Sinatra Jr., cóidate dos Idus de Marzo!

Os norteamericanos son eficaces clasificando a carencia de talento. No canto de dicir que o mérito dunha persoa é xenético, que é un ‘fillo de’, póñenlle ‘junior’; como a Frank Sinatra Jr.

OS NORTEAMERICANOS son eficaces clasificando a carencia de talento. No canto de dicir que o mérito dunha persoa é xenético, que é un ‘fillo de’, póñenlle ‘junior’; como a Frank Sinatra Jr. Nunca me cadrou compartir escenario en Las Vegas. Soamente o vin unha vez botando unha partida de cartas con varios mafiosos na serie ‘Los Soprano’. Manexaba a baralla coa pistola no sobrazo, coma uns amigos que tiña o pai. A cabeza de Sinata Jr. estaba moldeada coa harmonía da cabeza de Sinatra Sr., herdara os ollos azuis sorprendentes e mesmo o aire solemne de senador romano. E aí acaban os parecidos. O xen paterno da viveza viaxaba nun espermatozoide que non chegou a destino. Sinatra Jr. movíase coa lentitude desconfiada de boi, soportando as miradas acusatorias coa que carga todo ‘fillo de’.

Ese mesmo día estiven vendo teatro televisado. Nunca superarei a morriña en branco e negro do ‘Estudio 1’ da Española, con aqueles actores que te deixaban pasmado: Bódalo, Galiana, Julia Gutiérrez Caba,.... pero O Hórreo compensará toneladas de nostalxia en tanto que Xosé Manuel Beiras estea activo. Preferiría que o Parlamento fose un espazo para o debate político, pero tampouco perde interese como ámbito dramático. Aínda que me desacougue saber que asistimos á decadencia dun clásico. Síntome coma os espectadores de Londres cando vían o esforzo que debía facer o gran Richard Burbage para recrear na súa obsolescencia o Marco Antonio da obra ‘Xulio César’, de Shakespeare, que encarnara co aos 31 anos, en 1599.

O discurso de Beiras trataba do hospital Cunqueiro de Vigo. O voceiro de Age elaborara unha proposta mesurada sobre o asunto, pero a sensatez e o pragmatismo son aburridos, polo que se saíu de guión e  deunos outro deses momentos que Inma López Silva incluirá na vindeira edición do ensaio ‘Resistir no escenario’. A súa intervención atívose ao método Stanislavski: ese remuíño de brazos, esa melena de veleiro ao vento, a ollada buscando o infinito,... O discurso da exaltación de Marco Antonio oculta a argumentación sinxela e racional de Bruto no texto de Shakespeare. Acabei de ver a intervención do político galego sen saber que pretendía facer co hospital. Ao final, o problema do hospital non me pareceu relevante e sospeito que a Beiras lle pasou o mesmo. Soamente lle mancou o castigo ríxido de Miguel Santalices.

O presidente do Parlamento galego está gañando o seu sitio nesta crónica semanal porque ten un sentido escénico maior que o da súa antecesora, a paciente Pilar Rojo. Ela era máis partidaria do ‘laissez faire, laissez passer’, da escola tolerante; de facer como que escoitaba chover contra as cristaleiras do hemiciclo. Dicía as súas liñas de diálogo con sobriedade e mantíñase ao fondo do escenario. Pero Santalices estivo soberbio transmitindo emoción no entremés do líder de Age. Apelou ao artigo 108 do regulamento coa mesma solidez coa que se chamaba á parella da Garda Civil nas verbenas do Mezzofranquismo.

Pero xa ningunha cousa é sólida, xa nada é fiable. Paul Morand denunciaba en 1937 a aceleración da vida moderna coa metáfora do xiroscopio: "A velocidade mata a cor; o xiroscopio, cando xira deprisa, produce gris". Na política domina a tonalidade marenga. O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, non vairou a expresión desarmada nin cando Beiras lle aporreou o escano.

Antes, cando o tempo era máis lento, calquera acontecemento podía ser asentado para a Historia por un notario. Agora, depende. A Academia Galega do Audiovisual fixo o xoves un reproche público ao notario dos seus premios Mestre Mateo. Denunciaron que se confudira cos nominados. Pensei que era un intento de obter publicidade, como esa serpe perigosa que escapa de todos os circos cando paran nunha cidade. Pero non. Os actores desnominados aceptaron con humor o trasacordo. Tanta comprensión debería ser compensada cunha gala de premios Mestre Mateo de Innominados.

O martes cumpríronse 2.060 anos dos Idus de Marzo e soamente 54 anos da Ira de Marzo. Os Idus responden ao asasinato de Xulio César e a Ira, á visita de John Kennedy a Palm Springs. Frank Sinatra convidara ao presidente de Estados Unidos á súa mansión e mesmo mandara instalar unha liña telefónica privada e construírlle un heliporto. Kennedy confirmara a estadía na casa de Sinatra, pero os seus asesores persuadírono pola familiaridade coa que xogaba ao póquer coa mafia. Kennedy acudiu a Palm Springs, pero á mansión de Bing Crosby. Sinatra contestoulle arrincando manualmente o cable telefónico e levantando o heliporto a cachos cun martelo hidráulico.

As relacións entre políticos e artistas son volátiles, aínda que soamente os primeiros o teñen claro. O artista séntense continuamente  ‘mellor amigo’ do gobernante. Non falta alguén incapaz de tomar en serio esa relación. Linlle o luns a Peio H. Riaño en El Español a audacia do artista Karmelo Bermejo. Fixo un monumento en Perpignan co nome de ‘10.000 euros de fondos públicos enterrados’. A obra consistiu en colocar os 10.000 euros dunha subvención baixo un pedrolo e invitar «ás masas a que recuperen os seus cartos». Trataba de demostrar a falta de talento de moita da arte actual.

Este traballo forma parte dunha serie. Hai cinco anos cobrou unha bolsa da fundación Botín por outros 10.000 euros. Viaxou ata Vigo para cederllos á posteridade diante do Marco cunha praca indicativa. Os cartos continúan intactos, pero non pensen que se debe á honradez galega; senón a que o toman a broma, como se fose o fillo mediocre de Frank Sinatra. Senior.

Comentarios