Talía Teatro, Martín Camiña e Sumrrá animan o verán lucense con Cultura Aberta

Unha vintena de actuacións de escena, ilusionismo e música, e de proxeccións de cine desenvolveranse dende hoxe ata o 5 de agosto
De esquerda a dereita, o director Simone Saibene, Pilar García Porto e Carmen Méndez
photo_camera De esquerda a dereita, o director Simone Saibene, Pilar García Porto e Carmen Méndez

A estrea da película ‘Pelerinaxes’, de Simone Saibene, abre o programa Culturas Abertas, que programou a Área provincial de Cultura. Durante o resto do mes e ata o 5 de agosto haberá en Lugo máis de vinte actuacións e proxeccións de cinema entre as que se poden destacar as de Talía Teatro, o Mago Martín Camiña e Sumrrá.

A planificación está preparada cunha actividade por día, de xeito que o martes haberá cinema; os mércores, actividades para nenos; os xoves, música, e o venres, teatro. Mantense esa rutina, pero cambia o escenario, que xa non serán os Xardíns da Deputación, senón na explanada do Inludes, tras a Capela de Santa María.

A actividade teatral comezará o venres con ‘Foucellas’, na que Talía Teatro trata o maquis. A reiteración de campañas electorais que vivimos nestes meses veñen a conto de ‘Presidente’, a peza que porá en escena o día 15. O teatro continuará o día 5 de agosto coa representación de ‘Raclette’ a cargo de Ibuprofeno.

Pilar García Porto
Deputada de Cultura
"Cambiamos os Xardíns polo Inludes por unha cuestión de accesibilidade e seguridade"

Haberá dous venres con propostas distintas. A primeira é unha actuación dos magos Martín Camiña e Fani Triana, quen, acompañados musicalmente por Álvaro Muras, desenvolven o espectáculo de ilusionismo ‘Transformando o presente’. Poderá verse o día 22 deste mes. Sete días máis tarde, está programada a montaxe de circo de Pistacatro, ‘Ímpreuna’.

A música será a arte protagonista os xoves. Este xoves haberá prevista unha actuación de ITH e de Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, que terá continuidade o día 14 coas de Adufe &Alguidar e de Zoelas. Foxnola e Vaia Banda! son os grupos do día 21. O jazz será dominante o día 28, con Sumrrá e con Fuliada na Vila. O último día con actuacións musicais en directo, o día 4, será para Lucus Ensemble e para Uxía, que cantará poemas de Manuel María.

Os rapaces terán tamén circo con The Chilipotas, que actúan mañá. Uxía pasará dúas veces polo escenario do Inludes. Volverá sobre a obra de Manuel María co espectáculo ‘Canta o cuco’, xunto con Magín Blanco.

O actor e músico Paco Nogueiras presenta ‘Brinca vai!’o día 20. Unha semana máis tarde poderá verse a comedia ‘Sin remite’, con Jean Philippe Kikolas. O programa infantil acabará o día 3 de agosto con ‘De aquí para alá’, con Lydia Botana.

O director Simone Saibene e máis a actriz barallense Carmen Méndez anunciaron que hoxe, ás 21.30 horas, se pasará ‘Pelerinaxes’, baseada na andaina que fixeron Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben Cho Shey dende Ourense a San Andrés de Teixido en 1927. O día 12, verase ‘Frankenstein 04155’, documental de Aitor Rei sobre o accidente do Alvia. O día 19 poderá verse ‘Cantando a Manuel María’, de Gonzalo Veloso.

O drama social ‘Os fenómenos’, no que Alfonso Zarauza incluíu elementos de humor, pasarase o día 26. O martes seguinte chegará ‘Vida’, a visión de Rubén Riós sobre a discapacidade.

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, xustificou o cambio de ubicación por «unha cuestión de accesibilidade e de seguridade». Incidiu no segundo punto ao argumentar que os Xardíns da Deputación están sobre uns garaxes «e os informes aconsellan que non se exceda un peso determinado».

Alegou tamén a vantaxe de que os artistas disporán dun camerino máis cómodo.

Comentarios