Sogama lanza el 'Xogo de Reciclaxe' para fomentar la concienciación medioambiental en los jóvenes

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de lanzar unha nova actuación dirixida aos máis pequenos no campo da educación medioambiental: o Xogo da Reciclaxe. Esta iniciativa está encamiñada aos nenos de entre 6 e 12 anos, e trátase dunha proposta impulsada co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes.

A través desta actuación, preténdese pór a proba os coñecementos dos rapaces sobre os bos hábitos medioambientais na xestión e tratamento dos residuos urbanos, pero tamén co obxectivo de conciencialos sobre da necesidade de investir maiores esforzos na práctica diaria dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

As porcentaxes de reciclado son aínda moi baixas en Galicia: do 10% fronte á media estatal do 15%. É por iso que o xogo contén preguntas que axudan os pequenos a discriminar correctamente as distintas tipoloxías de residuos cotiáns, incidindo sobre todo nos que presenten unha maior confusión.

Pero, máis aló da correcta segregación en orixe, esta aventura contempla tamén preguntas máis xenéricas sobre a orixe do papel ou o aforro de materias primas e enerxía que implica a reciclaxe de determinados materiais.

Todos os colexios galegos de primaria recibirán cadanseu xogo de mesa, que conta cun taboleiro, un dado, un reloxo de area, 50 tarxetas de probas –adaptadas por franxas: de 6 a 7 anos e de 8 a 12–, 4 fichas de xogador e 16 de puntuación representativas dos catro tipos de residuos: envases lixeiros, de cartón e papel, de vidro e fracción resto.

Proclamarase equipo gañador o que primeiro chegue á meta e responda correctamente a unha proba elixida ao azar polos contrincantes, pero antes debe conseguir as fichas correspondentes a cada tipo de refugallo, o que lle obrigará a superar o circuíto proposto nas casas marcadas como 'premium'. Algunhas casas, como as correspondentes ás tres erres, gardan sorpresas positivas, mentres que outras, como o vertedoiro, castigarán o xogador por malas prácticas coa perda dunha quenda.

Comentarios