O poeta e tradutor ourensán Raúl Gómez Pato, afincado na localidade coruñesa de Brión, é o gañador do I Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía, tras acadar o apoio unánime do xurado coa obra Máscaras de espellos, presentada baixo o lema Sólido níquel.
O faio deste galardón, dotado con 2.000 euros e a publicación do poemario a cargo da editorial Espiral Maior, fixose público onte en Guitiriz, nun acto que contou coa presencia dos tres integrantes do xurado, Miguel Anxo Fernán Vello, Armando Requeixo e Ánxela Gracián; a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín; e outros representantes municipais e veciños que quixeron estar presentes na apertura da plica, que se fixo coincidir co 102 aniversario do nacemento do poeta dos Vilares.
Os membros do xurado destacaron na acta, á que se lle deu lectura pública, "unha escrita de grande altura estética, que amosa un excelente dominio da fórmula versal e un emprego dunha imaxinería neosurreal que abisma a interioridade de universos líricos de fascinio, atento tanto ás escenas do mínimo cotiá como aos grandes sucesos do devir colectivo".
A alta participación do certame, que alcanzou os 60 orixinais, e a "excelente calidade dun número importante destes traballos" son outros dos aspectos salientados polo xurado, que quixo ademais evindenciar "o estado de magnífica saúde da nosa poesía".
"Este nivel de participación e con tanta calidade sobran os dedos dunha man para atopalo", incidiu Requeixo, ao tempo que Fernán Vello lembrou a "persoa humilde e sabia" que era Díaz Castro, un dos referentes da poesía galega contemporánea pola súa capacidade lingüística, "unha gran figura da poesía galega, á que se lle vai render "unha homenaxe permanente" coa convocatoria e o éxito deste premio.
Polín amosou a súa felicidade polo "elevadísimo" número de participantes e por poder contar cun "xurado de luxo", que se enfrontou a unha "tarefa ardua" nunha convocatoria que espera que "dure no tempo" -a segunda edición convocarase previsiblemente o 2 de outubro, coincidindo coa data do pasamento de Díaz Castro-e para o que se organizará un acto de entrega.
Raúl Gómez Pato gaña o Premio Xosé María Díaz Castro de poesía
Cristina Pérez
20 febrero 2016 00:00 h.
O poemario Máscaras de espello logrou o voto unánime do xurado no certame guitiricense