Pixar/Disney. Equilibrio xenial

A maridaxe entre Pixar e Disney continúa ofrecendo películas cheas de calidade para nenos e non tan nenos, a través duns guións e diálogos que reflicten moitas das teimas do ser humano, aínda que adaptadas ao que ten que ser unha película de éxito

O ANO 2006 Disney merca Pixar, a compañía creadora de éxitos como ‘Toy Story’, ‘Monsters’, ‘Buscando a Nemo’ ou ‘Os incríbles’, ao darse conta de que os seus protagonistas comezaban a verse superados polos feitos polos creativos de Pixar. Esa compra, entendida xa como un gran negocio, fixo temer a moitos que Pixar perdería parte da súa identidade, dun cine que revolucionou a animación grazas á aplicación dunha nova tecnoloxía, pero tamén a unha serie de guións capaces de afondar no ser humano a través dunhas historias pensadas xa non só para rapaces.

Ben lonxe desa presunción, Pixar soubo controlar perfectamente a dose de azucre con que gosta adornar os seus produtos Disney e, cun maior respaldo económico, xurdiron obras mestras como ‘Cars’, ‘Ratatouille’ ou ‘Up’, xunto a outras películas tamén magníficas. Ese equilibrio entre os dous mundos, o de Pixar e o de Disney, funciona coma unha perfecta balanza na que calibrar ambos compoñentes e poñelos a disposición do cine, do cine con maiúsculas, que é como se debe entender estas produccións, aínda que sexan de animación, semellando que sempre teñen que demostrar algo máis co outro cine. Hoxe en día a animación permite facer algo moi semellante ao cine feito por actores reais, a súas historias, o seu desenvolvemento, a súa posta en común coa realidade, permítenos achegarnos ao que sucede na nosa sociedade.

Bo exemplo diso é a última das súas estreas, ‘A viaxe de Argo’ que durante estes días pódese ver nas nosas pantallas. Un filme cheo deses elementos que equilibran un produto para acadar a dose necesaria de éxito. A historia dun pequeno dinosauro medoso e con moitos complexos ao lombo e que se verá envolto nunha viaxe iniciática e chea de peripecias, permítenos ver o ben que se sabe adaptar a productora a esa dinámica. Ese dinosauro posúe as características do ser humano que medra cheo de temores e de incomprensións e que se atopará, no devir duha viaxe de aprendizaxe,  acompañado dun neno que ten o comportamento dun animal. Unha mutación que permite cambiar os papeis e ofrecer un curioso contraste que achega unha nova visión a este tipo de narracións nas que o camiño conxunto vai establecendo todo ese proceso dende o que poder medrar e enfrontarse ao mundo adulto.

Non é novo ese emprego da viaxe como espazo de crecemento interior, e é algo que xorde da gran narrativa, tamén dos primeiros tempos. Qué é a ‘Odisea’ senón o relato dunha viaxe, ou ‘Moby Dick’?, colocar ao ser humano en situacións límites para tentar rescatar do seu interior aquilo que o vai facer evolucionar. Tamén Disney o propuxo co ‘Rei León’ e máis tarde, xa con Pixar, en ‘Up’.

Pero no filme asoman outros ingredientes que seguen a facer medrar o cine de animación e así durante uns minutos convértese nun western, que lle outorga un carácter épico ao argumento. Albíscase o Monument Valley fordiano, e atopámonos con escenas e planos moi do estilo do western clásico de Howard Hawks ou o máis recente de Kevin Costner. É a necesidade do desafío ante a natureza, o medirse con forzas moi superiores a un e que, dende a súa domesticación, serven para alicerzar un novo espírito. E despois, por suposto, a emoción, a bágoa que comeza a saír cando se resolve o argumento, cando entendemos que a viaxe, como tantas na vida, non foi un territorio ermo.

Cando por unha pantalla asoma Luxo Jr., esa lámpada que é a mascota de Pixar, preparámonos para asistir a unha aventura do mellor cine que se pode ver hoxe. Historias que teñen a animación case como unha desculpa para explorar as condutas do ser humano, ao fin e ao cabo, ao que sempre se debe calquera manifestación artística, e o que fai Pixar, e o que nos chega a transmitir é arte de primeira categoría froito dun equilibrio xenial.

Comentarios