'Sicixia', de Ignacio Vilar, premio á mellor película estranxeira en Houston

O filme está protagonizado por Monti Castiñeiras, Tamara Canosa e Marta Lado
Ignacio Vilar, en Houston
photo_camera Ignacio Vilar, en Houston

Dúas películas españolas, Sicixia, do director ourensán Ignacio Vilar, e El jugador de ajedrez, de Luís Oliveros, foron premiadas no festival WorldFest de Houston (Texas, EE UU).


Na gala de premios, a película Sicixia, protagonizada por Monti Castiñeiras, Tamara Canosa e Marta Lado e producida pola galega Vía Láctea Filmes, recibiu un premio Remis á mellor película estranxeira.

Sicixa narra a historia de amor dun enxeñeiro de son que percorre as localidades e lugares máis recónditos de Galicia na procura dos seus sons naturais, nunha viaxe que coñecerá unha persoa que lle espertará a paixón pola Costa da Morte.


O outro filme español presente no WorldFest de Houston, El jugador de ajedrez, recibiu tres galardóns Remis: mellor película histórica, mellor actor principal -para o barcelonés Marc Clotet- e mellor banda sonora -Alejandro Vivas-.

A película de Luís Oliveros está ambientada na Francia ocupada na Segunda Guerra Mundial e ten como protagonista a un xogador profesional de xadrez, quen se atopa en terras galas por mor da súa historia de amor cunha xornalista francesa, interpretada por Melina Matthews.

Na película, producida por Tornasol Films, ambos deciden refuxiarse en Francia tras a Guerra Civil española, aínda que a súa estancia alí complícase máis do previsto e o protagonista cae preso do réxime nazi.

"Cremos que ambas as películas son excepcionais e estamos encantados de poder ofrecelas en primicia para Estados Unidos no noso festival", indicou en declaracións a Efe a directora do WorldFest, Kathleen Haney, antes deste certame.

A directora deste festival seleccionou a Sicixia durante a última celebración do Festival Internacional de Cine de Xixón, no que Haney formaba parte do xurado.

O WorldFest de Houston, que este 2017 chega á súa edición número 50, está entre os festivais de cine independente máis antigos de Estados Unidos e consagrou a directores como Steven Spielberg, os irmáns Coen, Ridley Scott, David Lynch ou Francis Ford Coppola, entre moitos outros. 

Comentarios