"O que fixemos con Julio Iglesias non é unha entrevista, é unha loucura"

O presentador adiantou algúns detalles da visita estelar que recibiu o 'Land Rober' e que se emite hoxe ►"Fíxenme pasar por Feijóo para conseguir a entrevista"
Julio Iglesias, Roberto Vilar e súa nai, no 'Land Rober'
photo_camera Julio Iglesias, Roberto Vilar e súa nai, no 'Land Rober'

Este xoves é o día D. Julio Iglesias visitará Land Rober para pechar, tal e como di Roberto Vilar, unha "tempada histórica" que o presentador recoñece que non esquecerá "xamais" despois de firmar unha media de audiencia do 20% e botar o peche por vacacións da man do cantante español máis universal. 

Como adianto á cita televisiva desta noite na TVG, Vilar falou esta mañá no Galicia por Diante con Kiko Novoa, onde comezou lembrando como se xestou a entrevista. "Julio José dicía que case non falaba con el [...] Enrique, tampouco... Conseguín o teléfono da súa casa de Punta Cana, chamamos moitas veces e non nos pasaban con el dicíndonos que non estaba...", comentaba, engadindo que "cando Feijóo veu ao programa" viu a oportunidade. "Chamei a Punta Cana dicindo que era eu o presidente da Xunta de Galicia", e así logrou falar co artista para que entrara por teléfono para saudar a Feijóo, quen non dubidou en sumarse á campaña de Vilar para convencer o cantante de que visitase o programa.

Unha vez que Iglesias dixo si, comezou "unha odisea que non vos podedes imaxinar". "Díxolle que non a Pablo Motos, a Bertín Osborte e a Ana Rosa Quintana. A única entrevista que vai facer nestes tempos é a nosa", engadía Vilar antes de revelar as dificultades que se lle presentaron para, finalmente, sacar adiante o programa. "Ía vir en directo ao programa, pero a fin de semana pasada chamoume e díxome que tiña que estar ao día seguinte en Vigo se quería ter a entrevista, e eu e estaba a 14.000 quilómetros", revelou Vilar, apuntando que "máis que unha entrevista fixémoslle unha loucura".

E, ¿quen acompaña a Roberto na entrevista? Nin máis nin menos que a súa nai. "Entrou alí cunha tortilla para Julio [...] Ela disfrutouno como unha nena pequena e faláballe como a un veciño máis", dicía con certa envexa Vilar, que recoñeceu que a figura de Iglesias impúxolle "moito".

Agora unicamente queda ver o resultado do histórico encontro, no que o presentador confesou que comezou "metendo algo a pata ao principio" porque os que nos "dedicamos a isto ás veces metemos a pata".

Comentarios