''No tenemos Harvard, pero el nivel medio de las universidades gallegas supera el de las inglesas''

Non é un reitor pegado ao despacho, ou iso é o que intenta transmitir Salustiano Mato. Catedrático de Zooloxía e ex director xeral de I+D+i co bipartito, recoñece estar "enganchado" á investigación e mesmo escapa ao traballo de campo cando pode. Pero o substituto de Alberto Gago á fronte da Universidade de Vigo ten no financiamento o gran reto de futuro. Formouse en Estados Unidos e teno claro: "Temos que ter máis instrumentos para poder competir".

Pregunta: Que tal foi a aterraxe no cargo?

Resposta: Moi intensa. Empezamos cun ritmo moi aceptable e estamos manténdoo. A situación é moi complicada pero era máis complicada antes, e estamos conseguindo nestes meses facer cambios e atopar solucións que nos permitan ter un futuro prometedor. A situación mudou enormemente e non había mecanismos de defensa nas institucións universitarias.

P: Igual preferiría ser nomeado reitor noutra época...

R: Non, eu creo que os meus compañeiros pensaron en min precisamente polo momento de dificultade que vive a sociedade e que repercute na universidade. Probablemente se fose un momento máis dóce para a universidade, ó mellor non era eu o candidato.

P: Dixo na toma de posesión que había que lograr recursos de todos os caladoiros. Que tal vai esa pesca?

R: Xa logramos unha achega próxima a 8 millóns de euros coa excelencia. E presentámonos en proxectos internacionais, aínda que os resultados tardan normalmente un ano. Agora estamos nun tempo de sementar para logo recoller. Si temos claro que o que non fagamos este ano ou principios de 2012 xa non vai resolverse. Hai un espazo de traballo moi importante coa Xunta, compartindo plans e intentando lograr recursos. E non só para Vigo. Pensamos en clave galega e incluso da macrorrexión. Temos que participar en Europa e ter instrumentos para competir.

P: Iso require un cambio de mentalidade, non?

R: É o paradigma que temos que variar, traballar por resultados. Non podemos pensar só o bos que somos, e por ser tan boísimos téñennos que pagar. O momento é complicado e temos que merecer o que recibimos, e dunha maneira actualizada. Igual o merecimos hai 50 anos e agora non.

P: Refírese á Universidade de Santiago?

R: Non, ó revés, xa nos gustaría ter a marca de Santiago para abrir portas. A historia non é un lastre, é unha gran vantaxe. A efectos de márketing ter a marca USC é como ter Coca-Cola. Nós temos o hándicap de que carecemos desa marca e debemos loitar por visibilizarnos. Santiago ten un potencial tremendo e dende Vigo traballaremos para que se desenvolva o seu potencial. Interésanos que os nosos veciños sexan o máis potentes posibles.

P: Na historia das universidades, houbo demasiada dependencia da financiación autonómica?

R: Non. A Xunta ten que presumir das universidades galegas. No contexto español obtemos unha financiación por baixo da media española. Andalucía financia moito máis as súas universidades, e nós temos moito mellores resultados que elas. Estamos cumprindo o de facer máis con menos. De media os cartos da Xunta representan o 70%. Cantas institucións públicas son capaces de obter esa porcentaxe? A ensinanza é de calidade, ó contrario do que din agoreros ou xente que tivo unha mala experiencia. Non hai Harvard, pero o nivel medio é superior ó das universidades inglesas.

P: Está encarrilado o debate sobre o financiamento?

R: Está aí, agora só pido valentía política para cumprilo. Espero que nestes seis meses, nos que se ten que debullar a aplicación práctica do documento, vaiamos na senda do cumprimento do plan. É probable que necesiten ter valentía política, pero todos estamos convencidos.

P: E se alguén rompe a baralla?

R: Dá igual. Se alguén non o acata, que proteste. Pero se estará desdicindo do que asinou. De feito, en aras do consenso decidimos que nun primeiro tramo non se movese case nada. E en 2011 aceptamos os criterios históricos. A ninguén se lle escapa que se están repartindo os fondos en función dun peso de hai dez anos. E en 2012 será unha cousa pequena o que se mova por resultados. Queremos que haxa tempo para que a xente se poña as pilas.

P: Vai ser moi duro o plan de sostenibilidade?

R: Impulsaremos medidas que nos leven a un déficit cero pensando en situación de estrés. Non temos débedas, pero queremos que en 2012 os ingresos correntes calculados de maneira hiperprudente se equiparen aos gastos correntes. En todo caso, o que están dando a coñecer as outras universidades é o que aprobaron nos seus claustros. Nós no plan de sostenibilidade imos máis aló. Estamos traballando nunha serie de cálculos que implican cambiar normativas.

P: Hai titulacións en perigo pola caída nas matriculacións?

R: Non. Boloña axudou a fusionar e facer desaparecer titulacións que non tiñan demanda reiteradamente. Agora estamos nun índice de matrícula do 92%.

P: Aspira a que a Universidade de Vigo teña novos títulos?

R: Si, temos capacidade para ofertar títulos novos. Hai un título propio, o de Deseño e Moda, que ten unha demanda tremenda e que queremos facer oficial. O problema é que estamos esperando a que se abra o mapa de titulacións. E coa xente que temos, hai titulacións que en gran medida e con pouco esforzo podemos abrir. Hai temas que xa temos enfocados cos activos cos que contamos.

P: Non vai dicir os nomes desas titulacións...

R: Non, e máis antes das eleccións municipais. Temos moi claras as que son. Farémolo a través dun debate interno.

P: Que posición ten a Uvigo na polémica nos estudos de Medicina?

R: É un tema que hai que ver en clave de país. Galicia necesita atender a demanda de formación de médicos. Se nesta época a demanda é tan elevada para 400 alumnos por ano, temos que ver como poñer recursos para formar dunha maneira adecuada a eses alumnos. A facultade de Santiago e os hospitais que a rodean non están en condicións de formar de maneira adecuada a máis de 200 alumnos, como moito. Se os recursos non chegan, hai que usar todo o potencial de Galicia. Usar a tope os hospitais de A Coruña e Vigo, e que se preparen os de Ourense, Lugo, Pontevedra...

P: E a apertura doutras facultades?

R: Ese é un debate máis económico. Vigo e A Coruña teñen capacidade para a docencia en medicina. E os alumnos que se trasladan deben ter todo o corpo docente xunto.

Comentarios