Viernes. 15.12.2017 |
El tiempo
Viernes. 15.12.2017
El tiempo

Sen memoria non nos queda paraíso

Chévere representa 'Eroski Paraíso'
Chévere representa 'Eroski Paraíso'
En Muros xa non hai paraíso. Agora hai un supermercado. Fomos cambiando as salas de festa por tendas e o mesmo temos que entender que cambiamos un modelo de ocio de tocarse por un de gastar. Ese é o punto de partida para a última obra de Chévere, ‘Eroski Paraíso’. Que, como todo nestes días, sucede na Transición. Na que vai do pasado á memoria

A MEMORIA é unha forma de ficción. Como o ego. Como as verdades a medias. Como o diñeiro. Prefire a coherencia á realidade, é máis leal que fiel. Se apurásemos moito o argumento habería que dicir que a memoria é a forma máis grande de ficción porque consegue levarnos aos lugares que xa non son e, unha e outra vez, facer pasar as historias por realidades. A memoria é eficaz porque é ficción. Porque todo o que se conta é ficción. E a memoria conta.
Chévere ráscalle á memoria en ‘Eroski Paraíso’. Encóntrase de fronte con ela mentres busca os sinais da pertenza. A nova montaxe de Chévere documenta un tempo que foi. Faino por contraste porque mentres rescata as imaxes do pasado está obrigando os espectadores a facer comparacións co presente. Non é que haxa que sacar conclusións, é que están aí. Nin agora, nin entón. O presente é malo e non hai pasado bo. O pasado só é anterior. Pero pasado e memoria non son a mesma cousa por máis que haxa un monte de xente confundindo, pode que intencionadamente, os dous termos.
‘Eroski Paraíso’ reconstrúe un pasado. É un pasado próximo. De inmediatamente antes a que houbese chalés adosados en Galicia. Un pouco antes das ombreiras nas americanas. Un minuto antes de que o mundo deixase de ser analóxico. Agora pode parecer outra época, pero é esta mesma de agora pero sen Twitter. Chévere propón unha historia na que unha película quere reconstruír un momento. Así é como opera a memoria, rebuscando nos datos e organizando os sucedidos como unha imaxe en movemento. Así é como a memoria nos conta o pasado.
Chévere fai reconstrución, pero non biografía. Toma o punto de partida e o punto de chegada. O do medio é sabido do espectador, aínda que non polo telexornal. O que hai no medio entre a sala de festas Paraíso e o supermercado que agora ocupa o seu lugar en Muros é esa derrota anunciada como vitoria: a do engano de clases, a do paraíso da clase media, a da Galicia asfaltada. A compañía explica o agora e o antes na mesma liña, como unha consecuencia interpretada. Como un flashback ao vivo e pode que este sexa o único xeito realista de facelo: ao pasado só se viaxa desde aquí. O resto é ciencia ficción e non é o que propón Chévere. O que propón a compañía é dobrar o tempo e facer que dous momentos coincidan no mesmo espazo. Nese territorio suceden moitas historias, as máis delas familiares, as máis delas sentimentais, hai algunhas cómicas e algunhas outras que ameazan con drama. Pero todo está contido por esa distancia que a memoria impón aos feitos. Esa distancia que en ocasións parece amabilidade e que tamén pode facerse pasar por obxectividade histórica. ‘Eroski Paraíso’ manéxase nesa distancia. A distancia axeitada.
Esa distancia entre a recuperación en serio das raíces e deixar que a memoria se apropie de certa comicidade. Na obra, Chévere inclínase máis a facer comedia. Tampouco lixeira. Ten o seu de sentimental e case nada de parodia, a pesar de que vai abeirando esa linguaxe, tan usual na compañía. En certo sentido, ‘Eroski Paraíso’ utiliza as armas da parodia para chegar a outro punto. Como se no camiño de rebuscar no pasado sempre aparecesen as fotos vellas e non houbera xeito de ser duros con elas. A obra inicia unha sorte de prospección sobre volver ao lugar ao que se pertenceu e encontra que a memoria é mala de guiar. Pode ser que o material do que nace a obra, as vivencias dos veciños de Muros, arrimen contra ese lado. Pode ser ese verniz co que a memoria amobla as historias ou pode ser que esas historias ou se miran así ou se deixan descansar en paz. Son asuntos moi serios como para facer un drama con eles. A obra busca no detalle o refrendo dunha realidade que foi. Porque Chévere toma como punto de partida un espazo e unhas experiencias recoñecibles: bailes de domingo e bocadillos de calamares. Parellas que se empreñan, pais que emigran para traballar con fillas que emigran para estudar. Ben mirado, a vida mesma de Galicia. Ou quizais non. Haberá unha clase que non se sinta recoñecida na historia máis aló do folclore ou do humor. Está todo nesa historia que alguén está reconstruíndo para o cine e aínda así Chévere non quere ir ao documento. Porque, igual que a memoria non é o pasado, o teatro non é a realidade.
Coa memoria pásanos como aos Estados Unidos co xeneral Noriega. Pode ser ruín, revirada ou traidora. Pode ser a peor do mundo, pero é a nosa. ‘Eroski Paraíso’ toma prestadas unhas historias e móveas con lixeireza e con humor pero sen parodia. Podería ser que sen parodia e sen nostalxia. Pero esa materia líquida que é a memoria resístese moito a ser considerada sen esa última pátina. A obra define unha liña máis de fondo, quizais como unha consecuencia, de como se moven as máquinas do pasado para converterse en narración: a memoria colectiva é máis aceda que a individual.

Sen memoria non nos queda paraíso