miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

A RAG presenta 'o ano Carlos Casares' en Nigrán

Carlos Casares
Carlos Casares
Arranca a axenda de actos adicados ao escritor que este ano protagoniza o Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega (RAG) inaugurou este martes en Nigrán o ano Carlos Casares, escritor que protagoniza o Día das Letras Galegas 2017 e que durante este ano será homenaxeado con exposicións, coloquios, rutas literarias, documentais e outras actividades. O acto grande terá lugar o próximo día 17 de maio en Xinzo de Limia (Ourense).

Así as cousas, este martes o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, participou na presentación do proxecto Primavera das Letras no CEIP Carlos Casares de Vilariño, onde destacou que os eventos con motivo desta efeméride "non podían empezar de mellor maneira" que no colexio onde o autor e os seus dous fillos cursaron primaria.

Ademais, lembrou que durante este ano se celebrarán tamén simposios en Ourense, no Consello da Cultura Galega en Santiago, e na sede da Academia na Coruña. Alonso Montero subliñou que, aínda que naceu en Ourense e faleceu en Nigrán, Casares "estivo moi vinculado a Xinzo", polo que se decidiu facer nesta localidade o acto polo 17 de maio.

En relación a iso, comentou que, de momento, están en conversacións co alcalde para avaliar os auditorios e centros culturais do municipio, co fin de determinar "cal reúne as condicións máis adecuadas" para o acto. En todo caso, avanzou que "é probable que haxa que pór algunha pantalla no exterior, porque vai haber afluencia multitudinaria".

'PRIMAVERA DAS LETRAS'. No acto deste martes, no que houbo unha lectura de O Principiño en francés e galego e no que outros alumnos leron unha parte de A galiña azul, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, presentou o proxecto Primavera das Letras: Carlos Casares.

En concreto, trátase dunha web que naceu o pasado exercicio con motivo do ano de Manuel María, e que este ano continúa con contidos sobre Carlos Casares –a súa figura e a súa obra– adaptados para estudantes de infantil e primaria: Desde debuxos para colorear ata actividades interactivas.

A RAG presenta 'o ano Carlos Casares' en Nigrán
Comentarios