A TVG bate a "Supervivientes" co concurso de Paco Lodeiro

"A liga dos cantantes extraordinarios" gaña ao programa estrela de Telecinco alcanzando un 15,6% de share, o seu mellor dato histórico
Paco Lodeiro. CRTVG
photo_camera Paco Lodeiro. CRTVG

O programa da TVG A liga dos cantantes extraordinarios, producido por El Progreso, alcanzou a superar a Supervivientes como o programa máis visto en Galicia na noite do xoves tras conseguir un gran 15,6% de share.

Paco Lodeiro, presentador do programa, cualifica o dato, o mellor das tres tempadas que leva emitíndose na cadea, como "espectacular".

Lodeiro di sobre a causa do éxito logrado que "facemos os programas con ilusión e o público vaino recoñecendo". Ademais, cre que "a xente está máis encariñada co programa porque ao non haber verbenas é a oportunidade que teñen de poder gozar dos artistas da noite galega", tras recordar que estiveron prohibidas durante o verán do ano pasado a causa da situación xerada pola pandemia do covid-19.

A sensación que lle provocou coñecer ese gran dato, o presentador nacido en Caracas explicou que "sempre que recibimos este respaldo é moi agradable". Así mesmo, compara a emoción sentida con "estar no San Froilán e que estivera a praza chea ou como estar na festa do patrón co campo ateigado de xente".

O concurso conta cun xurado formado por Pili Pampín, Lito Garrido, Mon e a lucense Lucía Pérez, a única galega que foi a Eurovisión, que avaliará en cada edición as actuacións de oito cantantes. Ademais, gozarase en cada emisión coas intervencións dun artista extraordinario.

Cabe recordar que a TVG é a televisión autonómica máis vista xunto con TV3, a canle de Cataluña, chegando ao 31% de cuota entre as 13.30 e as 17.00 horas. Nesta franxa duplica a segunda, Antena 3, que marca un 15,6% e triplica a Televisión Española, que apenas acada un 9,6%.

Comentarios