domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Tres son multitude

Estefanía e Pascual Barrul, cos seus fillos. XESÚS PONTE
Estefanía e Pascual Barrul, cos seus fillos. XESÚS PONTE
Son pais que organizan coma os mellores estrategas, nenos que herdan xoguetes e roupa, xente que non sabe o que é aburrirse. Son familias numerosas

China vén de cambiar a súa política de natalidade e, tras décadas de restricións, anima aos seus a ter tres fillos. É un intento de salvar unha economía lastrada polo avellentamento da poboación. Pero os chineses que se animen a vivir a aventura de ter familia numerosa deberían seguir lendo antes de tomar a decisión.

As casas das familias numerosas están cheas de alegría, de alboroto, de ilusión multiplicada por polo menos tres. En calquera lugar pode aparecer un xoguete e todos os sofás teñen os restos dunha galleta escondidos entre os coxíns. Sempre hai un termómetro. Son lugares divertidos, pero requiren organización, previsión e esforzo dos seus habitantes para que cada peza da engranaxe vital funcione á perfección. Non hai estratega que supere as planificacións dunha nai de familia numerosa. En Lugo hai 2.351.

Verónica EiravellaDESFRUTAR CADA ETAPA. Verónica Eiravella e Eliseo Real teñen tres nenos e unha filosofía de vida que lles axuda a "sobrevivir desfrutando". Parten dunha base sinxela, que é que cunha familia numerosa "hai que simplificar e asumir que en calquera momento algo pode saír mal". Verónica explica que tiveron que "aprender a vivir co desorde. Non temos unha casa perfecta, senón unha casa para nenos. Isto á miña parella cústalle porque el é moi ordenado".

A clave está en asimilar a situación. "Hai que desfrutar dos nenos porque van marchar, o importante é ser felices e para iso cada un debe facer o que necesite". Se ademais, como no seu caso, se toma a vida con humor, hai máis posibilidades de sobrevivir. 

"Cando nos fartamos de limpar as paredes decidimos poñer marcos para encadrar os debuxos que van facendo os nenos". Solucións prácticas que evitan conflitos. Xonxa, de oito anos; Martiño, de cinco, e Xes, de tres, están encantados coa decisión e ata poden ir vendo o que medran en función da altura á que están pintadas as súas obras de arte.

O espazo é un problema no piso, no coche e ata para atopar hotel nas vacacións

A nai desta familia conta que tiveron que mudarse dun piso de 50 metros cadrados en Lugo a unha casa en Outeiro de Rei, e cambiaron os dous coches que tiñan por outros máis grandes. Estalle tamén moi agradecida á lavadora. "Compramos unha de doce quilos, a máis grande que había". Di entre risas que os nenos "son coma plantas expansivas, invaden todo".

Verónica é a directora do colexio de Casás e Eliseo do de Begonte. Considéranse privilexiados porque os seus horarios de traballo lles axudan a conciliar vida familiar e laboral, pero insisten en que aínda así é moi difícil. "Estabamos mal acostumados porque ata que chegou o covid os nenos quedaban moito cos avós, pero despois tivemos que buscar unha coidadora e non foi doado atopala", explica a nai. "Traballar desde a casa con tres fillos é imposible", di con rotundidade.

A engranaxe de cada día está milimetrada e se unha peza falla xa se complica a xornada. "Levantámonos cedo, vestímonos, preparamos as mochilas... ás nove xa chega a persoa que nos axuda e a avoa, para quedar co neno máis pequeño mentres a coidadora leva os outros dous á escola".

Non quere nin pensar en cando algún deles enferma. "Como sexa unha gastroenterite xa nos podemos preparar porque imos todos detrás".

O sábado fan a compra e o domingo preparan a roupa para toda a semana, coa intención de aforrar tempo. "Miramos Meteogalicia e non sempre acertamos na elección, pero faise o que se pode", comenta Verónica.

A independencia que van gañando os nenos tamén axuda. Están aprendendo a vestirse sós, "aínda que algún día poñan o pantalón do revés", e cando os pais chegan para a merenda ás veces xa se serviron eles mesmos. A engranaxe funciona aínda que algunhas veces teñan que recorrer ao berro de "código 10!!!, que é cando a cousa se complica moito e hai que saír correndo porque algún neno está a punto de matarse", explica a nai. 

Verónica e Eliseo recoñecen que ás veces tiveron que ir contracorrente para vivir ao seu xeito, pero consideran que calquera decisión que lles permita desfrutar da crianza dos seus fillos é boa.

Familia Barrul. XESÚS PONTEALEGRÍA NON FALTA. Se con tres fillos hai que botar contas, con catro o encaixe de pezas aínda é máis complicado. Estefanía Barrul e Pascual Barrul sábeno ben porque comparten aventura vital cos seus fillos Emilio, de 13 anos; Javier, de dez; Darama, de sete, e Flores, de tres. Din que non hai tempo para aburrirse, pero que todo o traballo compensa porque "los niños son la alegría de la casa".
Estefanía explica que a previsión é importante para afrontar o día a día. "Hacemos una compra grande a principios de mes y después cada dos días compramos lo que falta". A improvisación ten que ser mínima porque "hacer comida para seis no es igual que preparar cualquier cosa para dos".

Alegría e caos conviven nas casas das familias numerosas, onde organizarse é vital 

Calquera actividade require estratexia. "No puedes decidir en este momento que sales de casa e irte. Si sé que voy a ir a alguna parte empiezo dos horas antes a preparar a los niños", explica Estefanía.

Viven nun piso de tres habitacións: unha para os pais, outra para os dous nenos e outra para as dúas nenas. Tiveron que cambiar de coche para ir os seis. "Compramos uno de siete plazas. Nos sobra una, pero espero que quede vacía", bromea a nai.

E cando hai gastos extraordinarios hai que botar moitas contas. Estefanía di que os inicios de curso son "un caos. Los libros, la ropa... los pequeños utilizan la de los hermanos, pero los mayores crecen tan rápido que no les vale nada". Procura ir cubrindo as necesidades mes a mes. "Compro calzado para uno, ropa para otro... intento que tengan lo que cada uno necesita, aunque no pueda comprar para todos a la vez".

Estefanía ten clara a clave do éxito: "Paciencia hay que tener mucha porque si no no sales adelante. Son niños".

Familia Reija López

ORGANIZACIÓN. Lorena López e Javier Reija teñen tres fillos (Tristán, de sete anos; Carol, de cinco, e Olivia, de dous). Con moito esforzo e organización, conseguen algo impensable incluso para familias menos numerosas: non chegar tarde nunca.

Tristán e Carol estudan no colexio das Mercedes e Olivia vai á escola infantil Coké 2. "Nos organizamos y nunca llegan tarde. Es un trabajo en equipo, saben que por la mañana no se pueden entretener", explica a nai.

A previsión axuda a aforrar tempo e o traballo en equipo facilita a xestión do día a día

Lorena traballa polas mañás e pasa as tardes cos fillos. Javier fai distintos turnos e tamén dispón de moitas tardes libres. Os dous restan horas de sono para chegar a todo. "Somos privilegiados porque no es fácil conciliar. Las empresas tienen planes de conciliación familiar porque es obligatorio, pero no gusta cuando pides cualquier adaptación a la que tienes derecho", di a nai.

No tempo de confinamento puideron comprobar as dificultades. Lorena asegura que "teletrabajar no es factible con tres niños tan pequeños en casa. Es imposible. No te puedes encerrar en el despacho y dejarlos fuera". Aínda así, comenta que desfrutou do confinamento porque "a fin de cuentas, es tiempo en familia".

EVA FERNANDEZ Y SU FAMILIA NUMEROSA DE VIVEIRO-JM ALVEZ

AUTONOMÍA. Eva Fernández e Pablo García viven en Viveiro con Celia, de 15 anos; Bea, de nove, e Guille, de seis. Estes pais din que "por necesidad o convicción" fomentaron nos seus fillos a autonomía, "tanto para mejorar la organización en casa como para incentivar su autoestima".

A nai conta que os seus fillos van á escola sós e tamén a algunhas actividades, preparan o almorzo e a mochila. "Por eso algunas veces mi hijo llega a la piscina sin toalla", pero é un risco que asume con gusto porque sabe que ao día seguinte se lembrará de levala.

Encaixar os horarios das actividades dos rapaces é a tarefa máis temida

Esta autonomía tamén se aplica á hora de facer os deberes. "Estamos muy desentendidos de ese tema. Los profesores saben que los deberes los hacen ellos, no sus padres, y lo que lleven hecho es trabajo suyo. Yo no tengo tiempo de hacer calabazas de Halloween, me gustaría, pero no puedo. Si tienen un examen chequeamos a ver si lo saben, si tienen una duda intentamos resolverla, pero no puedo sentarme a estudiar con ellos".

Celia, de 15 anos, é un gran apoio para os seus pais. Eles marchan cedo a traballar e ela coida dos irmáns ata que chega a persoa que lles axuda na casa. Entón, marcha para o instituto.

Eva fai un traballo previo fundamental. "Preparo un menú semanal y hago la comida de un día para otro. Mucha cuchara para poder dejarlo hecho". Esta estratexia require intendencia. "La compra grande es semanal y después cogemos los productos frescos a diario".

Ao ter o terceiro fillo, Eva e Pablo cambiaron de piso para que cada neno puidese ter o seu cuarto. Tamén compraron dous coches máis grandes, para ir traballar e atender pola tarde todas as necesidades dos pequenos. "Tenemos un mapa de horarios pegado en la cocina para saber a donde va cada uno cada día en función de las actividades de cada niño". E din que non fan moitas, pero todo se multiplica por tres. "Un deporte, inglés y el conservatorio. No es mucho, pero no queda ningún día libre", explica a nai.

Nin sequera son fáciles as vacacións. "Viajar es terrible. No hay habitaciones para cinco en los hoteles, algún niño tiene que dormir separado. Todo está pensado para cuatro. Encontrar alojamiento es un reto y acabamos siempre en apartamentos".

En todo caso, estas familias consiguen superar cada día os retos da vida coa satisfacción de ver o seu esforzo recompensado nos sorrisos de pais e fillos.

China quere máis nenos

O goberno chinés recúa nas restricións á natalidade para salvar a economía

Fixo falta unha crise económica para que o goberno chinés se dese conta de que as súas políticas de control de natalidade non levaban bo camiño.

No 1979 implantou a política do fillo único para frear o incremento da poboación e facilitar a intervención do Estado para reducir a pobreza. Pero esta medida axiña tivo consecuencias. Nun país de clara inclinación machista, moitas parellas preferían ter un fillo e houbo abortos selectivos. Moitas nenas foron dadas en adopción e a muller foi perdendo peso nunha pirámide de poboación que, en poucos anos, estaba chea de solteiros.

Agora o problema vai máis aló de atopar moza e radica en que hai mais vellos que rapaces en idade de traballar e a economía non pode soportalo.

Desde o 2016, os chineses poden ter dous fillos e agora xa poden chegar a tres. Pero co que non contaba o goberno chinés era con ter que animar a poboación a procrear. A rede social Weibo realizou unha enquisa para ver se os usuarios estarían dispostos a aumentar a súa familia e en media hora houbo 30.000 respostas, o 90% negativas.

Os chineses ven con moito recelo as campañas de propaganda do goberno para incentivar a natalidade, sobre todo porque van dirixidas a animar as mulleres a quedar na casa a criar fillos. 

As chinesas denuncian que a conciliación laboral é moi difícil nunha sociedade especialmente competitiva e que o home nunca asume o rol de coidador. Din que non están dispostas a dar un paso atrás no ámbito laboral para ser nais, nin sequera dun só fillo.

Chegar a tres considérano un luxo e piden que as políticas de fomento da natalidade vaian acompañadas de apoio económico e plans de igualdade.
 

Tres son multitude
Comentarios