viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Especial Táboa Redonda: 'Sentes falar galego'

CANDO CAMIÑO por Becerreá, ou cando vou a Lugo, sinto falar en galego a toda a xente. Cando ando pola miña cidade, Vigo, tamén sinto falar en galego a toda a xente. Na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, da que sou profesor, desde a súa fundación en setembro de 2005, só sinto falar en galego. Por tanto, eu diría que o galego ten futuro. Alomenos tanto futuro como pode ter a paisaxe que dá lugar a ese sotaque.

Por que en Galiza existe a lingua galega se estamos no Estado Español? Por que Galiza ten unha lingua propia?

Calquera fenómeno, tamén as linguas, ten algunha razón de ser. Por tanto, se temos unha lingua propia, chamada galego, por algo será, non che parece?

Se a esta pregunta, sen dúbida complexa demais para nós, que non somos doutores en lingüística, lle aplicamos o sentido común, entón quizais cheguemos a unha resposta que non sexa excesivamente improbable. Pois iso, aplicando a lóxica e o sentidiño, eu diría que o ser humano, en tanto que animal (racional), sempre se caracterizou por adaptarse aos entornos naturais nos que habita. Adaptación, por necesidade, ao habitat. Unha das ferramentas fundamentais, para poder vivir nun habitat determinado, é a nosa capacidade para nomear e representar, mediante sons articulados (palabras), o mundo que nos rodea. Así pois, se a lóxica non nos falla, e o sentidiño tampouco, non resulta difícil deducir que a lingua galega é o medio expresivo máis xusto para habitar simbioticamente esta paisaxe que se tinxe dos verdes e os azuis da intersección entre o Atlántico e o Cantábrico. A lingua galega conéctanos directamente coa terra, coa variedade de árbores, prantas, flores, froitas, animais, fenómenos atmosféricos, cheiros... e todo ese ámbito indescriptible e único que modifica o noso humor. O humor —de humus, terra— sempre é nacional —de onde un nace—, por iso o humor inglés é moi diferente do humor francés, igual que o humor de Castela é moi diferente do humor galego ou do catalán.

O único problema que vexo, cando ando por Becerreá e, aínda máis, cando ando por Lugo, e moito máis aínda cando ando por Vigo, é que toda esa xente que sinto falar en galego, fano usando, con maior ou menor habelencia, palabras castelás. Esa é a única pega. Porque, polo resto, o que máis nos identifica e representa non son as palabras senón a música que as anima. As curvas melódicas da fala, a estilística, o carácter das frases... e todo isto, en Galiza, está impregnado, naturalmente, de galego. É por iso que calquera persoa de Becerreá, de Lugo ou de Vigo, aínda que falen con palabras castelás, cando viaxan fóra de Galiza, todo o mundo, ao escoitalas, lles di: "¡Ay, tú eres galleguiña/ o!"

Si, en moitas ocasións dinnos así: "galleguiña/ o", cun diminutivo que non é precisamente agarimoso, senón que representa esa diminución e esa marxinación histórica que nos eiva e, inconscientemente, causa a abdicación da parte consciente da nosa lingua: as palabras. Non obstante, en Galiza eu sinto o galego.

Especial Táboa Redonda: 'Sentes falar galego'
Comentarios