Twitter cébase con Lotina

Hai tempo que Miguel Ángel Lotina parece sufrir unha maldición que o leva a conducir cara á desgraza os equipos que adestra. Se ninguén agardaba o descenso do Dépor, tamén eran poucos os que vían o Villarreal cos seus ósos na Segunda. O vasco participou con este no seu quinto descenso –Logroñés, Real Sociedad, Celta, Dépor e Villarreal–, igualando a marca de Fernando Vázquez e Lucien Müller e superando a Javier Clemente, que queda con catro.

En Twitter non pasou desapercibida a mala xeira de M.A.L.O, acrónimo de Miguel Ángel Lotina Oruechebarria co que xa é coñecido o de Meñaka. Esta é unha escolma dos comentarios sobre el en Twitter, que chegaron a ser trending topic en España.

-#Manuchocreenocelta: Lotina é capaz de facer descender o balón de Sergio Ramos.
-@elbicharraco: Lotina colle un equipo de infantís e descéndeo á categoría de benxamíns.
-@davidzorrilla: Levántase o pano e aparece Lotina. Descende o pano.
-@xoánálvarez: Di Lotina que se non fose adestrador sería xogador profesional de Afundir a frota.
-@chemaCA: Prima de risco en 487... isto só o baixa Lotina.
-@carlosvalladolid: O home descende do mono; Lotina descende o mono.
-@USCenfurecida: Rapaces! Poñede un Lotina nas bragas das rapazas e baixaranse facilmente.
-@superfalete: ¡Sacade a Lotina da Bolsa agora mesmo!
-@fernandojose: Presentan un software de descargas que baixa calquera arquivo: o Lotinator 2.0.
[email protected]: A gravidade non existe, é Lotina.

Menos mal que entre tanta mala fe sempre hai quen sae na súa defensa:
-@fragglepajero: ¡Deixádeo xa en paz, que está de baixón!

Un palmarés de grandes éxitos e soados fracasos

Nin os ascensos co Numancia e o Osasuna nin a Copa de 2006 co Espanyol conseguen borrar da memoria colectiva os cinco descensos que suma Lotina, tamén responsable de meter o Celta na Champions. Achácanlle o do Logroñés, que só adestrou 10 xornadas, e o do Celta, do que foi cesado en xaneiro. No Villarreal e na Real chegou coa tempada ben avanzada, e só nun Dépor  vido a menos baixou adestrando toda a tempada.

 

Comentarios