Cando era nena, que fantaseaba que ía ser cando medrara?
Soñaba con que ía ser unha grande empresaria de éxito.
Pero acabou sendo xornalista e un rostro televisivo. Como se sentiu a primeira vez que a recoñeceron pola rúa?
Son moi tímida, así que por un lado sentín agradecemento, pero tamén certo medo e agobio de que se repetira con frecuencia.
De todas as novas que leva dadas no Telexornal, cal lle fixo máis ilusión contar?
A fin da Eta.
Cales cre que son os adxectivos que mellor a definen?
Diría que son perfeccionista e empática.
O mellor para empezar o día...
Unha taza de bo café, ben acompañada cando me apetece estar con alguén, ou soa e cunha boa serie cando prefiro estar tranquila.
Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes?
A bióloga Marisol Soengas, unha muller cercana que transmite entusiasmo polo que fai; Amancio Ortega, que supoño que é quen eu quería ser nas miñas fantasías infantís sobre o meu futuro, e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que é un creador de espazos.
Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
Madrid, por moitos motivos, é unha cidade na que volvín nacer, porque alí me recuperei dun problema de saúde. Pasear polas súas rúas faime desfrutar de instantes de felicidade, o mesmo que entrar na infinidade de tendas interesantes que ten, aínda que isto cada vez menos, porque arestora hai case os mesmos comercios en todas as cidades.
Tocoume aturar algún comentario sexista cando non era o momento nin o lugar
Cal é o seu plan perfecto para desconectar?
Durmir fóra da casa, espertar e camiñar por un lugar descoñecido que alimente a miña curiosidade.
Diría que é máis de festival ou de verbena?
Son de ir con xente divertida a un festival e a unha verbena. Soa a música e quero ter con quen bailar, gústame a complicidade.
Prefire un bo viño ou unha cervexa fresquiña?
Un viño sempre, mellor tinto ca branco, e mellor se significa probar un novo lugar de procedencia. Beber viño é beber cultura.
Na mesa, pérdea un bo…
A un bo cocido non se lle pode dicir que non, é pecado!
Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade?
Máis ca cociñar, o que me gusta é empratar e preparar con moito agarimo e detalle a mesa. Son das que cren que a comida entra polos ollos!
Se puidera viaxar no tempo un único día, onde e cando aparecería?
No día e no lugar en que a última persoa do mundo que pasara fame ou fora vítima dunha guerra deixara de sufrir.
A serie que máis a enganchou?
Son unha adicta ás series e gústame facer maratóns, así que teño moitas: Succession, The white lotus, The crown, Billions…
Recoméndanos un libro e unha película para estas fins de semana caseiras de outono?
Libros, acabo de ler Piloto de guerra de Antoine de Saint-Exupéry, e neste momento estou con Licencia para espiar, de Carmen Posadas. E, como libro de cabeceira a ler sempre, O principiño.
Cales son os defectos alleos que soporta peor?
Non soporto o egocentrismo, o egoísmo nin o rancor.
Tocoulle vivir algunha situación incómoda por ser muller?
Algún comentario sexista dos que sobraban cando non era o momento nin o lugar.
Ás mulleres, a partir dunha idade, cambiábanas do seu posto ante as cámaras de televisión por outros sen visibilidade. Por fin isto está empezando a cambiar?
Desgraciadamente, non.
Que pregunta non lle fixen e lle gustaría responder?
A onde queres viaxar? Encántame viaxar e aínda que me falta moito mundo por ver, teño dúas materias pendentes: Macedonia do Norte, porque a miña filla veu imaxes preciosas e quere ir, e Nova York, porque sempre quixen ir, e a miña filla tamén se apunta!