Todo isto será noso

Finalmente, o asalto do teatro galego a Valle Inclán quedou en táboas. A parte boa é que sempre nos quedará un Valle por facer: un Valle máis grande, un Valle máis noso, un Valle de antes, ou de agora. Un Valle máis Valle. De momento, queda resolto outro dilema: por que levamos todas as discusións aos escenarios? Porque para iso está o teatro

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

AS DÚAS obras que Marta Pazos dirixe no Centro Dramático Galego tenden a neutralizarse. Son dous exemplos do que se pode facer con Valle. Exemplos dun catálogo posible, aberto e infinito. Un catálogo que agora nos está dicindo: Galicia non tería que ter comezado por aí. Isto non é responsabilidade da directora, é cousa nosa. Pero nós non sempre estamos ao que cómpre.

As dúas obras coas que o Centro estrea a Valle na súa lingua están construídas como esquivándose: unha para a estética, outra para a política, como se as ferramentas que conducen a unha e á outra non fosen, na práctica, as mesmas. Quizais Valle Inclán quería facer unha foto vergoñenta daquel país que tanto se parece a este e fixo do esperpento unha linguaxe moralmente cáustica, escenicamente cuántica. Construíu un túnel do tempo entre o absurdo e a realidade, colocando os dous no mesmo plano. Pero os tempos cambiaron a peor e a realidade adiantou a Valle. O que entón era esperpento hoxe é realismo contido. Ese é o salto que o teatro non acaba de ofrecerlle a Valle.

As dúas montaxes pretenden chegar á mesma conclusión desde puntos de partida diferentes. ‘As galas do defunto’ quere chegar desde o particular, ‘A filla do capitán’ quere ir desde o colectivo. Debería haber un punto de converxencia, pero debería producirse no escenario, antes de que as espectadoras teñan que facelo pola súa conta. Quizais porque ‘Martes de carnaval’ é unha triloxía que o CDG asume amputada da peza que lle dá título.

Entre o estético e o político, o CDG móvese mellor no estético. Marta Pazos non disimula a súa maneira de facer teatro e a súa maneira é construír un envoltorio visual para as historias dos clásicos. Como Peter Greenaway pero sen pedantería. A directora procede dese pop reconstruído entre a música, a televisión, os carteis, as proclamas e os anuncios e por iso o seu teatro é fotoxénico, decidido a marcar ben os fragmentos e a propoñer asociacións de imaxes pouco ortodoxas. Por iso ‘As galas’ ten mellor resultado que ‘A filla’, porque a historia soporta mellor o peso que se lle bota enriba. E porque a primeira é unha historia, pero a segunda é a nosa historia. E nestes casos o teatro consiste en revelar o que din os autores. En quitar en lugar de poñer.

Logo está a famosa batalla. A única culpa que o CDG non ten é ser galego. Nin destes comportamentos esperpénticos que nos dá por ter. O elenco resultante da selección do CDG pode ser voluntarioso pero é desigual, cada un no seu rexistro como unha asemblea da Onu sen tradutores. É un elenco distorsionado e con demasiadas feblezas interpretativas. Sen facer músculo conxunto para levantar un Valle. Pero a estas alturas dos titulares, facer prevención administrativa no proceso de contratación de intérpretes é como pensar que a corrupción vai acabar receitando tiritas. Iso si que é esperpento.

Comentarios