jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

"Tomo como misión divina explicar o que pasei durante o coma"

Antón Reixa
Antón Reixa
O escritor, director de cine e músico responde ás preguntas dos lectores e relata como cambiou a súa vida tras o tráxico accidente que sufriu en outubro

Antón Reixa (Vigo, 1957) responde ás preguntas que lle fixeron chegar os lectores de El Progreso, Diario de Pontevedra e Galiciaé. O escritor, director de cine e músico relata como cambiou a súa vida tras o tráxico accidente que sufriu en outubro e adianta en que proxectos está traballando na actualidade. 


LIDIA: Din que cunha experiencia como a súa (o coma) un pasa a ver e valorar as cousas doutro xeito... E que se dá conta de que en xeral grande parte do noso tempo desperdiciámolo... ¿A vostede tamén lle ocorre? ¿Hai algo do que se arrepinta, no persoal ou no laboral?

A experiencia do accidente fíxome ser consciente de que debo dedicar máis tempo ao traballo puramente creativo, retomar a actividade docente, ser máis selectivo cos proxectos que vou facer e, sobre todo, levoume a facer unha reflexión. No momento no que me ocorreu o accidente viaxaba a Madrid, despois de ter participado nunha rodaxe en Galicia, a semana anterior estivera en Francia, a seguinte semana tiña uns días de traballo en Barcelona, despois voltar a Galicia, e logo tiña previsto un proxecto en Londres.... obviamente, con todo isto cumpría os requisitos para que algo non funcionara. A valoración despois do accidente é que o estrés non é o mellor escenario para a vida profesional, nin para a persoal e creativa.

A propia experiencia do coma inducido non derivou en pensamentos sobrenaturais. Nada diso, ao revés. Aínda me reafirmo máis na miña condición de ateísmo. É un bo material para ser analizado literariamente. 

FAN: Tras ver tan de cerca la muerte habrá tenido tiempo de hacer examen de conciencia... ¿Ha aprovechado ahora para ponerse al día y decirle a sus allegados todas esas cosas que podrían habérsele quedado en el tintero? ¿Es ahora distinta su relación con sus seres queridos?
Si, efectivamente esta situación reforzou as relacións familiares e persoais. O entorno feminino foi especialmente sensible ao shock que supuxo o accidente. Logo tiven unha experiencia coa que non contaba en relación ao persoal que me atendeu, tanto no hospital Modelo da Coruña como na residencia xeriátrica na que residín durante tres semanas. Os que somos beneficiarios do traballo desas persoas debemos ser moi agradecidos porque normalmente nestas situacións nas que somos dependentes, no meu caso de forma temporal, un vólvese moi demandante e hai que ser equilibrado e xusto.

"A valoración despois do accidente é que o estrés non é o mellor escenario para a vida profesional, nin para a persoal e creativa"

RICK: Como foi a experiencia coa sanidade pública? Mellor en Castela ou en Galicia?

Fun moi ben atendido pola sanidade pública tanto en Valladolid como en Galicia. A cirurxía correu a cargo do meu seguro privado, pero o persoal, tanto público como privado, foi especialmente atento.


HELENA: Que foi o máis bonito e orixinal que lle dixeron estes días de quietude obrigada?
O máis orixinal foi a tolerancia do persoal que me atendeu na Uci cando estiven tres semanas en coma. Eu gardaba un recordo moi bo da miña estancia alí pero cando volvín recentemente a unha segunda intervención explicáronme que cando espertei do coma estaba nun estado delirante, un pouco excéntrico. Non era demasiado consciente diso.

Moita xente preguntoume sobre as alucinacións propias do estado de coma e eu sempre digo que non hai túnel. Non vin túnel ningún. Tamén agradezo que algunhas persoas me insistiran en que trate de escribir o que foi a experiencia do delirio e as alucinacións durante o coma e estoume tomando coma unha misión divina explicar todo o que me pasou pola mente.


REGINA: Como pasas o día a día? Que e o peor e o mellor? Como afronta un home hiperactivo coma ti a inmobilidade?
A experiencia de estar sete meses sen actividade é absolutamente insólita na miña vida. A dor foi especialmente intensa.

Logo pasoume algo moi curioso. Eu nunca fun unha persoa moi consciente do clima. Ti podías preguntarme ás seis da tarde se chovera ese día e non sabería contestar. Sen embargo agora, a experiencia de estar contemplando a natureza todo o día desde o salón faime moi consciente do tempo. Durante esas semanas dinme conta de que un mal clima colabora a ter un estado depresivo. 


Aprendín a xestionar o tempo libre e fun adecuando o meu estado de inactividade a realizar dunha forma cada vez máis apaixonada as lecturas e ver dvd's de cine e series.

"Moita xente preguntoume polas alucinacións propias do estado de coma e eu sempre digo que non hai túnel"


PRIETO: Si le pusieron una multa antes de tener el accidente, ¿por qué no redujo la velocidad? ¿Es usted un fitipaldi al volante?
O feito de que me multaran horas antes do accidente indica que eu ese día estaba nun estado no que non debería ter conducido. É moi raro que eu me saltara un radar físico porque conduzo sempre cun GPS que indica a súa presenza e nin me din conta do aviso acústico. Ademais, eu teño o hábito moi desenvolvido de parar en canto me dá o sono e nese momento era consciente de que me estaba dando. De feito, estaba buscando un lugar onde parar e botar unha cabezada. Pero xa non me deu tempo. Caéronme os párpados e enseguida os abrín, pero xa estaba co coche descontrolado.

Non, non son un fitipaldi. Hai que facer caso de todos eses consellos que nos dan sobre seguridade viaria e non ter tanta confianza nun mesmo. Ao volante calquera fallo pode ser tráxico.

ARGIN3: Cando se decatou da gravidade do accidente? Chegou a ter medo pola súa vida ou non lle deu nin tempo?
Decateime da gravidade do accidente cando me recuperei do coma inducido. Aí foi cando me din conta de que realmente salvara a vida. Estou moi agradecido á miña compañeira e á miña familia, que durante os 18 días de coma inducido tiveron que convivir cunha noticia cada día peor.

Vinte días despois do accidente tiven que empezar a procesar que efectivamente estivera en perigo de morte.


OUTRO RESENTIDO MÁIS: Despois da reunión, imos ter un novo disco dos Resentidos? Van estar Torrado e Devesa? Forza Reixa!
Non, xa quixera eu! Na xira de 2012 nin Devesa nin Alberto Torrado quixeron estar. Logo, en marzo de 2016 gravamos un novo disco en directo no que estabamos Ruben Losada, Xabier Soto e eu. Nesta experiencia en directo coa big band da Banda Municipal de Ribadavia tampouco estivo Devesa. Alberto si aportou un par de cancións ás que eu puxen letra pero el non tocou. As relacións son boas pero eles tomaron a decisión e eu teño que respectala.

Non haberá novo disco pero si pode que algunhas actuacións co material do traballo que gravamos en 2016. De momento teño que recuperarme. Ata despois de setembro non podo ver ese tema.

"Agora faise mellor música da que se facía na nosa época. Máis orixinal, con máis habilidades técnicas, hai creatividade... "

STRAIGHT OUTTA COMPOS: Como ve o pulso do rock galego na actualidade? Cre que faltan grupos ou hai dabondo? E orixinalidade? Quizais se bote de menos ese espírito contestatario que había nos oitenta... Ve factible outra movida (sexa viguesa ou de calquera outro punto de Galicia)?

Teño reiterado moitísimas veces que agora faise mellor música da que se facía na nosa época. Máis orixinal, con máis habilidades técnicas, hai creatividade... Vai por diante o talento dos creadores. Á miña xeración foinos ben pero non fomos capaces de crear os cimentos dunha industria cultural máis viva en Galicia.

O que si que boto de menos da miña época non é tanto a movida, senón un ambiente xeral –que non ten tanto que ver coa vida cultural– de maior tolerancia, de maior esperanza, de maior ilusión e de maior contestación social. Pero eu creo que é máis unha actitude colectiva.


Como músico síntome moi reconfortado. Na nosa época eramos o único grupo na escena profesional facendo música en galego e agora, de forma profesional ou non, hai moitísimos grupos en galego con propostas sonoras moi atractivas. Pasa igual que no mundo da poesía. En Galicia hai unha creación poética máis diversa. Agora hai poetas que acoden a outros medios artísticos como o vídeo e a performance para expoñer en público a súa obra.

Nese sentido sempre me alegro de non pensar que calquera tempo pasado foi mellor ou que o que nós faciamos era mellor que o de agora. Hai mellor poesía e mellor música que está aínda por ser coñecida e difundida.

"Tería gracia un Mareas Vivas con eses personaxes vinte anos despois"


BRAIS: Coa perspectiva que dan os anos, como ve os libros de Rompente hoxe?
Na época na que nós publicabamos ibamos un pouco a contracorrente. Na escena galega predominaba máis un estilo moi lírico. Creo que os libros de Rompente aguantaron ben o paso do tempo e as propostas seguen tendo vixencia.

EUGENIO: Ánimo antes de nada, señor Reixa. Nesta época de xuntanzas e revivals –Expediente X regresa por terceira vez, Twin Peaks, xa está na tele– ¿Por que non facer unha xuntanza ou un capítulo especial de Mareas Vivas? Deixo a proposta. Penso que foi unha ficción que foi un referente en Galicia. E xa nin falamos da proxección do seu reparto. ¿Ten contacto cos actores?
A experiencia de Mareas Vivas é dos mellores recordos da miña vida profesional e artística. Síntome como un irmán de Luis Tosar e tanto el coma Isabel Blanco preocupáronse moito por min tras o accidente.

A ficción evolucionou moito neste tempo e habería que renovar moitas cousas pero non estaría mal un regreso de Mareas Vivas. É a primeira vez que penso nisto pero non son decisións que se poidan tomar dunha forma individual. Dependería neste caso de que a Televisión de Galicia quixera facelo, pero tería gracia un Mareas Vivas con eses personaxes vinte anos despois.


ROSA MARÍA: Nesta época de tolemia polas series ¿Cales segue vostede?
Disfrutei moitísimo no último ano e medio de Breaking Bad. Agora estou devorando Leftovers e Masters of Sex e estou ansioso pola chegada da terceira temporada de Fargo.


MJ: ¿En qué proyectos se encuentra ahora inmerso?
Agora o proxecto é fundamentalmente recuperarme e poder volver camiñar. Logo estou traballando moi intensamente en escribir o que foi a experiencia do coma inducido, que espero que derive nun texto literario que poida ter algún interese para os lectores. Tamén estou preparando unha peza cinematográfica sobre Joseba Sarrionandia, que é un poeta especialmente interesante da literatura vasca.

"Tomo como misión divina explicar o que pasei durante o coma"
Comentarios