lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

¿Quién bautiza a las orquestas?

Aínda que o Panorama mundial se tranquilizou bastante pola zona de Jerusalén, onde Israel parece estar tranquilo esta tempada despois de toda a tensión que se xerou no Fin de Siglo, agora toda a Alarma se concentra en Atenas, con iso da crise e do rescate. Pero en Galicia dános todo igual. É verán e a xente só pensa na Samba, a Foliada, o Tango, a Armonía, o Bolero, a festa, e, como non... ¡as orquestras!

Pontevedra é, para moitos, o Edén, o Paraíso das mellores orquestras do país, co permiso de Compostela, está claro; e de Lugo, porque na cidade dos Emperadores romanos tamén se pode pasar unha Noche de Gala e de Fantasía cos mellores Acordes. Ademais, a Variedades foi durante moito tempo a agrupación máis antiga de Galicia, todo o contrario que os seus veciños de Viveiro, que se fan chamar a Nueva Generación. E teñen Madeira de artistas.

Pero isto non son máis que rivalidades absurdas, xa que en calquera Noite de Estrelas –ou de Satélites– os Montes galaicos recollen o eco dunha actuación Galáctica deses músicos Estelares da terra que nos deleitan coa súa Sintonía. ¡Alto Standing!

E ao que lle toque a verbena á beira da súa casa –que por estatística é bastante máis fácil que atopar un Trébol de catro follas– e non poida durmir ata as mil da madrugada, o máis recomendable é que aproveite o verán para facer unha viaxe antiestrés e escape do ruído visitando a selva de Panamá, a romántica Venecia, a sacra Galilea, os xardíns de Versalles, a exótica Manila, a colonial Casablanca, o suxerente Mar del Plata, o histórico Yucatán ou buscar famosos nas discotecas de Ibiza ou de Marbella.

Ata pode vivir unha aventura incomparable nun tour por América, pero que non se limite á Costa Oeste, senón que o leve a visitar o estado de California –facendo unha Gran Parada para escoitar Mariachi bebendo Tekila–, e aproveitar despois para ver Metrópolis como Philadelphia, Chicago, Los Ángeles, Alaska, Florida, Detroit e Nebraska; iso si... viaxando nun flamante Cadillac ou nun estartelado Talbot Solara, sempre e cando o Tráfico o permita e non haxa moita Caravana. E se a hai, pois a pasala a golpe de Claxxon. ¡É o que hai!

Os máis relaxados ou os que se mareen con tanta viaxe, sempre poden quedar na casa, visitando a Ría de Vigo coa súa praia de Samil, un bo lugar para beber un mojito de Sabor Latino con Limón e Verde Menta ou incluso Canela –sen abusar, que despois cae un para Los Lados porque algo de ron leva–. E se fai calor de máis... ¡nada que non solucione un bo Abanico! Pero lembren que para estar tirado na praia, nada mellor que as toallas lusas compradas na Fortaleza.

Tampouco se esquezan do turismo cultural. Gozar da grandeza do Cinema nas grandes pantallas televisivas que se fabrican agora é un luxo. Porque non hai verán no que non repoñan Titanic –que por certo está de centenario o naufraxio– e Verano Azul, aínda que a maioría prefire ver como Liza Minelli lle saca os Colores a Michael York en Cabaret.

Á Xente Nova recoméndolle unha película do ano 2006, Casanova, por iso de aprender técnicas para ligar, que é o Principal no verán, aínda que ultimamente parece que fai falta un Máster para as conquistas.

Fagan o que fagan, inmortalíceno todo coa súa cámara de fotos Olympus e aproveiten o verán para esquecer a prima de risco, o IBEX e os rescates. A Clave é que Añoranza de tempos mellores non nos impida pasalo ben.

Porque ao final, diga o que diga a alemá Angela Merkel, todos nós somos Europa,
desde Venecia ata Bohemia. ¡Se ata din que hai un París en Noia! 

¿Quién bautiza a las orquestas?
Comentarios