¿Qué hacer si nos 'cuelan' un billete falso?

O caso de Toni, o futbolista do Santa Comba que pasou unha noite no calabozo porque tiña varios billetes falsos de 50 euros, algo que descubriu ao ir pagar nun supermercado, puxo en alerta moitos consumidores galegos, gran parte deles inconscientes de que, sen comelo nin bebelo, como se diría, podían acabar na cadea por un delito ao que, en teoría, eran totalmente alleos.

Agora, as policías locais de varios municipios da zona de Carballo (A Coruña) alertaron días atrás da circulación de billetes falsos de 10 euros que, pola súa escasa contía, evitan os controis dos comerciantes. E iso foi só uns días antes de que un mozo de Ordes fora detido en Santiago por pagar en pubs con billetes falsificados de 50 euros.

Ante esta aparente proliferación de casos de circulación de billetes falsos na comunidade galega, quizais motivada pola crise, os consumidores extreman a precaución á hora de pagar e, sobre todo, á hora de cobrar ou recibir cartos, co fin de evitar unha situación que, por sorte, moitas veces só queda nun mal trago e unha visita á comisaría. Pero realmente, coa lei na man, a indefensión dos que sofren esta estafa é total, xa que resulta case imposible demostrar que a un lle deron gato por lebre, e moito máis complicado aínda é poder recuperar o diñeiro estafado.

Identificar os auténticos

Todos teñen o nome da moeda (EURO e EYPW), as iniciais do Banco Central en cinco linguas (BCE, ECB, EZB, EKT e EKP), o símbolo ©, a firma de Willem F. Duisenberg, presidente do BCE, e a bandeira da UE. Oculta está a marca de auga coa cantidade do billete, que só se ve a trasluz, igual que o fío de seguridade (unha banda negra que o cruza e que pon EURO). O tacto do papel é difícil de imitar (áspero e resistente). Nos de menos de 50 a banda halográfica cambia de imaxe ao movelos; nos maiores, ao movelos, a cantidade cambia de morado a verde oliva.

ENTREVISTA
Miguel López Crespo: “É moi difícil demostrar que nos ‘coaron’ o billete e peor aínda recuperar eses cartos”


Miguel López Crespo, secretario da unión de consumidores de Galicia, recoñece que se nos coan un billete falso temos “un problema” de solución difícil... por non dicir imposible.

P. ¿Que podemos facer como consumidores se ao ir pagar nos din que o noso billete é falso?
R. Pois realmente temos un problema, aínda que é unha cuestión máis ben policial, e non de consumo. O certo é que nós somos os que realizamos o pago con moeda falsificada e os que temos o problema serio, agás que poidamos determinar cal é a orixe dese billete. Non para derivar a responsabilidade a outro, senón para eliminar a nosa. Pero insisto en que o temos bastante complicado en certos aspectos.

P. ¿Podemos ir ao cárcere?
R. O certo é que non adoitan darse consecuencias serias de tipo penal, xa que se trata, moitas veces, de cantidades moi pequenas. Un billete de 20 ou de 50 euros, e sempre se pode demostrar a nosa boa fe. Pero realmente cometemos unha infracción aínda que non o saibamos.

P. Peor o mal trago de ir á comisaría non nolo saca ninguén...
R. Non, porque realmente temos que dar unha explicación. E aínda que o billete falso sexa foito dunha entrega que nos deron nun banco, por exemplo, é moi difícil para nós demostralo con certeza.

P. Pero os bancos teñen moitos mecanismos de control... ¿poden saír billetes falsos deles?
R. É complicado, pero ningún sistema é perfecto ao 100%. Sobre todo porque a calidade das falsificacións é cada vez maior, e pode ser que o sistema de control non estea aínda adaptado. Pero nos bancos é difícil. Nós, na UCG, non tivemos ningún problema dirixido a ningunha sucursal en todos estes anos.

P. ¿E que posiblidades temos de recuperar os cartos?
R. Non se poden recuperar, salvo que poidamos demostrar que nolas deron nunha entidade financeira concreta, dun xeito concreto, baixo xuramento, etc...

P. E se somos nós os que sospeitamos de que nos dan un billete falso... ¿que debemos facer?
R. Polo en coñecemento da Policía.

P. ¿Detectan un aumento de casos na asociación coa crise?
R. Non. E non porque non circulen, senón porque a cidadanía cada vez está máis informada e sabe cales son as súas responsabilidades.

Comentarios