Pepe Coira anuncia que Movistar+ estreará a súa serie policíaca 'Hierro' en outono do 2018

O lucense será o guionista desta coprodución francogalega ambientada en Canarias que dirixirá o seu irmán Jorge. A presentación tivo lugar no encontro internacional Conecta Fiction, que promove a Xunta en Santiago
Imaxe da serie
photo_camera Imaxe da serie

O cineasta lucense Pepe Coira presentou ‘Hierro’, unha serie de oito capítulos de 52 minutos de duración, onte no Conecta Fiction de Santiago, un evento que promove a Xunta. A rodaxe, que será dirixida por Jorge Coira, comezará a primeiros do vindeiro ano e podería ser estreada no outono do 2018.

Segundo explicou o seu creador, trátase dun thriller ambientado na illa canaria que comeza cando o cadáver dun rapaz con signos de ter sufrido violencia aparece como consecuencia dunha erupción volcánica. Un empresario local é enviado a prisión co convencemento xeral da súa culpabilidade. «Unha xuíza cun temperamento especial, que non acaba de encaixar na illa, decide liberar o empresario», unha acción impopular que esperta a desconfianza na illa, «mentres busca o culpable», apuntou Coira, que ideou a serie e tamén a escribiu xunto a un equipo de guionistas no que tamén figura a galega Araceli Gonda.

Pepe Coira definiu ‘Hierro’ como «un policial puro ambientado nun lugar tan singular como El Hierro, que é o peor sitio para matar a alguén sen que te descubran». A poboación da illa apenas supera os 10.000 habitantes. O guionista e produtor lucense confesou que, para ambientar a súa idea de serie, pensou «no lugar máis remoto posible e é moi difícil chegar a El Hierro, porque soamente hai un barco e un avión ao día, e depende das condicións do clima que non os pechen».

O presuposto rolda os cinco millóns de euros, que serán achegados pola produtora galega Portocabo e pola francesa Atlantique Productions, que a emitirá a través da canle Arte. Pepe Coira participará tamén na produción executiva.

Aínda que a rodaxe en si está programada para dentro de seis meses, o creador da serie indicou que o día 1 de xullo tomarán imaxes da procesión de La Bajada para incluílas.

O éxito de ‘Hierro’ comezou na Berlinale de 2015, cando gañou o certame para ficcións televisivas Co-Pro Series Ese triunfo xerou oportunidades internacionais para esta serie, que fora concebida orixinariamente para LaSexta.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou no Conecta Fiction as ligazóns existentes entre Arxentina e España. Esta colaboración fará posible a serie ‘El extranjero’, anunciada onte en primicia.

Trátase dunha nova coprodución entre a española Boomerang TV e a arxentina Underground Producciones. A serie conta a historia dun famoso tenista español que se converterá en principal sospeitoso do asasinato dunha moza arxentina de familia influínte. Rodarase en Bos Aires con actores de ambas as nacionalidades.

Un dos paneis principais desta xornada, centrado na creatividade e expansión mundial das ficcións arxentinas, contou coa participación de oito produtoras que están a desenvolver os proxectos máis populares. Entre elas, StoryLab e Kapow presentaron ‘Estocolmo’, primeira serie realizada para a plataforma Netflix nese país, que cunha historia policial nos baixos fondos de Bos Aires está a cativar o público arxentino.

Outra serie presentada onte é ‘Paraíso’, da española Mediapro acompañada da finesa Creativa Content Yleisradio, e primeira coprodución televisiva entre ambos os países. Seguindo a estela dos éxitos internacionais do xénero negro escandinavo, desenvolverá un ‘nordic noir’ ambientado na Costa del Sol, onde varios membros da comunidade finesa acaban envoltos nunha serie de crimes.

Comentarios