Que foi dos mellores?

Accederon á universidade con notas excelentes e seguen colleitando éxitos académicos e laborais. Son brillantes e con eles o futuro está en boas mans.

picasion.com_1c9c98e76d3ad34e72749d1698826da9
photo_camera Adrián, Patricia, César, Antón e Mara accederon á universidade con notas excelentes.

Os estudantes que acaban de rematar o bacharelato encaran un momento crucial da súa vida educativa. O día 8 comeza a Abau (Avaliación de Bacharelato e Acceso á Universidade), da que dependerá en gran medida o seu futuro. Estas probas poden condicionar o acceso a unha carreira universitaria, pero tamén poden ser un trampolín para dar o salto cara a profesión desexada. 

Que foi daqueles rapaces que no seu día conseguiron as mellores cualificacións? Pois seguen colleitando éxitos académicos e laborais, contribuíndo a crear a canteira de lucenses que terá o futuro nas súas mans. 

Dúas médicas, un matemático, un enxeñeiro aeronáutico, un xornalista... foron dos mellores estudantes das súas promocións e seguen destacando, cada un no seu ámbito e cun feixe de proxectos para as súas vidas. 

Adrián Gallego CeideADRIÁN GALLEGO. O primeiro protagonista, por orde cronolóxica, é o lucense Adrián Gallego. No ano 2012 rematou o bacharelato, presentouse ás probas de acceso á universidade e conseguiu unha nota de 13,31 sobre 14. 

Esta cualificación abriulle as portas para escoller carreira e onde cursala. Estudou Enxeñería Aeronáutica na Universidad Europea de Madrid. Afirma que se decantou por un centro privado "por ser en inglés" e explica que "pude permitírmelo precisamente por tener buena nota. Había un programa para alumnos excelentes y me daban el 50% de los gastos". 

Pero nada é de balde neste mundo e Adrián Gallego tivo que traballar duro para conservar a bolsa. "Había que renovar cada curso, por lo que tuve que mantener las notas durante los cuatro años de carrera, además de asistir a conferencias, cursos y estudiar un idioma adicional". 

Adrián Gallego traballa en proxectos de I+D relacionados con vehículos aéreos non tripulados

O último ano de carreira estudou nunha universidade británica que tiña convenio coa súa. "De este modo conseguí dos títulos de la misma carrera en dos universidades diferentes". 

Rematou os estudos no 2016 e ese mesmo ano comezou a traballar para Indra, en proxectos de I+D relacionados con vehículos aéreos non tripulados. Desde entón asentouse laboralmente no aeródromo lucense de Rozas e está inmerso nun mundo laboral que lle encanta. 

"Nunca me había planteado poder trabajar en Lugo. Cuando comencé a estudiar tenía asumido que sería fuera y no me importaba, pero aquí se vive bien y estoy muy contento", apunta. 

Lembra con cariño os seus anos de bacharelato no colexio Galén e desvela algúns dos segredos dos seus bos resultados. "Hay que estudiar, pero ayuda mucho ser constante. Es importante atender en clase. Ya que hay que ir, por lo menos aprovecharlo para no perder tiempo luego. Si resuelves dudas y lo entiendes todo, tendrás que estudiar menos". 

Patricia Martínez PazPATRICIA MARTÍNEZ. Quen tamén está capacitada para dar consellos aos futuros universitarios é Patricia Martínez. Esta estudante do IES San Rosendo de Mondoñedo conseguiu no ano 2014 un 9,96 sobre 10, a mellor cualificación de Galicia. Logrou un premio extraordinario de bacharelato e carta branca para escoller carreira. 

Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha media de 9,12. Por esta elevada cualificación tivo un recoñecemento da Sociedade Española de Excelencia Académica. A continuación preparou o MIR en Oviedo, quedou no número 956 e está a piques de escoller praza para pasar os próximos catro anos formándose en Pediatría. Dubida entre algún hospital de Madrid ou os da Coruña, Vigo ou Santiago. O seu bo posicionamento daralle opción de elixir destino. 

Patricia Martínez cursou Medicina e vaise especializar en Pediatría

 

Conta que no tempo de universitaria lle foi moi ben. Puido compaxinar o estudo con prácticas, algo de docencia e mesmo pasou un ano en Chile, onde fixo o quinto curso da carreira. "Ese tempo foi incrible. Nese momento facíame falta un cambio de aires e veume moi ben marchar. En Chile teñen unha forma distinta tanto de docencia como de facer medicina. Alí os estudantes están moi cómodos no hospital porque teñen máis dominio da práctica. Aquí a formación é máis teórica", comenta. Pensa que a experiencia de Chile lle servirá agora para afrontar o traballo de especialización como MIR. 

Lembra con especial cariño a época da selectividade, "porque daquela o esforzo tiña un resultado". E atribúe o seu éxito académico "ao hábito de estudo e á mentalidade de querer saber máis, de ter curiosidade sempre". 

Agradece o apoio dos seus mestres de Mondoñedo. "Tiven moi bos docentes no instituto e boteinos de menos na carreira. Que saiban motivarte é fundamental". 

César FieirasCÉSAR FIEIRAS. Cando César Fieiras rematou o bacharelato no 2015 tiña claro que quería facer o dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Estudaba daquela no colexio Galén e esforzouse por conseguir unhas boas notas "para obter unha media alta aínda que tivese un mal día no exame de selectividade". O resultado foi excelente e conseguiu un 10 no bacharelato. A media quedou nun 12,92 sobre 14 e puido acceder aos estudos desexados. 

Concentrou en cinco os seis anos da carreira e conseguiu matrícula de honra no traballo final. Nestes momentos está rematando un máster e o ano que vén comezará o doutoramento. Pero César Fieiras non só estudou, senón que traballou en medios de comunicación, en proxectos de investigación e mesmo puxo en marcha a plataforma dixital éDeporte, pola cal gañou un premio para emprendedores. 

César Fieiras compaxina estudo e traballo e conseguiu un premio ao emprendemento

"Na carreira sempre me centrei na parte práctica e traballei desde o primeiro curso. Non valorei tanto sacar un dez en Historia da Comunicación como ser capaz de editar un vídeo ou facer unha boa entrevista", explica. 

Aínda con todas as ocupacións paralelas que foi buscando, este mozo lucense logrou un notable alto de media na carreira. Di que ten "vocación para exercer" e que lle gusta a dirección e realización audiovisual, pero tamén lle gustaría poder compaxinar este traballo coa docencia a tempo parcial. 

Proxectos non lle faltan e ansia para levalos a cabo tampouco. "No ámbito laboral fixen de todo e non pecho a porta a nada. Hai que estar preparado para o que poida vir". Unha actitude que contribúe ao éxito. 

Antón MazairaANTÓN MAZAIRA. No 2019, Antón Mazaira, estudante do IES Perdouro de Burela, logrou o mellor expediente da provincia de Lugo. Tras obter unha media de 10 no bacharelato, conseguiu un 13,87 sobre 14 nas probas da Abau. 

Quixo estudar Matemáticas na USC e dous anos despois di que foi unha boa elección. "Había xente que me dicía que aproveitara as notas para marchar lonxe, pero estou moi contento de ter quedado. O éxito non é ir fóra se eu son máis feliz aquí". 

Di que tivo sorte de que lle gustase a carreira, porque "non ten nada que ver coas matemáticas que estudas antes. Ata que non empezas non sabes o que vai ser". Academicamente vaille ben e tamén está moi contento a nivel persoal. "Non teño un expediente de dez, pero estou satisfeito. Ás veces hai que decidir entre vivir para estudar ou simplemente vivir", reflexiona. 

Antón Mazaira está encantado coa carreira de Matemáticas e toca na orquestra da USC

Antón Mazaira forma parte da orquestra da USC. Toca a viola e di que a música é para el desfrute e relaxación. Conta que cando entrou na orquestra quedou fascinado porque "era enorme e tiña un repertorio moi chulo. Despois chegou a pandemia e todos para a casa. Agora só podemos tocar en grupos de cámara, moi reducidos, pero é do pouco presencial que se pode facer nestes momentos". 

Lamenta "ter que estar pechado nos que supostamente son os mellores anos da vida", pero confía en que a situación mellore. De cara ao futuro, séntese atraído pola investigación e o ámbito empresarial, pero non pecha portas a outras vías como a docencia. 

Mara GatoMARA GATO. Da mesma promoción é Mara Gato, alumna do IES de Foz que conseguiu no 2019 un 13,67. Utilizou esta destacada cualificación para entrar na facultade de Medicina da USC e alí está rematando o segundo curso. 

A Medicina foi sempre a súa vocación. "Require dedicación, pero é gratificante. Véxome no futuro exercendo a profesión", afirma. 

Di que a súa entrada na universidade "foi un traspés. Foi chegar e tropezar coa pandemia, así que non teño nin idea do que é a vida universitaria. Nos primeiros meses os estudos monopolizaron todo o meu tempo e despois o confinamento acabou coa vida social". 

Mara Gato estuda segundo de Medicina e xa planea facer prácticas ou investigación

Confía en que a situación mellore e xa pensa na posibilidade de facer prácticas o próximo curso ou incluso en optar a unha bolsa de investigación. "Quero sentirme un pouco médico", di entre risas. 

En todo caso, está centrada na súa formación. "Agora teño que ser unha esponxa para cargarme de coñecementos" e chegar a ser unha boa profesional. Aínda é cedo para concretar o futuro, pero as ideas son moitas. "Sempre quixen ser forense, pero a medida que vou coñecendo outras materias tamén me gustan. Chámame moito o contacto co paciente". Ganas non faltan e a capacidade para traballar está demostrada.

Comentarios