Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Perdidos, frustrados e cabreados

Clara Medrano, Uxía Amoedo e María Elena Gómez, de esquerda a dereita, paseando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Clara Medrano, Uxía Amoedo e María Elena Gómez, de esquerda a dereita, paseando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Forman parte dunha xeración de mozos que só coñeceu a crise. Uxía Amoedo, Clara Medrano e María Elena Gómez analizan, dende distintas perspectivas, as circunstancias que marcaron aos rapaces de entre 25 e 30 anos que remataron os seus estudos e se deron de fronte cun mercado laboral hostil sen apenas oportunidades

Uxía Amoedo non sabe o que é un contrato indefinido. "Para nada". Tampouco Clara Medrano. María Elena Gómez si. Ela traballa dende hai seis anos nunha tenda de roupa e agora está indefinida. Pero formouse noutra cousa. Estudou Educación Social. "Aínda que agora toda esa etapa dos estudos me pareza que sucedeu como noutra vida". As tres forman parte dunha xeración, a que ten hoxe entre 25 e 30 anos, que só coñeceu a crise. As tres pensan que a situación económica dos últimos anos frustrou as aspiracións dos mozos mellor preparados da historia de España. Así o din. E as tres pensan que a cousa vai para longo.

Para Uxía Amoedo hai varias xeracións que se forman sabendo que non van contar con case oportunidades laborais. "Eu, que ademais fixen unha carreira como Bioloxía, enseguida fun consciente de que os recortes en investigación me deixaban sen case oportunidades de traballo". Recoñece que se ten arrepentido de estudar esa carreira. "Quizais hoxe buscaría outra cousa".

Uxía Amoedo
"Precariedade, recortes... A que prezo imos saír da crise? E aínda parece que tes que dar as grazas por que te exploten"

Ela fixo algo que se converteu no común entre os mozos universitarios: un máster. "Non son máis que filtros que che van impoñendo. Xa non é suficiente con estudar a carreira. Despois tes que seguir formándote, especializándote, facendo másteres, cursos, e iso non todo o mundo se o pode permitir". María Elena Gómez concorda. "Esa é unha das razóns que, no meu caso, tamén me desanima a intentar volver a engancharme ao que estudei. Ves que a xente se segue formando e formando e ti paraches para traballar doutra cousa". A moza de Barro apunta outra cuestión importante. "Hai que ter en conta, ademais, que se decides seguir formándote, se baixas de nivel de estudos, por exemplo, se contas cun título superior e despois decides facer un ciclo de FP, perdes o dereito a bolsa", di. "Tamén perdes o dereito a bolsa se decides estudar outra carreira. A pesar das notas que teñas. Póñeno moi difícil. Elixiches unha carreira, listo. Se queres outra, xa é vicio", engade Amoedo.

Nun sentido semellante, as tres mozas coinciden en que falta orientación laboral. "Cando acabas a carreira, moitas veces non sabes nin que saídas laborais tes", di Gómez.

 

María Elena Gómez
"A xente segue formándose e formándose. Isto tamén te desanima á hora de intentar volver a engancharte"

EMIGRACIÓN. As mozas recoñecen que a realidade á que se enfrontaron lles xerou unha mestura de "pena, frustración e cabreo". Amoedo fala de amigos en situacións semellantes ou directamente emigrados. "Teño un amigo enxeñeiro de minas, cun expediente boísimo, que está traballando como técnico, nun posto moi inferior á súa cualificación, e saltando de empresa en empresa. E outra amiga enfermeira que está traballando en Inglaterra". Dos compañeiros de estudos de María Elena Gómez, só coñece o caso dun que se adique á Educación Social. En Cataluña. "É unha comunidade na que o traballo social con menores está moi potenciado e hai moitas máis oportunidades, aínda que sexa saltando de contrato temporal en contrato temporal e de empresa en empresa".

Clara Medrano di que só coñece a tres compañeiros que se adiquen ao xornalismo. "O resto, se traballa, faino en cousas que non teñen nada que ver. Un compañeiro de promoción está nas Páxinas Amarelas. E moitísimos están opositando. Ao que mellor lle vai é youtuber", explica. "Despois, as condicións laborais ás que te enfrontas son moi malas. Cando non che ofrecen que traballes directamente gratis pola visibilidade, pola experiencia... Eu, ata agora, a iso sempre me neguei porque me parece que hai límites que un non debe superar porque van mesmo contra a dignididade. E porque non quero acabar queimada con 24 anos".

Clara Medrano
"A traballar gratis négome. Porque vai contra a dignidade. E porque non quero acabar queimada con 24 anos"

A xornalista viviu a experiencia da emigración, como moitos licenciados españois. Marchou un ano a Chile na procura de máis oportunidades laborais. "Porque alí hainas. Traballei nun medio on-line [biobiochile.cl] durante un ano e volvín por decisión propia. De feito, non descarto volver marchar. Sei que alí vou ter traballo". Non só para xornalistas. "Qué va. Case en toda Latinoamérica están agardando que cheguen profesionais dende España para contratalos. Dígoche máis, en Santiago de Chile hai un barrio que é como unha pequena España, no que viven arquitectos, enxeñeiros, médicos... emigrados".

O peor é que, para todas elas, a cousa vai para longo. "Dicían que ía ser uns anos e aquí seguimos. Sen contar coa cantidade de dereitos laborais que se foron perdendo e que non se recuperarán. Porque din que hai menos paro, pero o que eu vexo que hai é máis precariedade laboral e recortes en cuestións clave como a educación, a sanidade ou a investigación. A que prezo imos saír da crise? E aínda tes a sensación de que tes que dar as grazas por que te exploten", di Uxía Amoedo. "Sen contar con estas realidades sen sentido ningún, como o caso da miña amiga enfermeira que foi bolseira toda a súa vida e agora paga impostos en Inglaterra. Ou o diñeiro que o Estado investiu en min, en que fixera esta carreira, que agora non podo exercer. É ridículo". E conclúe: "Ao final, sínteste un pouco perdida. Porque fixeches todo o que se supoñía que tiñas que facer e non valeu de nada".

Quen son?

Uxía Amoedo (A Lama, 1992) estudou Bioloxía na Universidade de Vigo. Cando rematou, traballou unha temporada de comercial para aforrar cartos que lle permitiran facer un máster. No seu caso foi o de Formación do Profesorado (antigo CAP) para poderse presentar ás oposicións de mestre de Secundaria. Este ano fíxoo por primeira vez. Segue preparándose.

Clara Medrano (Sanxenxo, 1992) estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid. Fixo prácticas en xornais como Marca, 20 minutos e Diario de Pontevedra. A falta de oportunidades laborais levouna a marchar a Chile para traballar. Despois dun ano decidíu volver probar sorte en España. "Alí hai moitas máis oportunidades laborais, pero é duro ser xornalista muller en Latinoamérica e faise difícil vivir tan lonxe da casa", explica.

María Elena Gómez (Barro, 1988) estudou Educación Social. Ao rematar, na procura de traballo, fixo un curso de monitor de tempo libre. Finalmente, entrou a traballar temporalmente nunha tenda de roupa. Unha vez que a fixeron indefinida non se lle pasa pola cabeza deixalo.

Perdidos, frustrados e cabreados
Comentarios