Quiroga: "Hai que tecer boas arañeiras para prender as moscas que son os mozos"

O escritor do Saviñao recolleu este martes o premio San Clemente, que conceden os alumnos de secundaria de toda Europa, por 'Izan o da saca'. Sara Mesa gañou en castelán grazas a 'Cicatriz', mentres que Pierre Lemaitre se impuxo en lingua estranxeira con 'Irène'
Xabier Quiroga, Juan Carlos Escotet, Pierre Lemaitre, Sara Mesa e Ubaldo Rueda (de esquerda a dereita)
photo_camera Xabier Quiroga, Juan Carlos Escotet, Pierre Lemaitre, Sara Mesa e Ubaldo Rueda (de esquerda a dereita)

O auditorio Abanca de Santiago acolleu este martes a cerimonia de entrega da vixésima segunda edición do premio San Clemente de literatura que nas súas diversas categorías premiaron o escritor francés Pierre Lemaitre, a madrileña Sara Mesa e o escritor do Saviñao Xabier Quiroga.

A vencedora na categoría de lingua española, Sara Mesa, destacou a "autenticidad" do San Clemente e o "orgullo" que lle supón alzarse gañadora tras a publicación da súa obra Cicatriz (Anagrama).

Pola súa banda, o lugués Xabier Quiroga, premiado por Izan o da saca (Xerais), mostrouse "sorprendido" pola acollida prestada polo público ao seu traballo e "encantado" polo trato que os alumnos lle deron ao escollelo entre os demais competidores.

Finalmente, o francés Pierre Lemaitre, autor de Irène (Alfaguara), díxose satisfeito por poder engrosar as filas dun palmarés "moi prestixioso" como o que presenta o premio San Clemente.

Este premio é un dos certames literarios máis importantes de Galicia e conta coa particularidade de que o seu xurado está integrado unicamente por estudantes de distintos centros educativos de secundaria de toda Europa, incluíndo lugares tan dispares como Galicia, Francia, Portugal, Reino Unido ou Rusia.

Tradicionalmente, prémiase a tres escritores -un estranxeiro, un en lingua española e outro en galego- e no seu palmarés están Haruki Murakami ou Eduardo Mendoza.

Os tres autores departiron brevemente cos presentes e reflexionaron ante as preguntas dos xornalistas, quen lles pedían recomendacións para conquistar o público novo e consellos para todos aqueles que queiran emprender unha carreira como escritores.

Aínda que houbo disparidade de opinións neste apartado, os tres galardoados defenderon desde as súas posturas a importancia da independencia e da personalidade á hora de crear a súa propia literatura e, especialmente, de non prestarlles demasiada atención aos consellos do resto da xente.

"O primeiro é tentar facer bos libros", ironizou Lemaitre, que a continuación considerou que, a pesar da evolución da sociedade, a literatura aínda está "moi viva" e como proba mencionou a multitude de novelas adaptadas como series de televisión ou como películas.

Mesa reiterou este chamamento do literato francés e incidiu en que os mozos non son un colectivo máis difícil que o resto, senón que mesmo máis fácil, xa que "son muy permeables" e teñen maior disposición a descubrir cousas novas que o resto.

Quiroga, pola súa banda, manifestou que "unha historia ben contada seduce a calquera" e que a clave reside en tecer "boas arañeiras para enredar esas moscas" que son os mozos.

O director do Ies Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, pechou a rolda de prensa cunha pregunta a modo de coloquio na que interrogou os premiados pola etiqueta de "literatura xuvenil", que el tachou de inexistente e limitou as opcións a "boa ou mala literatura".

Juan Carlos Escotet, o vicepresidente da entidade que patrocina este premio literario, Abanca, declarou que a aposta da súa compañía por este tipo de certames débese á súa intención de "converter os mozos en protagonistas" da sociedade, xa que son -expresou- quen teñen as rendas do futuro e quen garanten "o avance da sociedade".

Comentarios