Rodrigo Cota: "O Puro Cora recoñece a opinión e información escritas a pé de rúa"

Naceu en México en 1966. Viviu no país ata os 15 anos, cando chegou a Pontevedra e a Galicia. Eses son os seus dous grandes temas. Pode tratalos como política, medio ambiente ou historia, pero todo o seu traballo xira ao seu redor. O premio Puro Cora galardoa ese esforzo
Rodrigo Cota. GONZALO GARCÍA
photo_camera Rodrigo Cota. GONZALO GARCÍA

Rodrigo Cota escribe dende os 22 anos no Diario de Pontevedra. "Eu tiña un blog e chamáronme para colaborar no xornal". Continúa mantendo catro páxinas semanais, dúas das que se publican tamén en El Progreso, nas seccións de Paranormalia e Estoy Pensando.

Xa é vostede premio Puro Cora.
Estou moi contento. Máis alá do que supón recibir un premio con esta traxectoria e este prestixio, penso que o que se recoñece na miña persoa e no meu traballo é o xornalismo e a opinión de proximidade, o feito a pé de rúa. A columna ten un contexto porque a escribe un veciño teu, que che conta por que pasa isto ou por que unha persoa fai isto. Sabes que é unha persoa que ten unha idea do que fala, esteas de acordo con el ou non. O xornalismo, nun caso como Diario de Pontevedra ou El Progreso, está feito con rigor no ámbito da información e ten opinións diversas, que é o que me interesa, que poidas lerme a min e a alguén que pensa todo o contrario a min.

Os xornais serían diferentes sen artigos de opinión?
Non penso que os que opinamos logremos influír en ninguén, pero si que ofrecemos perspectivas diversas e así tamén o lector pode facerse unha composición de lugar máis ampla.

A prensa local é máis plural que a xeralista?
Se les todos os días El País, El Mundo, ABC ou La Vanguardia terás unha opinión uniformada en función de quen controla o medio. Nos medios locais tes unha información rigorosa que non vai cambiar un opinador, pero si lle vai dar un pouco de cor.

Os asesores pensan que os opinadores temos nun soto 2.000 votantes que van actuar segundo lles indiquemos

Vostedes, os columnistas, quéixanse dos asesores dos políticos máis que dos propios políticos.
Os asesores son máis papistas que o Papa. Viven nunha burbulla na que parece ser que hai que facer unha defensa a ultranza do seu xefe. Un bo asesor dille ao seu xefe que se equivocou nunha entrevista ou que esta declaración foi unha gambada. Cando acaba un pleno municipal, en calquera concello, o político sae rodeado de prensa e duns asesores que lle din: "Machacaches a Fulanito". E os asesores de Fulanito dinlle a Fulanito: "Machacaches a Menganito", e non é verdade. Os asesores pensan que o importante é que lle deamos a razón ao seu xefe.

Recibe chamadas?
Ás veces, pero non ten sentido porque ninguén vai cambiar o seu voto en función do que escriba eu. Perden o tempo. Sería mellor que se dedicasen a asesorar aos seus xefes. Os asesores pensan que os opinadores temos nun soto 2.000 votantes que van actuar segundo o que lles indiquemos. Eu non coñezo a ninguén que cambiase o seu voto por unha columna miña. Fanme grazas eses xornais subliñados con rotulador amarelo que lles pasan aos políticos. Empezou a colaborar no Diario de Pontevedra con 22 anos. E seguirei facéndoo ata que morra se me deixan porque son moi feliz pola liberdade que me deixan e polo trato que me dan. Cousas como este premio fanme sentir parte de todo isto.

A súa sección Paranormalia pode lerse en El Progreso e no Diario. O peso dos misterios nos contidos deixaron paso á Historia.
Depende que como me sinta para buscar temas. Hai moito sobre bruxería, pero son moi iguais. Ultimamente recupero anécdotas da Historia que son material inservible para os historiadores. Que un conde apuñalase a outro na Idade Media é unha nota a pé de páxina nun libro de Historia, pero a min pode darme un bo artigo.

Un debate que trascende a anécdota é o nacemento de Colón. Vostede dedicou un libro a demostrar que era pontevedrés.
Penso que Colón era galego, pero non me vai a vida niso.

Que un conde apuñale a outro é unha nota a pé de páxina para un historiador, pero a min dáme un bo artigo

En Poio si que o tomaron en serio. Dedicáronlle un museo.
A teoría da orixe galega de Colón formulouna Celso García de la Riega en 1898 e o vigués Alfonso Philippot fíxoa evolucionar. A xente pensa que ti escribes un libro sobre un tema e que adquires un compromiso. Colón en si non me interesa. Se me din que era de Valladolid non tería escrito sobre el. Antes de facer ese libro pregunteime polo que podía interesar en Pontevedra e ese tema estaba aí. É que, mire, Colón é unha figura que me provoca desagrado.

Ese desagrado procede de que vostede é mexicano?
Nese sentido podía interesarme máis Hernán Cortés. Colón era un conquistador, un escravista, un xenocida, que fixo cousas que non se deben facer. Non está ben invadir un pobo que non che fixo nada e vivía tranquilamente.

Vostede sae ao encontro de todos os asuntos polémicos. Fáleme dos touros.
Non me gustan. Non discuto se son arte ou cultura, pero eses dous termos son elásticos. A ablación do clítoris forma parte de certas culturas. Non imos defendela por iso. Tamén é arte a loita de gladiadores, pero non podemos admitila. Torturar un animal e facer unha festa non é construtivo.

Case todo o que vostede escribe ten Pontevedra como ámbito. Como sentan as súas críticas a algo tan pontevedrés como as corridas de touros?
Que quere que lle diga? Senta mal á algunha xente. Pero paréceme un debate de persoas maiores. Teño unha filla de 30 anos e un fillo de 23 que nin pensan nese debate, para eles non existe.

Empecei a tratalo como se el fose un humorista, con ese desinterese por todo

Por que se mantén tan viva a tradición taurina na cidade de Pontevedra?
Somos demasiado tradicionalistas y a veces de las JONS. Esa tradición ten que ver coa Pontevedra case tardofranquista, de xente de casino que pensa que ir aos touros é unha obriga coma comer filloas no Entroido.

Non sei se vostede inclúe o expresidente do Goberno español Mariano Rajoy como parte desa sociedade. Escribiu un libro no que o secuestran na praza de touros de Pontevedra: El inaudito secuestro de Mariano Rajoy en la plaza de toros de Pontevedra consumado por el borracho Tito Nogales que encerró al presidente en un zulo, hasta que su padre se enteró y vendió al prisionero a otra banda de albaneses: incluye desenlace. Coñece persoalmente a Rajoy?
Téñenmo presentado.

Dedicoulle un relato.
Fíxome graza como personaxe. Empecei a tratalo de modo cómico como se el fose un humorista, co seu xeito de falar, co seu desinterese por todo.

Outro asunto tan pontevedrés como discutido é a presenza da papeleira Ence na ría. Vostede dedicou a ese asunto o documental Fóra.
Vivindo en Pontevedra ten que interesarche o tema de Ence. Aínda que esteas en contra de que se fagan as cousas dun xeito ou doutro.

Escribe unha colaboración semanal no Diario de Pontevedra en relación a medioambiente na cidade. Tanto dá de si a materia?
Entre Ence, a baixada dos gases invernadoiro pola eliminación do tráfico rodado e a contorna rural que temos, calquera pontevedrés ten unha opinión formada sobre medioambiente. Falar de que se Ence siga na ría ou non, de que o Concello fai ben ou non ao quitar os coches son debates políticos.

Tamén sabe ser amable. Fixo catro documentais para nenos.
Trátase de documentais ficcionados que contan unha historia e transmiten unha mensaxe. Os personaxes viven unha aventura e transmiten unha historia dun concello ou valores como a compostaxe ou as vantaxes de pasar horas na natureza.

Comentarios