A Radio Galega arrinca o luns nova temporada co foco posto nos mozos

A CRTVG estrea o domingo ás 21,45 horas un novo programa deportivo na plataforma Twitch
Logo da Radio Galega.CRTVG
photo_camera Logo da Radio Galega.CRTVG

A Radio Galega arrincará o luns a temporada 2021-2022 con modificacións na súa programación e co foco posto na audiencia e nos públicos máis novos, algo que será "fundamental para facer unha radio entre todos e para todos", segundo subliña a entidade nun comunicado.

Así, a xornalista Silvia Pereira será a nova voz do magazine Galicia por Diante e moderadora dos debates de asuntos de actualidade de Galicia no tramo informativo –de 6.00 a 9.30 horas–. Seguidamente, Kiko Novoa colleralle a substitución das mañás e continuará con este espazo, xunto a Cristina García e ao resto do equipo, até as 14.00 horas. 

A Bóla Extra, pola súa banda, aumentará a unha hora de duración a emisión simultánea na TVG e na Radio Galega. Mentres tanto, a edición das 14.00 horas de A Crónica estará presentada por Alejandro Gesto. Posteriormente, a partir das 16.00 horas, Antón Rebollido e o seu equipo continuarán á fronte de A Tarde.

Pola noite, A Crónica seguirá con Xosé Luís López Vila entre as 20.00 e as 23.00 horas e incluirá os espazos Salga 5, Lambóns de Viaxe, Efervesciencia e Lambóns Dixitais, de luns a xoves ás 21,00 horas.

Tamén terá novidades na nova temporada o programa Pensando en Ti, de Marcial Mouzo, xa que arrincará a medianoite e ampliará unha hora a súa duración. O primeiro tramo incorpora o formato Convivir, un espazo de análise de temas sociais, e a partir da 1.00 chegará a participación da audiencia. Ademais, o humorista Isi manterá a súa colaboración na madrugada do xoves. Na madrugada da fin de semana, Xosé Manuel Piñeiro presentará Bamboleo, xusto antes de Pensando en Ti, de Viti González
En canto ao sábado e os domingos, Victoria Rodríguez volverá dirixir o 'Galicia por Diante Fin de semana', desde as 9,00 horas. Nas mañás da fin de semana, o sector primario será o protagonista na Radio Galega cos formatos Mar de Ardora e Ferrado e Medio, de Xusto López Carril

Así mesmo, no apartado cultural, a radio pública pretende chegar a "todos os recunchos de Galicia e con especial atención ás novas tendencias e aos novos creadores" con Diario Cultural Zeta, que pasará a ter dúas edicións: sábados e domingos ás 14,30 horas.

DEPORTES E UN PROGRAMA EN TWITCH. Nos deportes, continuarán os espazos Zona Mixta e Ao Contraataque de Carlos Alonso e Pedro Pablo Alonso. A narración dos partidos desde decenas de campos e pavillóns de Galicia seguirán a fin de semana co mítico Galicia en Goles, con Xoán Galán

Tamén no ámbito deportivo, a CRTVG estrea ás 21,45 horas do domingo 5 de setembro un novo programa na plataforma Twitch. Chamarase En Xogo na Rede, que se emitirá de maneira paralela ao En Xogo da G2. 

Este espazo estará presentado por Fran Cañotas e contará cun entrevistado diferente cada semana. No primeiro capítulo, será a futbolista Verónica Boquete

O programa tamén comentará en directo o En Xogo e contará con conexións co estudo de televisión para compartir cos espectadores os temas abordados na rede. 

Comentarios