produto de boísima calidade e que conta o que pasa na túa vila, que é co que outros non poden competir", resume.

Sinala a xornalista espazos tan recoñecibles para os oíntes como o matinal Galicia por diante ou o deportivo Galicia en goles, "que xa forman parte da identidade do país", considera.

"O hiperlocalismo é a principal fortaleza da Radio Galega; resulta paradigmática no obxectivo de espallar identidade" 


Aínda que a experiencia laboral de Tania Lombao está case por completo en medios privados -excepto unha etapa na axencia Efe-, como investigadora universitaria é unha grande coñecedora dos modelos dos medios audiovisuais de toda Europa. "Xa sei que resulta repetitivo, pero a BBC, a corporación pública británica, é un modelo de gobernanza de medios públicos, tanto polos seus ratios de independencia, como na innovación e na incorporación de recursos para verificar a calidade dos informativos e programas".

A nova xefa de programas da Radio Galega sinala a incorporación de novas narrativas entre os aspectos máis interesantes da BBC e sinala tamén que aplica uns "tests de valor público", en tres pasos, para asegurarse de que calquera espazo se axeite "ás características do servizo público".

"Estes mecanismos tamén os posúen as canles públicas de Alemaña, Francia, as dos países nórdicos e, no noso ámbito, a RTP de Portugal", engade a xornalista.

Ela bota de menos na radio "entrevistas non políticas e pausadas, formatos que tiveron éxito en televisión hai anos". E está certa de que cómpre aceptar o reto de internet: "Creo que é imprescindible cambiar o concepto que existe sobre a produción e o consumo radiofónico. Un terzo da radio escóitase vía online; xa non é o futuro, é o presente e está moi pouco explotado".

"Boto de menos nas radios entrevistas non políticas e pausadas, un formato que funcionou en televisión hai anos"


A xornalista chairega cre que é o momento de valorar a produción radiofónica específica para podcast e considera "un erro" trasladar directamente "o FM ao dixital". "Non é o mesmo público nin ten o mesmo tempo. Hai que experimentar, porque ata o de agora ninguén deu coa tecla".

Tania Fernández Lombao comenta, asimesmo, que os podcast son un recurso "interesante" para devolver a ficción á radio: "Estamos nun momento no que os contidos circulan ao redor das series e serven para crear comunidade".

Lombao, que acumula experiencia como redactora en información, tamén se enfronta nesta nova etapa da súa carreira profesional ao reto de xestionar os programas. "Partes dos mesmos presupostos de calidade e de pluralismo, pero nos programas está tamén o valor divulgativo dos espazos de entretemento e, no caso dun medio como a Radio Galega, o de difundir o idioma e uns modelos de lingua".

Sobre este aspecto, a nova xefa de programas terá responsabilidade tamén sobre Son Galicia Radio, unha emisora que seguirá a ter internet como pricipal medio de difusión, e Radio Galega Música. "O obxectivo é facer unha aposta clarísima pola música galega e tamén pola que fan grupos de Galicia que empregan outros idiomas. Isto será así tanto na emisión de radiofórmula como en programas, nos que xa hai exemplos tan bos como Tres peixes voando. Temos un produto diferenciado que é a nosa fortaleza".

Comentarios