martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

Roberto Vilar compaxinará o 'Land Rober' cun magacín diario

Integrantes do novo programa que estrea o luns a TVG. CRTVG
Integrantes do novo programa que estrea o luns a TVG. CRTVG
Presentará xunto a Rodrigo Vázquez este formato que constará de tres horas de directo

Tres horas de directo, de conversas coa audiencia e de resposta ás cuestións que máis lles preocupan aos espectadores. Isto é o que ofrecerá a partir do vindeiro luns o magacín Quen anda aí?, a nova aposta para as tardes da Galega.

Os convidados e todo o que teñan que contar serán os protagonistas deste novo programa participativo e aberto, onde todo o mundo será benvido para expoñer a súa historia, historias cotiás coas que se identificarán os espectadores desde as súas casas.

A primeira sorpresa deste novo formato de tarde, producido por Veralia e Tex 45, son os seus presentadores, dúas caras moi coñecidas da TVG: Roberto Vilar, que se estrea nunha faixa horaria que compatibilizará co Land Rober Tunai Show, e Rodrigo Vázquez, despois dunha longa experiencia en varios programas da canle.

"Queremos que sexa un programa alegre e divertido e que o humor sexa unha parte importante del"

Xunto a eles estará unha vez por semana o coñecido locutor da Radio Galega Marcial Mouzo coa sección O banco de amigos de Marcial, que os xoves trasladará ao estudio o espírito do seu coñecido espazo radiofónico Pensando en ti. Nesta nova aposta participarán tamén dúas profesionais moi coñecidas: Rocío Barrio e Patricia Santana, que serán as encargadas de conectar en directo desde distintos lugares da xeografía galega para achegar ao estudio de gravación as historias alá onde estean e tamén para sorprender a xente nas súas propias casas.

Un dos contidos máis frescos de Quen anda aí? será O club dos 4, sección que terá como protagonistas catro persoas que vivirán cada semana experiencias distintas. Este club funcionará ademais como unha mesa de expertos que comentará os temas máis diversos no gran sofá do programa.

Unha vez por semana o mítico Marcial Mouzo trasladará ao estudio o espírito do seu espazo na radio, Pensando en ti

No acto de presentación deste novo programa, que tivo lugar no estudio de Tex 45 de Ordes, o director de contidos da TVG, Fernando R. Ojea, sinalou que "a partir do vindeiro luns facemos unha aposta moi importante coa que queremos poñerlle emoción á nosa grella e para isto, para entreter o público polas tardes, sacamos do seu hábitat natural a profesionais que xa teñen triunfando noutros programas".

Pola súa banda, Roberto Vilar sinalou que "queremos que sexa un programa alegre e divertido e que o humor sexa unha parte importante del, xa que o humor non é só a comedia, senón que é unha maneira de vivir en Galicia".

Roberto Vilar compaxinará o 'Land Rober' cun magacín diario
Comentarios