viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Patrimonio dos Ancares localiza en Navia de Suarna restos dun castro do século IV

As dúas caras da moeda, datada arredor do ano 320 d.C.
As dúas caras da moeda, datada arredor do ano 320 d.C.
O asentamento está en Santa Mariña, na parroquia de Ribón, e unha moeda romana atopada no lugar indica que estaba ocupado arredor do ano 320

O colectivo Patrimonio dos Ancares confirmou que a aldea de Santa Mariña, na parroquia de Ribón, en Navia de Suarna, estaba habitada no século IV. Os restos atopados indican que arredor do ano 300 d.C. había un asentamento de poboación, que podería ser castrexa ou romana.

Membros de Patrimonio dos Ancares realizaron en días pasados unha visita ao lugar, catalogado como castro pola Xunta de Galicia, e localizaron unha moeda romana do século IV, restos de cerámica e pezas de mineral de ferro que se utilizaban para eliminar os residuos na fundición do metal.

O investigador Xabier Moure apunta que a de Santa Mariña é a primeira moeda romana atopada en Navia de Suarna. "Na comarca dos Ancares son moi escasas, sabemos dalgunha na Condomiña (Baralla), nas proximidades das Pontes de Gatín (Becerreá) e no castro de Santa María (Cervantes)", apunta, pero as noticias delas limítanse á tradición oral e refírense a expolios por parte de buscadores furtivos.

A importancia do achado radica en que a peza permite datar o asentamento de poboación. A moeda é de bronce e presenta no anverso un busto laureado do césar mirando cara á dereita, co nome de Crispo, e no reverso figura a lenda Caesarum Nostrorum Vot V, que indica o número de anos que o emperador prometeu de fidelidade, pois as moedas acuñábanse con motivo de acontecementos sinalados, como vodas ou vitorias. Caio Flavio Xulio Crispo naceu no 305 e o seu pai mandouno matar no 326 por seducir á súa segunda muller. Foi nomeado césar no 317, polo que a moeda ten que ser dese tempo.

Xabier Moure explica que o xacemento está situado a 580 metros de altitude, na marxe dereita do regueiro Cantorcia. Ten forma ovalada, con medidas aproximadas de 80 por 50 metros, e o perímetro estaba rodeado por un muro de contención de pedra de máis dun metro de altura e outro de ancho, que o investigador considera que puidera ter orixe nos muros do recinto primitivo. Aprécianse tamén os restos dun foxo. O espazo está ocupado na actualidade pola casa parroquial, que está en ruínas, un alpendre, unha corte e terras de labranza.

Moure sostén que o asentamento foi un castro en orixe, pero dubida de se os últimos ocupantes foron castrexos ou se xa se trataba de romanos, que se instalaban nas montañas para controlar a actividade mineira da zona. Lembra que en Navia de Suarna hai localizadas arredor de 50 explotacións auríferas e 31 castros, a maioría ocupados polos romanos.

Patrimonio dos Ancares localiza en Navia de Suarna restos dun...
Comentarios