martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Tralas pegadas do LSD

Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, promotoras do documental. ILLA BUFARDA
Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, promotoras do documental. ILLA BUFARDA

Illa Bufarda traballa nun documental sobre o fungo do centeo, base da industria farmacéutica galega

En 1943 Albert Hofmann, químico e intelectual suízo, sintetizou, inxeriu e experimentou os efectos psicotrópicos do LSD. Fíxoo mentres estudaba os alcaloides producidos polo 'cornezuelo' do centeo, un pequeno fungo de cor negra que foi empregado durante décadas en Galicia. E para que servía?

Iso é o que tratan de pescudar Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, as caras que se agochan trala produtora Illa Bufarda, que proxecta rodar un documental para traer ao presente un relato "descoñecido para moitos" e no que está a "base da industria farmacéutica galega", salientan.

Elas descubriron por primeira vez o dentón ou caruncho -o fungo é coñecido de múltiples maneiras dependendo da zona xeográfica- nunha conversa cunha compañeira de piso natural das Pontes. "Nunha sobremesa contounos que a súa avoa traficara con LSD", rememoran entre risas ao outro lado do teléfono, conscientes de que foi unha afirmación algo esaxerada e unha forma de chamar a súa atención.

E funcionou. De xeito case inmediato acudiron á procura de máis información en internet. "Démonos conta que ese pequeno fungo (na foto) enlazaba con moitísimas historias e comezamos co traballo de campo", contan Adriana e Sabela, mentres enumeran algún dos destinos do seu periplo investigador: "O Porriño, Betanzos, A Coruña, Outeiro de Rei, Escairón, As Pontes, Lugo, o norte de Portugal...".

Saltando dunha punta a outra de Galicia, pudieron confirmar que este fungo tivera "unha importancia histórica" na saúde das mulleres.

"Os seus usos tradicionais máis estendidos estiveron centrados na obstetricia", contan as autoras deste documental en produción, indicando que, segundo os testemuños recompilados, co caruncho "preparábanse infusións para facilitar os partos e provocar contracións, pero tamén para conter as hemorraxias".

Coa investigación confirmaron que este fungo tivera "unha importancia histórica" na saúde das mulleres

As múltiples propiedades menciñais do dentón foron clave nos inicios da industria farmacéutica galega. En 1939 xurdiu no Porriño a empresa Zeltia, a partir do que fora o Instituto Bioquímico Miguel Servet -que xa producira antes da Guerra Civil española un remedio contra as xaquecas e o glaucoma a base de caruncho-. Nas instalacións elaboráronse posteriormente diversas menciñas, nas que o 'cornecho' era o compoñente estrela.

"Realizáronse plantacións de centeo na zona do Saviñao para producilo de forma industrial", aseguran Adriana e Sabela, recordando que houbo "unha febre do caruncho" debido á importancia económica que tiña, o que o levou a ser identificado tamén como "wolframio vexetal".

"A comezos dos 50, nun momento que escaseaba a nivel mundial, o fungo acadou prezos moi elevados. Chegáronse a pagar 1.200 pesetas da época por un quilo. Unha barbaridade!", salientan as promotoras dun documental que conta co respaldo da Deputación da Coruña, do Museo do Pobo Galego, da Sociedade Antropolóxica Galega e da Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume (As Pontes).

Iniciaron unha campaña de micromecenado que ten como meta acadar "14.250 euros" para realizar a peza

Para sacar adiante esta peza audiovisual, que pretenden comezar a gravar este verán e rematar hacia finais de 2020 con toda a produción, iniciaron unha campaña de micromecenado -en www.goteo.org- que ten como meta acadar "14.250 euros".

"É a contía ideal para poder incorporar partes ficcionadas e dispoñer dunha persoa máis no equipo", explican as promotoras, recordando que o prazo para colaborar finaliza o día 24.

Adriana e Sabela non saben aínda cal será o título, pero o que si teñen claro é que a música será de Paulo Pascual (Modulador de Ondas), un dos maiores expertos no 'theremin'.

Sons psicodélicos para debullar todas as ramificacións das primeiras pegadas dos alcaloides do LSD en Galicia.

Tralas pegadas do LSD
Comentarios