miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

IRIA VEIGA | PSIQUIATRA

"Relacionar a enfermidade mental con ser feble fai moito dano aos enfermos"

Iria Veiga. DP
Iria Veiga. DP
A experta, que o luns presentará en Pontevedra o libro ‘A vella compañeira’, de Anxo Lugilde, aboga por desmontar prexuízos e normalizar estas doenzas

Iria Veiga, psiquiatra e divulgadora científica, estará o luns en Pontevedra (20.00 horas, Teatro Principal) para presentar o libro A vella compañeira. Os meus trinta anos de loita contra a depresión, do xornalista Anxo Lugilde.

Que van atopar os lectores neste libro?
Unha narración en primeira persoa do que é a vivencia dunha depresión e unha visión desestigmatizante e normalizadora do que é unha enfermidade mental.

Pode resultar terapéutico contar a experiencia, ben sexa nun libro ou falando con amigos ou familiares?
Si, axuda a quen a padece e axuda tamén ao conxunto da sociedade. Para a persoa pode ser terapéutico falar do malestar e para as persoas que están con ela axuda a entender unha situación que non deixa de ser pouco coñecida e moi mal interpretada polo contorno. Entón o libro ten esa dobre vertente: terapéutico para o propio pacente e normalizador de cara ás persoas que conviven con el e de cara ás persoas que poden estar pasando por unha situación semellante.

Fala de normalizar a enfermidade mental. Malia que semella que nos últimos anos houbo avances, segue a ser necesesario derrubar tabús?
Sobre todo nos últimos anos hai unha maior visibilización do que é a enfermidade mental e de como son ese tipo de procesos pero, por desgraza, aínda hai moito tabú e moito estigma. Nós falamos de estigmas como aquelas ideas e aqueles prexuízos negativos asociados a enfermidade mental que é conveniente desmontar. Moitas veces que se fala de depresión aparecen conceptos do tipo de persoas que son febles, ou que non loitan, ou que non poñen da súa parte... Iso é algo que convén desmontar e que tamén fai moito dano aos propios enfermos porque non lle pedimos que poña da súa parte a alguén que teña outra enfermidade, pero a un enfermo con depresión ás veces si se lle esixe un esforzo de vontade como se iso fose curar a enfermidade.

Ver máis: Anxo Lugilde: "O que me sucedeu a min pode pasarlle a calquera"

Anxo Lugilde convive coa depresión desde hai 30 anos. É frecuente que se prolongue tanto?
En todas as áreas da medicina hai enfermidades crónicas e outras que non o son. Pode haber persoas que teñen un episodio depresivo que se resolve e nunca máis na súa vida volven ter clínica deste tipo e hai outras que teñen un trastorno crónico, o que implica unha vivencia crónica da enfermidade, como pode ser o caso dunha diabetes. Non quere dicir que esteas continuamente con síntomas, pero si que pode ser unha constante na túa vida a nivel de coidados, de tratamentos e de recaídas.

Este domingo celébrase o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema de A saúde mental, un dereito necesario. Mañana podes ser ti. É así? Calquera pode sufrir unha doenza deste tipo? Non hai un perfil?
Non hai un perfil. A enfermidade mental, sobre todo a depresión, é unha das enfermidades máis prevalentes e a Organización Mundial da Saúde (OMS) fala de que a primeira enfermidade que causa morbilidade e anos de vida saudable perdidos. As porcentaxes son tan elevadas que calquera pode estar afectado. Ademais, a depresión é unha enfermidade multifactorial. Hai factores de tipo xenético, pero tamén hai moitos factores ambientais que poden producir este tipo de trastornos. Por iso dicimos que non hai un perfil, pódelle tocar a calquera.

Este ano, outra vez, o Día Mundial da Saúde Mental está marcado pola pandemia. Desde que comezou, os expertos levades alertando da caída en picado da saúde mental. En que situación estamos agora?
Agora mesmo estamos empezando a ver o que xa nos temiamos, que é un aumento dos trastornos do estado de ánimo (ansiedade, depresión...). Hai varios factores implicados. Por unha banda, o estrés do que foi a propia pandemia e o confinamento, pero tamén as consecuencias socieconómicas desa pandemia, é dicir, a perda de ingresos económicos e seguridade laboral para moitas persoas incrementa, agrava ou produce ás veces este tipo de problemas. Por outra banda, precisamente en Galicia e tamén no conxunto do Estado viñamos dunha atención á saúde mental precarizada e agora non nos vai permitir asumir este incremento dos casos.

A situación no tocante á saúde mental foi a peor, pero xa non estaba ben antes da pandemia. Por que cada vez hai máis afectados? Ou é unha problemática que xa vén de lonxe pero antes non se falaba dela?
Un pouco de todo. Agora fálase un pouco máis. Viñamos dunha situación altamente estigmatizante. As persoas que padecían este tipo de problemas non lles resultaba doado comunicalo para buscar axuda. Había unha visión negativa da persoa con problemas de saúde mental que non existía con outras enfermidades e a rede de asistencia á saúde mental nunca se chegou a dotar de forma óptima. Partiamos dun sistema sobrecargado, dun difícil acceso á saúde mental, dun moi difícil acceso a psicoloxía clínica. Agora practicamente coas listas de espera que manexamos quen vai poder recibir unha atención psicolóxica de calidade é quen poida pagala. Isto é un factor moi importante de desigualdade que debemos evitar. Por outra banda, hai factores que favorecen o empeoramento da saúde mental. O factor socieconómico sobre todo, a incerteza no laboral, as dificultades para que a xente nova se incorpore ao mercado laboral, as dificultades para acceder á vivenda e independizarse... todos eses son factores que empeoran a saúde mental da poboación.

"Agora, coas listas de espera que temos, só vai recibir atención de calidade quen poida pagala"

Entón pódese dicir que as novas xeracións teñen peor saúde mental que as anteriores?
Como mínimo, teñen máis risco porque, desde logo, as condicións de vida empeoraron.

Outro sector da poboación que se está a ver moi afectado é o dos adolescentes. De feito, Unicef vén de alertar de que un de cada sete rapaces de dez a 19 anos en todo o mundo ten un problema de saúde mental diagnosticado. Que está a pasar?
Eu creo que a xeración que agora é adolescente foi a grande esquecida. Durante a pandemia foron os que máis tempo estiveron confinados nunhas idades ademais de desenvolvemento psicosocial e sexual moi importante e non se lles prestou ningunha atención. Eu diría que mesmo houbo intentos de criminalizar a ese colectivo. Por outra banda, é unha xeración que xa está vendo as consecuencias económicas e laborais da xeración previa. Entón medra con moi malas perspectivas de futuro e cunhas ideas negativas que aínda por riba son probablemente realistas. Ademais, a rede de saúde mental infantoxuvenil está aínda menos desenvolvida que a de adultos.

Como se poden previr as enfermidades relacionadas coa saúde mental?
Os factores de prevención en realidade non son factores médicos. Os principais factores de prevención é mellorar a calidade de vida das persoas. Despois, a nivel de prevención, é importante falar da enfermidade mental: falar do suicidio, da ansiedade... Permitir que persoas que estean padecendo este tipo de problemas se sintan acollidos á hora de pedir axuda, que na súa contorna saiban de que está falando e que sexa algo coñecido e normalizado. É importantísimo que se destinen recursos. En primeiro lugar, sociais, que melloren a calidade de vida das persoas, e, en segundo lugar, sanitarios.

"Relacionar a enfermidade mental con ser feble fai moito dano aos...
Comentarios