'Si' aos ritos laicos

Algúns pais buscan alternativas aconfesionais ás celebracións tradicionalmente marcadas pola relixión, como bautizos e comuñóns

Verónica Hermida celebroulle ao seu fillo Alexis unha festa 'non comuñón'. J. VÁZQUEZ
photo_camera Verónica Hermida celebroulle ao seu fillo Alexis unha festa 'non comuñón'. J. VÁZQUEZ

OS RITOS SON UNHA PARTE fundamental de calquera sociedade, porque aportan cohesión e unidade ao pobo. Son costumes ou cerimonias que conmemoran feitosimportantes, ben sexa no ámbito relixioso —xurdidos para reafirmar as creenzas nunha relixión, como no caso da Eucaristía católica ou o Ramadán musulmán—, ou laico, como poden ser un festexo nacional —a celebración da independencia dun país ou a conmemoración dun acto histórico, por exemplo—.

RITOS DE PASO. Tamén existen ritos que implican a un ou varios membros en concreto dunha comunidade. É o exemplo dos ritos de paso, que son aqueles festexos ou actividades que marcan a transición dunha etapa a outra na vida dunha persoa. Existen moitos casos, como son as celebracións polo nacemento dun novo integrante da comunidade, para o paso da infancia á madurez, os matrimonios ou os ritos funerarios. Todos eles axudan ás persoas a sentirse máis integrados na súa comunidade social. De aí a prevalenza deste tipo de rituais que celebran os momentos máis importantes dunha vida.

ANTIGÜIDADE. Os ritos de paso son tan importantes na unión e convivencia dos pobos e na vida social das persoas que levan existindo dende as primeiras comunidades. Na cultura romana, por exemplo, facíanse ofrendas aos deuses e purificacións tralo nacemento. Ademais, o pequeno poñíase aos pés do cabeza de familia, e se este o aceptaba, levantábao nos seus brazos, o que significaba que o acollía como seu e, polo tanto, que xa podía gozar de todos os dereitos dunha familia romana. Outro dos ritos de paso máis importantes son os que marcan a transición entre a nenez e a idade adulta. Un exemplo é o rito que se celebraba no mundo celta, baseado na maxia, e que buscaba a sabiduría dun mesmo. Os participantes debían internarse nun bosque por algúns días coa única compañía de herbas, talismáns e outros símbolos. Deste xeito,entraban en contacto con seres máxicos como fadas e trasgos, que lle axudaban a pasar á vida adulta.

ACTUALIDADE. A día de hoxe, os ritos de paso no nacemento e na madurez seguen a ser imprescindibles en todas as culturas. Algúns exemplos son as festas de quince anos en centro e euramérica, as circuncisións e os Bar Mitzvah na relixión xudía, ou a Aqiqah do islam.

En España, ao ser a relixión católica a imperante na sociedade, os ritos máis comúns na infancia son o bautismo e a comuñón. O primeiro serve para liberar ao pequeno do pecado orixinal e inscribilo dentro da Igrexa católica; e o segundo é unha reafirmación da fe do neno participando por primeira vez do sacramento da Eucaristía.

Pero estes rituais católicos caen moitas veces en desuso co paso do tempo, debido a que a sociedade é cada vez máis laica. E, aínda que son numerosos os bautizos, o certo é que moitas veces estos fanse por costume ou compromiso coa familia. O mesmo pasa coa comuñón e con outros rituais como as vodas, as renovacións de votos e os funerais.

É por iso que, coa crecente desacralización da sociedade, van xurdindo alternativas laicas a estas cerimonias. As máis comúns son as vodas civís, que xa no 2014 superaban en número ás relixiosas, ou os funerais. Pero —aínda que moi paseniño— van asentándose novas formas de celebrar os momentos importantes da vida de forma non católica.

'BAUTIZOS' CIVÍS.  Alá polo 2004, o concello catalán de Igualda celebrou o seu primeiro bautizo civil, o do pequeno Marcel Planell. O seguinte concello español en aprobar o rexistro civil de bautizos foi o de Guitiriz no ano 2005, aínda que non foi ata o 23 de setembro de 2006 que se celebrou o primeiro. Dende entón, algúns concellos ao longo da xeografía española foron seguindo os seus pasos e aprobando esta iniciativa, aínda que non son moitos os que o levan a cabo.

Aínda que cando se aprobou provocou o rexeitamento da Igrexa católica, que os vía como unha provocación e unha usurpación do rito propio da súa relixión — o antigo bispo da diócese de Mondoñedo-Ferrol, José Gea Escolano, asegurou que eran de mal gusto e que estaban fóra de lugar— o certo é que o único que teñen que ver co bautismo é o nome. Este rito, tamén coñecido como acollemento civil, está baseado nun rito celebrado na Francia republicana dende 1790, e foi concebido como unha separación entre a Igrexa e o Estado. A día de hoxe, en España non hai ningunha regulación estatal e son os concellos os que deciden se os organizan.

Con esta cerimonia, o que se pretende é dar a benvida a un pequeno á súa comunidade. É un rito simbólico e sen ningunha vinculación legal.

Na provincia de Lugo, só os concellos de Barreiros, Burela, Guitiriz, Lugo, A Pastoriza, Sarria e Viveiro celebraron algún bautizo civil. Nalgúns, as casas consistoriais teñen reguladas as cerimonias por ordenanza municipal. Noutras, esta ordenanza non existe, aínda que si se celebrou algún bautizo. É o caso do concello de Sarria, que o 30 de decembro de 2017 viviu o seu primeiro acollemento civil, o da pequena Éire. Seu pai, Diego García, asegura que decidiron esta vía porque non lle querían impoñer á súa filla a relixión católica mediante o bautismo. "Queriamos darlle a benvida á sociedade, pero non queriamos facelo polo acto católico, porque preferimos que escolla ela se quere pertenecer a esta Igrexa cando sexa adulta".

Na provincia de Lugo, só sete concellos organizaron algún acollemento civil

O Concello de Lugo recolleu na súa ordenanza os acollementos civís en 2017,pero non foi ata o pasado mes de xullo cando se celebrou o primeiro. 

É un acto que adoita ser sinxelo, no que o oficiante acostuma a ler algúns artigos da Declaración de Dereitos do Neno e algún artigo da Constitución española referente á educación dos pequenos. Os pais, padriños e asistentes, se o desexan, tamén poden ler algún texto relacionado coa infancia ou co coidado do pequeno.

NON COMUÑÓN. A comuñón civil é algo aínda máis minoritario. Apenas hai concellos que a recollan. Vivares, en Extremadura, e Rincón de la Victoria, en Málaga son algúns exemplos.

As comuñóns civís son máis raras, porque case non hai concellos que as celebren

O caso das comuñóns civís é moito máis discutidos, posto que a comuñón en si mesma non é tanto un rito de paso, senón unha reafirmación da fe cristiana. En internet é moito máis doado atopar artigos e opinións en contra que a favor.

Moitas veces, os pequenos ven como os seus amigos ou familia celebran comuñóns cristianas con festa, comida e regalos, e queren vivir a mesma experiencia sen ter que pasar pola igrexa. É o caso do fillo de Verónica Hermida, Alexis, que quería unha festa como a que anos antes tivera o seu irmán maior ao facer a comuñón, pero sen ter que participar na Eucaristía.

"Le dimos a elegir si quería hacerla o no, y como estaba indeciso le pregunté por qué quería una comunión. Me dijo que era por la fiesta y los regalos, así que no veía lógico que recibiese el sacramento, porque este tiene otro significado. Le hicimos una fiesta de no comunión en un restaurante, para que él también tuviese su día especial, como su hermano", recoñece Verónica.

Comentarios