Suso de Toro regresa á ficción tras sete anos coa novela dun cirurxián

O autor racha coa promesa de non publicar literatura ►Unha produtora fai un documental sobre a súa traxectoria
Suso de Toro, na xuntanza con lectores que mantivo no Círculo de las Artes de Lugo
photo_camera Suso de Toro, na xuntanza con lectores que mantivo no Círculo de las Artes de Lugo

O escritor Suso de Toro porá fin ao compromiso de 2010 de non volver publicar unha obra literaria cunha novela que aparecerá en Xerais antes de que remate o ano. O protagonista "é un neurocirurxián galego establecido nunha cidade que ten que volver ao campo para facer unha investigación".

O narrador, que participou onte nun encontro con lectores do club literario do Círculo de las Artes de Lugo, confesou que é "o mesmo autor, aínda que cada libro é distinto; pero en todos hai unha persoa á que lle acontece algo polo que debe revisar unha historia familiar".

Ese modelo xa experimentara en Calzados Lola ou en Non volvas, pero con maior intensidade en Sete palabras, a obra na que regresa á orixe en Zamora e que foi "a que rematou" coa súa "vida literaria" en 2010.

"Con Sete palabras dixen: "Son escritor", e foi o final do camiño", apunta Suso de Toro, quen cualifica a vindeira publicación ficcional como "vida póstuma".


Suso y Los Multiusos era un grupo de rap no que o escritor lía a lista da compra e animaba aos rapaces a vivir dos seus pais


O autor ten un contrapeso que lle impide desenvolver á súa carreira. "Non poder deixar de sentir ese peso moral de deixar de preocuparme polo que vexo ao meu redor, é unha desgraza", lamenta Suso de Toro, un activo e constante analista político. Como exemplo, pon que hoxe vai dar unha charla sobre cooperativismo, cando prefire "falar de literatura e de arte". "A implicación social sácate de ti e ponte en mans doutros ao que creas expectativas, cando a literatura é algo que está dentro de ti", asegura.

A súa preocupación social empezou a ser unha práctica en 1973, cando tiña 17 anos e comezou a militar de xeito "entregado" no Movemento Comunista. "En linguaxe policial era un 'axitador', que non entrei a traballar no naval de Vigo porque o partido dixo que non", lembra Suso de Toro.

Durante unha década soamente publicou "un libriño" e, tras a morte de Franco, empezou a escribir obras de teatro "de axitación" para a compañía Pepa A Loba. De Toro tamén foi cantante da banda Suso y Los Multiusos, que facía "rap sen saber moi ben o que era o rap" e no que o escritor escribía "as letras, que eran a lectura da lista da compra; no medio, lanzaba consignas aos rapaces para que non estudasen porque xa traballaban os seus pais".

A partir dese momento, axitou o tranquilo estanque da literatura galega posterior á ditadura con Polaroid (1986), Premio da Crítica de Galicia, e comezou unha carreira ascendente que decidiu interromper tras a novela Sete palabras.

O narrador reconsidera agora a súa decisión de hai sete anos, pero mantén o seu criterio: "A miña axente literaria, de Madrid, díxomo claramente nos anos 80: "O teu problema é que queres todo", e era certo, eu quería ser un escritor sen límites, que a miña obra estivese por riba das fronteiras".

'HUMILDAR'. Un documental sobre a súa traxectoria está tras a aparición recente de 'Humildar'. "Os responsables da produtora dixéronme que a miña despedida foi no Sant Jordi de 2010 e que debería volver no Sant Jordi de 2017, pero eu non tiña libro, polo que decidín escribir ese libriño, que tiña ganas de facer hai tempo". 'Humildar' é un ensaio breve que "naceu da envexa e das soidades de quen perdeu a relixión; da falta da palabra sagrada e do ritual, da falta da linguaxe".

Suso de Toro desconfía de que "saía adiante porque foi presentada ás axudas da Xunta e non llas deron". O regreso oficial á vida literaria, aínda que sexa "póstuma", acontecerá nos vindeiros meses, coa novela que publicará con Xerais, porque ten "unha débeda de lealdade con eles" porque cando tivo "o problema con Fraga", atopouse "só, e a empresa emitiu un comunicado para defenderme".

Comentarios