miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Seriefilia

El ala oeste de la Casa Blanca
El ala oeste de la Casa Blanca
"Mírante con cara rara se se che ocorre sinalar que tal serie ou tal outra non é máis ca unha mala copia de Balzac ou é directamente un pouco mellor có esterco"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ARREDOR de min agromou nestes últimos uns anos unha especie ata o de agora descoñecida: a dos seriéfilos. Nalgúns casos case que podo falar de devotos, xa que rozan a entrega relixiosa. Pasan discos a todas horas, comentan a xogada no café, teñen comunidades virtuais, fan festas en estreas e peches de tempada e mírante con cara rara —alporizada ás veces— se se che ocorre sinalar que tal serie ou tal outra non é máis ca unha mala copia de Balzac ou é directamente un chisco mellor có esterco.


Esta experiencia non é máis ca un reflexo do que para min é un dos grandes fenómenos culturais do século XXI: o paso das series de televisión do centro á periferia cultural. Non hai político que non queira ser como Bartlet —ben, vale, podemos pasar isto por alto—, os retratos urbanos inspíranse en Baltimore e os frikis vémonos reflectidos no Sheldon Cooper de Big Bang Theory. É opinión común que os mellores directores, actores e guionistas camiñan cara a pequena pantalla, cansos da crise de ideas e os ritmos do cinema. Este crítico, como conservador cultural que é, non pode menos que apampar ante as esaxeracións que se emiten perante recursos aos que os creadores literarios chegaron antes de que Franco fose cabo. Literalmente.

Toda relixión precisa un libro sagrado e se os seriéfilos aspiran a tal cousa xa teñen un: Historia de las series, do crítico Toni de la Torre (Roca Editorial). É difícil esaxerar a calidade e importancia da obra que se nos presenta para abrir este outono. Se repasamos a bibliografía que ofrece o mesmo autor decatarémonos de que está producida maiormente nos países anglosaxóns e adoito ten un alcance limitado, ben no temporal, ben no xeográfico, ben no xenérico. Porén o libro de Toni de la Torre comeza nos relatos seriados de Dickens e remata no mesmo 2016, a pesares do predominio anglosaxón non esquece a ficción europea —e ten a ben non dedicar practicamente unha liña a esa peste narrativa e visual que son os culebróns— e repasa dende a comedia á ciencia ficción pasando polo policial ou o histórico.

Dende o primeiro parágrafo obsérvase unha fluidez narrativa e de contido notábel. É esa pracenteira sensación de que o texto pasou días, meses, anos, quizais décadas, na cabeza do autor —pulíndose, formándose e reformándose— e de que cando sae está perfectamente construído. É sinxelo de ler, transmite unha enorme cantidade de información e anima ao lector a buscar e rebuscar a ver se consegue os DVD de Heimat ou Oz, por exemplo, pezas descoñecidas que pon en valor De la Torre.

Agardo que a obra teña unha segunda edición e penso que nela se poderían resolver pequenos detalles. A división do texto en pequenos bloques é moi acaída pero nalgúns casos non existe demasiada coherencia neles: pode haber tres ou catro para o mesmo tema cando sería sinxelo alongalos e fundir o formal e o contido; para un libro desta calidade o número de erratas é moi elevado, cousas das présas cabe supoñer; por último, sería interesante a introdución dunha filmografía na que se indiquen as edicións dispoñibles, sobre todo por series máis antigas e difíciles de conseguir como o caso de Hill street blues.

Non é sinxelo elaborar un libro de referencia en español. Poucos autores poden presumir desa fazaña, moito menos en temas de grande impacto como o mundo da televisión. Toni de la Torre conségueo e só cabe agardar que os seus seguintes proxectos sexan igual de ambiciosos e manteñan un nivel de calidade tan salientábel.

Seriefilia
Comentarios