Diego Viaño: "Na Semana Santa ás veces só penso en desaparecer"

A TVG é a súa casa. Tras pasar por deportes e polos informativos, agora cóntanos cada día o tempo que vai facer, pero Diego Viaño é un home inquedo e gustaríalle probar aínda máis formatos.   
diego viaño con g fondo ver
photo_camera Diego Viaño. TVG

Cando era neno, que fantaseaba que ía ser cando medrara?
Neste caso non vou ser demasiado orixinal porque, como case todos os cativos da miña xeración, quería ser futbolista. 

É neto do fundador de Feiraco e Ternera Gallega. Nunca meditou en seguir a senda familiar?
Pois cando me dei conta de que futbolista non podía ser… sempre pensei que ía estudar empresariais ou económicas e seguir os pasos do meu avó e do meu pai. Pero ao final non estaba aí o meu futuro.

Despois de pasar por deportes e informativos acabou como home do tempo. Quédalle algo pendente na tele?
Fun o primeiro da CRTVG en ser presentador de deportes, informativos e do tempo. Nin Gayoso o conseguiu! Ja ja ja! É toda una honra para min. Teño como materia pendente facer algunha incursión en novos formatos enfocados ás redes sociais.  

Os meteorólogos da TVG xa se quitaron de enriba a sombra alongada de Santiago Pemán?
En parte si, pero moita xente pola rúa aínda se acorda do bo de Pemán e solta algunha das súas frases máis famosas. Como curiosidade, se buscas en Google o meu nome, unha das primeiras acepcións é: "Diego Viaño, fillo de Pemán". Pouco máis que aportar.

Na Semana Santa, todos os ollos están postos nos meteorólogos. Treme cando ten que anunciar que vai chover?
Pódeo dicir calquera que se adique a este tipo de información: son as peores datas do ano. Eu recibín chamadas onde me preguntaban se podía saír unha procesión. Todo dependía de min e no único no que pensaba era en desaparecer. 

Cal é o seu tempo ideal?
Téñoo moi claro: o propio da estación. Chuvia e frío no inverno e sol e calor no verán.

Cales son os adxectivos que mellor o definen?
Resolutivo no profesional e sensible no persoal.

Que é o mellor para empezar ben o día?
Pois o primeiro é ter a sensación de descanso, porque padezo de insomnio, e o segundo, ir espertar os meus fillos e darlles unha morea de bicos. Enfádanse, xa que están medio durmidos, pero dáme igual. 

Que tres persoeiros galegos vivos citaría como referentes?
O primeiro o meu avó, Maximino Viaño García, que con 96 anos ten ansia por seguir aprendendo cousas. O segundo o meu veciño Ángel Carracedo. É fascinante que un científico recoñecido en todo o mundo sexa un tipo tan normal. Hai pouco un compañeiro contoume que lle está axudando cunha doenza extremadamente rara que ten a súa filla e que xa é un máis da familia. E, como o piragüismo é o meu deporte, remato esta escolma con Carlos Pérez ‘Perucho’ e con Teresa Portela. 

Fóra de Galicia, hai algún lugar no que se sinta como na casa?
Non, son moi morriñento. Pero se tivera que dicir unha cidade á que me sinta unido, esa é Sevilla.

Non me gusta o Nadal, pero dende que teño fillos recuperei un pouco o seu espírito

Cal é o seu plan perfecto para desconectar?
O meu lugar para desconectar é O Grove. Remata a escola e Isa, Rodrigo, Alba e máis eu collemos as maletas e non aparecemos pola casa ata setembro.   

É dos que colocan xa en novembro os adornos de Nadal ou dos que tratan de eludir as festas?
A verdade é que non me gusta nada o Nadal, pero teño que recoñecer que dende que teño fillos recuperei un pouco o espírito desas datas.

Na mesa, pérdeo un bo…
Non son moito de antollos, pero por unhas boas navallas de Muros… 

Cando lle toca cociñar, cal é a súa especialidade?
Ufff, nin é o meu forte, nin me atrae demasiado. A miña especialidade é o menú de supervivencia.

Cales son os defectos alleos que soporta peor?
A impuntualidade e a arrogancia.

Que pregunta non lle fixen e lle gustaría responder?
A mellor pregunta que me fixeron dende que formo parte do departamento do Tempo foi: "Eres o home do tempo? Si, pois dáme cinco minutos". Pero se tivera que elixir unha que me gustaría respostar sería: "Veste como home do tempo ata a xubilación?".

Comentarios