'Queremos Galego' critica a Feijóo por rechazar entrevistarse con el colectivo

A plataforma 'Queremos Galego' tachou de "prepotente" a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao rexeitar reunirse co colectivo e "desprezar, deste xeito, a masiva mobilización do 18 de outubro e a un grupo formado por máis de 600 entidades e 3000 persoas a título individual".

O voceiro de 'Queremos Galego', Fran Rei, indicou que a Xunta os remitiu ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o que, a xuizo da plataforma, é "insuficiente". "A nosa trátase dunha cuestión máis política que técnica, unha reivindicación transversal, e, polo tanto, debemos falar co máximo responsable de políticas lingüísticas, o presidente da Xunta", sinala Rei.

De cara á galería
A posibilidade de que a Xunta e 'Queremos Galego' mantiveran unha reunión xurdiu trala mobilización do pasado 18 de outubro convocada pola plataforma cidadá para reinvidicar o uso do galego. Entón, o secretario xeral de Política Lingüística invitou ao colectivo a dialogar a través dun comunicado nos medios de comunicación, cuxa constatación oficial non chegou á plataforma ata dous días despois, según asegura Fran Rei.

"Foi un xesto de cara á galería para facer ver que existe un diálogo que en realidade non queren manter", denunciou o voceiro de 'Queremos Galego', quen tamén engadiu que a situación semellaba "un diálogo de xordos". Logo, continúa, o colectivo cidadán pediulle á Xunta a través dunha carta unha entrevista co presidente. "A única resposta que obtivemos foi este non de Feijóo", remata.

Rei tamén criticou duramente ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ao que acusou de "mentir" cando aseguraba que a plataforma non respostara a súa invitación. "Nós dirixímonos a Núñez Feijóo, se non se decatou é porque debe haber un problema de comunicación interna dentro da Xunta", argumenta o voceiro.

Medidas

No caso de que o Goberno non escoite as reivindicacións de 'Queremos Galego', a plataforma anuncia que convocará un paro xeral en todo o sistema educativo. "Farémolo tan pronto se coñeza o novo texto do Goberno que sustituirá ao derrogado decreto do galego na educación", matiza Rei.

A curto prazo, o colectivo cidadán prepara unha campaña que consistirá no envío de postais de Nadal ao presidente da Xunta para pedirlle que cambie a súa política lingüística de cara ao 2010.

Comentarios